A comunidade de montes veciñais en man común de Laza. Cimadevila e Souteliño, en Laza (Ourense) rexenerou recentemente unha masa forestal de 5,87 Ha. de piñeiro do país e a continuación, en xaneiro de 2020, coa asistencia técnica da empresa Braña, procedeu a inscribir esta masa forestal no rexistro de proxectos de absorción de dióxido de carbono (CO2) do Ministerio para a Transición Ecolóxica, cunha vixencia de 40 anos.
O proxecto dos veciños de Laza, Cimadevila e Souteliño espera alcanzar unha absorción total de 3.745 toneladas e unha parte delas xa está ao dispor de administracións ou empresas que queiran adquirir os seus dereitos para compensar as emisións de dióxido de carbono que producen na súa actividade diaria.
Durante o ano 2021 a comunidade de Laza, Cimadevila e Souteliño ten previsto incrementar o seu proxecto de absorción con outras 64 hectáreas máis, co obxectivo de superar as 44.000 toneladas dispoñibles. O prezo actual do mercado de CO2 varía entre os 25 e 30 euros por tonelada compensada, o que pode permitir importantes ingresos para a comunidade.
Compatible co aproveitamento forestal da masa
A inscrición dunha masa forestal no Rexistro de absorción do Ministerio para a Transición ecolóxica é perfectamente compatible co seu aproveitamento forestal, polo que en realidade é un complemento sobre os ingresos normais que se esperan obter da venda da madeira ao longo da quenda de curta da masa.
O monte de Laza, Cimadevila e Souteliño é un dos poucos de Galicia que conta na actualidade, e de forma simultánea, cos certificados de xestión forestal sostible PEFC e FSC.