O nemátodo do piñeiro espállase á provincia de Ourense, con catro positivos en Lobios

O nemátodo do piñeiro espállase á provincia de Ourense, con catro positivos en Lobios

'Monochamus galloprovincialis', insecto vector da praga do nematodo do piñeiro. / Imagen: Ángel Herrero Álvarez.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se declara a presenza de catro novos positivos do organismo de corentena nematodo do piñeiro en Galicia, concretamente no concello ourensán de Lobios. Ata agora só se detectaran casos puntuais no sur da provincia de Pontevedra, a onde a praga saltou dende Portugal. Por iso, a Consellería do Medio Rural vén de establecer as medidas para a súa erradicación.

Polo tanto, establécese unha zona demarcada, formada pola zona infestada, de 100 metros de radio ao redor das árbores afectadas, e unha tampón, de 20 quilómetros ao redor da infestada. Os concellos de Lobios, Entrimo, Lobeira, Muíños e Bande atópanse total ou parcialmente incluídos dentro da zona demarcada.

Ademais, establécese unha zona de corta de 100 metros ao redor das árbores afectadas onde os propietarios das parcelas terán que talar, separar e eliminar todas as plantas sensibles e tomaranse todas as precaucións necesarias para evitar a propagación do nematodo do piñiero. Posteriormente, tomaranse mostras de todas as árbores sintomáticas, mortas ou con mala saúde; así como das árbores asintomáticas e troncos cortados, residuos de tala e dos xerados naturalmente que presenten signos de actividade dos insectos vectores.

Os propietarios disporán dun prazo para levar a cabo estas tarefas e, no caso de non realizarse, a Administración autonómica poderá proceder á súa execución de forma subsidiaria mediante medios propios ou contratos con empresas do sector, podendo repercutir os gastos nos titulares das parcelas.

A resolución tamén contempla unha serie de condicións para a retirada e eliminación dos restos da tala, así como para a circulación e traslado tanto das plantas como da madeira e a codia sensibles.

Ligazón á resolución no DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información