“O noso obxectivo é que o 100% do leite de Larsa sexa de pastoreo e medrar no resto de España”

Entrevista a José Armando Tellado Nogueira, director xeral de CAPSA, a cooperativa asturiana propietaria de Larsa, e presidente da Interprofesional Láctea (Inlac).

“O noso obxectivo é que o 100% do leite de Larsa sexa de pastoreo e medrar no resto de España”

José Armando Tellado Nogueira, director xeral de CAPSA, a cooperativa asturiana propietaria de Larsa, e presidente da Interprofesional Láctea (Inlac)

Larsa, propiedade da asturiana Capsa Food, é unha industria clve no sector lácteo galego, cunha cota de recollida do 14% do leite que se produce na comunidade. O pasado xoves presentou en Lugo o seu novo leite de pastoreo, un produto diferenciado que pretende xerar valor engadido e que este repercuta tamén no gandeiro.

O director xeral de Capsa Food, José Armando Tellado, destaca a boa marcha de Larsa, que segundo os seus datos “xa é a marca líder en Galicia en venda de leite en brik, e con excelente comportamento de iogures e queixos”. Neste sentido, prognostica un futuro prometedor para as dúas plantas con que conta en Galicia (Outeiro de Rei e Vilagarcía de Arousa), apostando pola polivalencia, para ser capaces de fabricar diferentes tipos de derivados lácteos, e pola exportación ao resto de España.

Que importancia ten para Larsa a presentación deste leite de pastoreo?
Creo que é un camiño sen retorno no noso compromiso cunha alimentación máis sa, natural e de mellor calidade. O pastoreo é un paso adiante coa nosa marca Larsa, polo que nos comprometemos a que os consumidores van gozar do mellor sabor dun leite que procede de vacas que se alimentan de pasto e ao aire libre, nun mínimo de 120 días ao ano, pois non sempre os pastos están dispoñibles para ser a única fonte de alimentación.

“O próximo ano prevemos ampliar e dar maior polivalencia ás plantas de Outeiro de Rei e de Vilagarcía”

Estamos a axudar ás explotacións familiares de tamaño pequeno e mediano a medrar para desenvolver un traballo de calidade e lograr así un leite máis saudable, cun perfil de ácidos graxos máis beneficioso para a saúde, e con mellor sabor. E o gandeiro obterá unha mellor retribución polo seu leite. De momento certificamos a unhas 300 ganderías coas que xa estamos a traballar.

En canto á evolución do proxecto, vai depender dos consumidores e nós compartiremos o obxectivo de incrementar o leite en pastoreo, porque a nosa misión é crear valor engadido e repartilo co gandeiro.

O consumidor decidirá ata onde poderemos chegar, pero o noso obxectivo de fronte ao futuro é que o 100% da o leite que recollamos sexa pastoreo.

Cales son as grandes cifras de Larsa?
Neste momento recollemos en Galicia máis 30 millóns ao mes, ou o que é o mesmo, o 14% do leite producido en Galicia. Para o próximo ano prevemos que Larsa aumentará a súa recollida anual ata uns 400 millóns de litros, que envasaremos tanto para Larsa como para outras marcas.

Larsa está a ter un comportamento moi bo, ata o punto de que xa somos líder en leite de brik en Galicia, e é a marca de maior crecemento dos últimos 3 anos.

Sen embargo, o leite de pastoreo non ten o prezo para os gandeiros do leite ecolóxico, que neste momento sitúase nos 50 céntimos. Como convencería ao gandeiro?
En todo momento procuramos construír unha relación sustentable co gandeiro. Isto quere dicir que, por exemplo, a día de hoxe temos en todos os nosos contratos en Galicia unha parte da retribución do gandeiro vinculada aos prezos da manteiga e do leite en po, e por tanto están a ver unha recuperación dos prezos que perciben, en consonancia coa evolución do mercado internacional. A maiores, os gandeiros en pastoreo terán unha prima.

Por tanto, se neste momento probablemente xa somos a industria láctea que mellor paga o leite en Galicia, o leite de pastoreo permitirá que estes gandeiros teñan unha retribución incrementada.

Cales son os proxectos de Capsa para Galicia?
Temos varios proxectos pero aínda teñen que se aprobados polo consello de Capsa. En concreto, temos tres importantes proxectos apoiados na innovación e que presentaremos a principios de 2018 ao mercado.

Por outra banda, temos dous proxectos industriais, un de nova implantación e outro de ampliación de capacidade. Son proxectos para as nosas plantas de Vilagarcía de Arousa e de Outeiro de Rei, e que esperamos que estean executados nun ano ou nun máximo de 15 meses.

No caso da nosa planta de Outeiro de Rei o noso obxectivo é construír nova capacidade e seguir achegando innovación. E en en Vilagarcia necesitamos ampliar capacidade pola boa evolución dos iogures de Larsa.

“Estamos a traballar con outras cooperativas galegas para elaborar queixos de leite de pastoreo”

¿Manterán o acordo con Casa Macán para a elaboración de liña de queixos de Larsa?
Con Casa Macán non temos ningún acordo de colaboración, porque era un acordo de intencións e que foi disolto hai tempo a iniciativa de Casa Macán. Neste sentido, estamos a traballar con outras cooperativas galegas para medrar en variedade. O noso compromiso é con Galicia e con queixos galegos, se é posible de leite procedente de ganderías en pastoreo e de carácter familiar.

Capsa acaba de asinar en Alemaña, na feira anual de Anuga, un contrato para empezar a exportar produtos lácteos a China. ¿Vai beneficiarse tamén Larsa destas exportacións?
Quixera contextualizar que os mercados exteriores son unha parte moi pequena do noso negocio. Galicia para Larsa é moi importante, e o que queremos é que, visto o interese que consumidores de fóra de Galicia están a mostrar nos nosos produtos, exploremos ese camiño, que é moi interesante e pódenos permitir medrar no resto de España a curto e medio prazo. E tamén no exterior, pero sabendo que papel pode xogar cada mercado.

“Vemos posibilidades para que Larsa medre no resto de España”

Para crear valor necesariamente hai que buscar oportunidades. Por iso cremos na diferenciación por calidade, por innovación e pola procura de novos mercados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información