O monte veciñal do Viso impulsa un proxecto de absorción de dióxido de carbono

A comunidade de montes rexenerou a masa natural de piñeiro do país que fora destruída nos incendios do 2016, unha iniciativa que inscribiu no rexistro de proxectos de absorción de CO2

O monte veciñal do Viso impulsa un proxecto de absorción de dióxido de carbono

Masas de piñeiros do país rexeneradas en zonas arrasadas polo lume no 2016.

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso, en Redondela (Pontevedra), acaba de inscribir o seu monte no rexistro de proxectos de absorción de dióxido de carbono (CO2) do Ministerio para a Transición Ecolóxica. A iniciativa, presentada pola comunidade de montes a finais do 2019, foi inscrita o pasado 16 de abril e prolongarase durante un prazo de 30 anos.

O proxecto consiste en 4,55 hectáreas onde a comunidade xa procedeu á realización de labores de rexeneración da masa natural de piñeiro do país que fora destruída nos incendios do ano 2016. A medida que a masa vaia medrando nos vindeiros 30 anos, as árbores absorberán da atmósfera dióxido de carbono, un dos principais gases responsables do cambio climático.

Ao inscribirse no rexistro, a comunidade do Viso pon a disposición daquelas entidades, administracións ou empresas a posibilidade de mitigar o carbono que se desprenda das súas actividades habituais, podendo compensalas apoiando o desenvolvemento de arborado e a restauración de montes. Unha vez a entidade calcula a pegada de carbono das súa actividade, poderá compensala a través do rexistro de absorcións do ministerio, onde os montes do Viso inscribiron as súas primeiras 4,55 hectáreas.

As actividades susceptibles de compensación pasarían tanto polas propias industriais, os transportes e loxística, a construción e tamén aquelas ligadas a outros eidos como poden ser eventos socio-culturais, iluminación viaria, sistemas de calefacción e climatización ou vehículos propios de servizo, ligadas ó labor cotiá de moitas entidades e administracións públicas. “É unha oportunidade para que tanto industrias como Administracións sexan consecuentes medioambientalmente e coa responsabilidade social corporativa, ó tempo que contribúen cunha iniciativa local”, explican dende a entidade veciñal.

A comunidade conta que en 30 anos a masa inscrita absorba 1.416 toneladas de CO2, das que na actualidade pode xa poñer unhas 257 toneladas de CO2 a disposición de interesados, que así, paralelamente, axudarán coa xestión sostible do monte. Aínda que no mercado non hai uns prezos medios fixados para estas emisións, estímase que ó longo do proxecto a comunidade poida percibir en torno a 14.000 euros por esas 1.416 toneladas, unha cuantía que contribuirá ó mantemento da masa forestal.

A xunta reitora da propiedade comunal conta que nos vindeiros anos, a medida que se vaian realizando novos labores de rexeneración das superficies danadas polos incendios do ano 2016, se poidan inscribir no rexistro ata unhas 40 hectáreas. “É unha maneira de apostar por novos servizos ecosistémicos e obter apoios económicos para poder desenvolver o inxente labor de mellora e posta en valor dos Monte do Viso”, apuntan dende a comunidade de montes.

Requisitos

Existen dúas vías para que os montes poidan inscribirse no rexistro de proxectos de absorción de CO2 do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Por unha banda poden incluírse aquelas masas acabadas de plantar en zonas de monte que estiveran sen arborado dende o ano 1989. Zonas da alta montaña ou de matogueira que foron repoboadas poderían atoparse dentro desta situación.

Por outra banda, aqueles montes que foron devastados por catástrofes naturais como poden ser os incendios forestais tamén se poderían acoller a este proxecto, de tal xeito que estes ingresos poidan contribuír minimamente ós gastos de recuperación destas zonas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información