
No lugar de San Xusto, concello de Lousame, ten as súas instalacións Tubío Busto SC, unha granxa familiar que produce anualmente por riba de catro millóns de litros de leite. Falamos con Fernando Tubío, que está agora á fronte do día a día da granxa.
Na actualidade traballan na gandería 6 persoas: Fernando, a súa esposa Sonia e catro empregados. Os pais de Fernando son parte da SC pero xa non realizan ningunha tarefa logo de dedicar toda a súa vida a facer medrar a explotación.
Pola cantidade de vacas que manexan e polo feito de muxilas tres veces ao día, a granxa necesitaría como mínimo catro empregados máis. Sen embargo, o sistema de batch milking permítelles efectuar a muxidura cun só operario e non depender dunha man de obra sempre escasa.
O relevo xeracional semella garantido en Tubío Busto xa que os fillos de Fernando e de Sonia teñen pensado incorporarse nos vindeiros anos. De feito, a ampliación prevista plantexouse de cara ao futuro a longo prazo.
Fernando detecta tres problemas principais no sector de vacún de leite: a falta de base territorial para a maioría das explotacións, a falta de man de obra para contratar nas granxas e o exceso de trámites burocráticos que requiren moitas horas de traballo.
Cabana gandeira
Actualmente o rabaño está composto por 300 vacas en produción leiteira, unhas 40 secas e arredor de 210 xovencas. “Destinamos moitas cabezas a recría porque o noso obxectivo a curto prazo é chegar a muxir 450 animais diarios. Por eso temos que contar con moitas xovencas e despois facer unha selección polo seu potencial produtivo.”, di Fernando.
Todas as vacas en produción están xenotipadas. Para inseminar os mellores exemplares, emprégase seme sexado de touros que cumpren os parámetros de alta produción. Para os cruzamentos cárnicos utilizan doses da raza angus, tanto porque é unha das que máis demanda o mercado como polos bos resultados que están a obter.
Traballamos con animais xenotipados e empregamos seme sexado de touros de alta produción coas mellores vacas (Fernando Tubío, Tubío Bustos SC)
Dende xa hai moitos anos, na granxa nin se mercan nin se venden animais para vida. “Porque precisamos sempre cada unha das vacas para seguir aumentando a produción e porque fixemos moito traballo xenético e ten que dar os seus froitos na casa.”

O sistema de batch milking é a base dos proxectos de crecemento da explotación
As cualificacións dos animais de Tubío Busto SC que elabora a Confederación de Asociaciones de Frisona Española (CONAFE) sitúanse en arredor de 1.000 puntos ICO e 80 de cualificación morfolóxica. “Son aspectos que non nos preocupan moito porque estamos orientados a producir, temos mellorado moito a xenética e a venda para vida non é parte do noso negocio.”
Produción de leite e alimentación do gando
A granxa está en control leiteiro a través de Africor A Coruña e realízase de forma alterna unha vez ao mes. A produción anual oscila entre 4 e 4,2 millóns de litros. Co aumento da cabana produtiva agárdase chegar aos 6 millóns de litros nos vindeiros anos.
“Actualmente a media é de 41 litros por vaca e día. Traballamos para que sexa máis alta pero aínda nos estamos recuperando dun problema sanitario causado polo gran húmido de millo. Tiña toxinas e provocou a morte dalgúns animais e moitos abortos. E, no medio deso, unha vacina para a pneumonía causou moitas reaccións negativas nas vacas. Confiamos en que non pase nada máis e poidamos retomar a media que tiñamos, de 43,5 litros por vaca/día.”
A ración das vacas en produción leiteira -que foi modificada recentemente- componse de 30 quilos de silo de millo, 14 de silo de herba, 6 de concentrados e 4 de colza. A maiores, os animais consumen unha media de 3,5 quilos de pensos nos robots. “Aínda que hai animais que non comen máis ca 1 quilo e outros que chegan a 7. Depende de en que fase produtiva se atopen.”
Baixounos a produción por problemas sanitarios pouco habituais e esperamos recuperar a media de 43,5 litros por vaca e día
“Para as vacas secas facemos unha ración composta de 5 quilos de palla, 15 de silo de millo e 1,5 quilos de penso. O lote de xovencas máis grandes consume 3 quilos de palla, 17 de herba seca, 1 de penso e 1 de colza. Contar co carro mesturador propio tamén nos da moita facilidade á hora de elaborar ou modificar as racións.”
Durante algúns anos, na granxa empregaron bagazo de cervexa para acelerar a dixestibilidade da ración. “Non deu mal resultado pero nunca se conseguía un fluxo continuo de produto. Algunhas semanas tiñas de máis e outras non había como conseguilo. Así que deixámolo porque non se pode andar cambiando a ración constantemente.”
Agora é a colza a que cumpre o papel do bagazo na ración. Tanto a colza como a palla hainas que mercar. No caso da palla en Castela e no da colza no porto da Coruña. Sempre pode haber variacións de custes dun ano para outro. Con todo, ambos alimentos están a dar óptimos rendementos e sen alterar os resultados económicos.

O uso de aleitadoras facilita o intenso traballo de recría en Tubío Busto SC
A produción leiteira da granxa véndese integramente a Leite Celta dende hai cinco anos. “A baixada de prezo en orixe supuxo un certo golpe anímico e económico, como en todas as granxas. A nós ampáranos o batch milking, porque o que aforramos en empregados serve para amortizar o sistema de muxido. Estamos falando de 4 empregados máis que farían falta se seguiramos coa sala.”
A filosofía da granxa é a de ir aumentando a produción de forma constante pero sen descoidar os niveis de sólidos no leite
Os niveis de sólidos no leite son notablemente altos para unha explotación intensiva. Así, a graxa sitúase en 3,90 e a proteína acada un 3,55. O reconto celular está en 190.000. Estes niveis acádanse cuns animais que teñen de media 2,9 partos na súa vida útil. “Coa utilización de seme sexado buscamos primeiro aumentar a produción e despois a proteína e a graxa.”
Sistema batch milking
Na granxa levan case dous anos co sistema de de muxidura batch milking da marca GEA. Contan con 8 robots do modelo Dairy Robot R9600 e as vacas pasan tres veces ao día polo sistema de muxido. O que se fai é agrupalas por lotes con animais de características e momentos de lactación semellantes.
“O que sempre facemos é separar as primeirizas. Esas van no seu lote propio. E despois organizamos de forma que vaian xuntas as de segundo e terceiro parto ata completar cada un dos tres lotes.”
Co batch milking temos un aforro económico e enerxético que xenera un colchón ante eventuais problemas
Cada sesión de muxidura dura arredor de catro horas e media. As entradas nos robots están programadas para as 4 da madrugada, as 11,30 da mañá e as 7 da tarde. Os 8 robots permitirían chegar a muxir sen problema esas 450 vacas obxectivo.
“A decisión de introducir o batch milking veu motivada porque coa sala levábanos moitísimo tempo muxir e necesitabamos moita man de obra. Primeiro pensamos en robots de tráfico libre pero non nos acabou de convencer porque o que realmente queriamos era un funcionamento como o da sala e con poucos operarios. Fomos a Barcelona ver unha granxa de batch milking e xa non o pensamos máis.”
Base territorial
Para a produción de forraxes, a granxa traballa unha superficie de 120 hectáreas, das que 22 son en propiedade e as outras 98 son en réxime de arrendamento. “Aquí non é doado facerse coa terra útil para forraxes. Nesta parte do concello concéntrase a actividade gandeira e tamén están as granxas de Rois competindo. Pero nos beneficiámonos dun acordo de arrendamento coa comunidade de montes.”

A nave foi reformada para que as vacas poidan moverse con espazo suficiente antes e despois de pasar polos robots
A totalidade das hectáreas que manexan empréganse para o cultivo de raigrás italiano e de millo nas mesmas parcelas, obtendo así un alto rendemento das terras. Ademais, nos últimos anos apenas tiveron ataques do xabaril no millo polo que o cultivo foi moi rendible. “Sen embargo, nestes últimos meses notamos un repunte da presenza nas leiras a herba. Esperemos que non vaia a máis a cousa.”
Instalacións e maquinaria
As instalacións actuais concéntranse nunha nave na que se foron facendo diferentes ampliacións e reformas. “Ao ir aumentando a carga gandeira e introducir o batch milking foi preciso ampliar. E tamén facer obras para adaptar o sistema. Agora xa temos o proxecto de erguer unha nave para xovencas totalmente nova.”
Na instalación dispoñen de 300 cubículos para as vacas de leite, outros 180 para as xovencas e uns 40 para as vacas secas. O obxectivo é que os de xovencas pasen a ser usados polas de produción unha vez que se constrúa a nave de recría e se aumenten a 450 os animais en muxidura.
A construción da nave para xovencas permitirá garantir a recría e dispoñer de máis espazo para as vacas en produción
Con tanto gando, a produción de xurros é moi elevada. Na granxa teñen unha fosa de 4.000 m³, é decir, con capacidade para 4 millóns de litros. “Con esa capacidade, haina que baleirar cada dous meses ou dous meses e medio. Pero o tipo de cultivos que empregamos e a superficie dispoñible absórbenos sen problema.”

A explotación dispón dun amplo parque de maquinaria para reducir a dependencia de terceiros nos labores agrícolas
A granxa está asociada á Cooperativa Xallas, se ben levan tempo sen recorrer aos seus servizos. O parque de maquinaria de Tubío Busto é moi amplo e realizan eles todas as tarefas agás a recollida do millo. Tractores, hileradoras, arados, cisternas, rotativas, autocargadores…agás a colleitadora do millo, toda a maquinaria necesaria téñena na explotación.
Dispoñemos de maquinaria para poder desenvolver todas as tarefas propias da granxa agás a recollida do millo con colleitadora
As camas das vacas elabóranse con carbonato cálcico e serrín. E reméxenas tres veces ao día, coincidindo cos momentos de muxidura. A elección do material obedece tamén a que eses materiais non causan ningún efecto negativo nos robots.
“Xa levamos tempo con placas fotovoltaicas instaladas para reducir os custes do consumo enerxético. Ademais, co batch milking emprégase menos enerxía que coa sala porque os motores son máis pequenos e non tiran tanto da rede.”
Galego









Control OJD