“O noso traballo non remata ó poñer o leite no tanque, hai que vendelo”

Representantes de cooperativas, organizacións agrarias e asociacións debaten nas xornadas de Seragro sobre as necesidades e vías de organización do sector gandeiro. Resumimos as súas intervencións

“O noso traballo non remata ó poñer o leite no tanque, hai que vendelo”

Román Santalla, Manuel Iglesias, Roberto López e José Ángel Blanco (de esquerda a dereita), na mesa redonda das xornadas de Seragro. / Imaxe: Seragro.

A crise que atravesou o sector lácteo no último ano e medio puxo de manifesto as carencias de organización que hai no sector, sen mecanismos que garantan a comercialización de todo o leite a prezos de mercado. Representantes de cooperativas, organizacións agrarias e asociacións veñen de participar nunha mesa redonda para analizar os retos de organización de cara ó futuro.

O evento, encadrado nas xornadas de Seragro en Lugo, contou coas intervencións de José Ángel Blanco (cooperativa Os Irmandiños), de Roberto López (Agromuralla), de Manuel Iglesias (Organización de Productores de Leche, OPL) e de Román Santalla, como representante de Unións Agrarias-Upa. Santalla tamén é presidente da cooperativa Cobideza.

O sector gandeiro ante o reto dunha maior organización

José Ángel Blanco: O obxectivo das cooperativas hoxe en día debe ser xerar beneficios e que repercutan nos socios. O sector necesita vías de comercialización e estruturas fortes. En parte dos gandeiros, houbo un mal concepto sobre as cooperativas, pero eu ás veces digo: non temos cooperativas, somos grupos de amigos. As cooperativas actuais non nos serven para defender o mercado. Precisamos estruturas máis fortes, que defendan máis ós gandeiros, como hai en Europa e, máis preto de nós, en comunidades como Asturias, Andalucía ou País Vasco.

“Non temos cooperativas, somos grupos de amigos. Precisamos estruturas fortes que sexan capaces de defender ós gandeiros” (José Ángel Blanco)

Roberto López: Somos bos gandeiros, cada ano producimos máis litros de leite e de máis calidade. Somos punteiros en Europa, excepto a nivel de terras dispoñibles, pero conformámonos con poñer o leite no tanque. Temos que ser capaces de vendelo. Ese é o noso obxectivo, chegar a envasar o noso leite e vendelo como leite de Galicia.

Manuel Iglesias: Antes de que rematasen as cotas, no 2014, xa nos demos de conta de que os gandeiros iamos quedar sen protección, pero como daquela pagaban ben o leite, ninguén se preocupou. É certo que, como se está vendo nestas xornadas, os gandeiros temos que ser o máis eficientes posible a nivel individual, no manexo da nosa explotación, pero o noso traballo non pode rematar ó poñer o leite no tanque, como di Roberto. Temos que ter unha estratexia colectiva, como sector, a curto e medio prazo. Cal é a nosa estratexia? Non temos.

“Os gandeiros temos que ser eficientes nas nosas granxas a nivel individual, pero precisamos tamén dunha estratexia colectiva” (Manuel Iglesias)

Román Santalla: Eu teño claro que rachando cada un polo seu lado non imos avanzar na organización do sector. Se queremos defender o prezo do leite, haberá que facelo de xeito común e buscar as cousas que nos unen.

En segundo lugar, hai que aspirar á negociación colectiva de prezos. Se non aspiramos a negociar, as mobilizacións ou calquera cousa que fagamos terá un percorrido curto. Para negociar, temos a ferramenta das organizacións de produtores (OPs). Que pasa? Que as industrias en Galicia non queren negociar coas dúas OPs existentes. Para evitar esta situación, a Administración ten que lexislar que as industrias só poidan negociar coas OPs o leite dos gandeiros que estean nunha organización de produtores, que non poidan pontealas indo a negociar directamente con cada granxa.

“Hai que aspirar á negociación colectiva de prezos a través das organizacións de produtores” (Román Santalla)

Proxectos de industrialización

José Ángel Blanco: En Francia, unha cooperativa pequena vende o dobre de todo o leite que se produce en Galicia. Hai que abrir os ollos. As cooperativas que temos non somos capaces de meternos en proxectos importantes.

Cando as cooperativas entramos en Clesa, precisábase a aportación de 12 millóns de euros. Tivemos unha reunión de 23 cooperativas, pero só 10 demos o paso de implicarnos na compra, e hai que dicir que daquela quedamos tambaléandonos. Se analizamos, por exemplo, o proxecto industrial que se vai montar en Teixeiro, o de Goodleit, vemos que hai previsto un investimento de 70 millóns de euros. Temos que ter en conta quen somos e onde estamos.

“Fálase con moita facilidade de industrializar o noso leite e de exportalo. Dá a impresión de que é cousa sinxela” (José Ángel Blanco)

Tamén observo que se fala con moita facilidade de industrializar o leite e de buscar vías de exportación. Estamos vendo nestas xornadas como precisamos dun experto que nos asesore para mellorar no muxido e, sen embargo, o de industrializar e vender o leite semella ás veces como se fose moi sinxelo.

Utilidade das organizacións de produtores


Manuel Iglesias
: As OPs non son capaces de negociar e, por tanto, teñen unha utilidade que xenera dúbidas. Para ter forza, sería precisa unha unión de todas as organizacións de produtores de España, non só das dúas de Galicia.

José Ángel Blanco: O sector non está preparado para negociar, nin gandeiros nin industrias. Como gandeiros, temos unha posición reivindicativa, enfrontados á industria, e a nivel individual non somos capaces de ceder a negociación do produto. Non o facemos. Se vén a industria e nos negocia na casa e asinamos, non valen para nada as organizacións de produtores. Eu non creo nas organizacións de produtores, pero mellor unha única en Galicia que dúas.

“Os gandeiros non somos capaces de ceder a negociación do produto. Así as organizacións de produtores non valen de nada” (José Ángel Blanco)

Román Santalla: A negociación colectiva ten todo o sentido do mundo. Vai ser difícil? Si. As cooperativas xa están organizadas e o reto é organizar a todo o sector que está fóra das cooperativas. Iso daría pé ó respeto das industrias.

Valoración da Interprofesinal Láctea (Inlac)

Roberto López: Ás granxas non nos chega información da Interprofesional Láctea. Para nós non significa nada.

“Ós gandeiros non chega información da Interprofesional Láctea. Para nós non significa nada” (Roberto López, Agromuralla)

Manuel Iglesias: A Interprofesional nin funciona nin é útil para o gandeiro. Non vemos que defenda o consumo do leite de vaca fronte ós leites vexetais. Tampouco ten un papel na mellora da cadea de valor do leite.

Román Santalla: A Inlac ten valor á hora de promocionar o leite e de chegar ó consumidor. Tamén elaborou uns índices para a indexación de prezos dos contratos no campo. Non se utilizan moito, pero algunha industria si que os colle. A cooperativa que presido (Cobideza) si ten asinados contratos con esos índices.

Reactivación da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo

José Ángel Blanco: Eu defendo a unidade do sector en organizacións fortes. Calquera proxecto que repercuta na imaxe do sector e que vaia acompañado de estratexias empresariais e de poder económico sería positivo.

Roberto López: En tanto non sexamos profesionais para vender o noso produto, dan igual sindicatos, cooperativas ou asociacións. Unidos si, pero co único fin de comercializar o noso.

Manuel Iglesias: A Plataforma pode ser útil se serve para crear unha estratexia. Se non vale como ferramenta, guindémola na caixa de ferramentas. Só para manifestarnos, non serve de moito. Os actos reivindicativos deben estar dentro dunha estratexia.

Román Santalla: Calquera estratexia ten que pasar pola unión. Nós imos apostar pola unidade de acción e por ir xuntos ás mobilizacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información