“O monte hai que coidalo como se fai cunha horta se queremos que sexa produtivo”

Coñecemos como traballa a firma de aproveitamento forestal Maderas Fernández, que leva máis de 40 anos dedicada á corta de madeira. Con eles afondamos tamén na situación do sector e na súa evolución

“O monte hai que coidalo como se fai cunha horta se queremos que sexa produtivo”

Manuel Fernández Lorenzo, nunha parcela en Lalín onde estaban a cortar piñeiro e eucalipto.

Manuel Fernández Lorenzo é a terceira xeración dedicada á corta de madeira no monte. Seu pai, a piques de se xubilar, comezou coa firma Maderas Fernández hai máis de 40 anos. Falamos con esta empresa especializada no aproveitamento forestal, con sede na parroquia de Méixome (Lalín, Pontevedra) para coñecer a situación do sector da corta da madeira.

-Que zonas de Galicia abarcades para a corta da madeira?
Centrámonos, sobre todo, no interior de Galicia. Traballamos na zona do Deza e na zona sur da provincia de Lugo. Somos unha empresa especializada na corta de madeira de pé. Practicamente o 100% da madeira mercámoslla a particulares, non adoitamos ir a poxas.

-Que perfil teñen os propietarios forestais cos que traballades?
Polo xeral, o perfil dos propietarios son herdeiros que acaban de se facer cun terreo. Nesta zona tamén é habitual atopar gandeiros que queren cortar a madeira para dedicar esas terras a produción agrícola. Estase comezando a ver propietarios que fixeron plantacións hai anos, pero aínda é moi escaso. Porén, creo que estamos nun momento no que se está plantando máis ca nunca, estamos vendo moita xente que planta, logo de cortar, cando antes era máis habitual que se deixase unha rexeneración natural do monte.

“Estamos nun momento no que se está plantando máis ca nunca”

Aínda segue a funcionar moito o boca a boca e a tradición. Se a xente quedou contenta cunha corta que lle fixo meu pai, adoita volver chamar para que lle valores cando teñan máis árbores. Ó ser veciños tamén tentas que os clientes queden contentos, porque aínda que a extracción no monte ás veces é moi difícil, polas limitacións dos accesos e o tamaño das parcelas, nós tentamos causar os menores desperfectos ou arranxalos, se se producen, e iso a xente valórao, fronte a grandes firmas que poidan ofrecer un prezo máis competitivo.

-Que volume de produción manexades?
Temos de media unha produción de 3.000 toneladas mensuais. Varía bastante duns meses a outros, xa que inflúenos moito a meteoroloxía e tamén a zona na que se estea a traballar, posto que algúns sitios son moi accesibles e outros non o son tanto, co que se relantizan os traballos. Precisamente, esa é unha das problemáticas que ten a zona: hai moito minifundio, de maneira que comezas pola mañá nunha parcela e á tarde xa tes que ir para outra.

“Podería sacárselle moito máis rendemento ó monte se estivese máis ordenado e xestionado”

Os montes aquí son moi pequenos e están moi mal organizados, podería sacárselle moito máis rendemento ó monte se estivese máis ordenado e xestionado. A maioría dos propietarios nin sequera saben ben das parcelas. Cando vas taxar a madeira escoitas moitas veces ‘o meu monte é máis ou menos por aquí’. Pero claro, iso non nos vale. Así é que primeiro tes que lle axudar a localizar ben a parcela e logo ver a madeira.

-En que madeira estades especializados?
O 90% da madeira que cortamos é de piñeiro e eucalipto. A restante é de frondosas, sobre todo de castiñeiro e de carballo. Das 3.000 toneladas que se cortan ó mes, máis de 2.500 son de piñeiro e teñen como destino a Finsa, cos que levamos traballando máis de 40 anos. Meu pai comezou con eles e sempre houbo moi bo entendemento, tanto nas boas épocas como nas malas. Cando hai máis de 20 anos a madeira valía moito máis, había serradoiros da zona que nos dicían que nos pagaban mellor a madeira, que non a levásemos para Finsa, pero nós seguimos traballando con eles. Logo, na época da crise cando os prezos caeron moito, continuaron a garantirnos a entrega, aínda que fose con cotas máis reducidas, debido á situación que se atravesaba.

O eucalipto adoita ir para Ence e as frondosas vendémolas tanto a serradoiros, a madeira de castiñeiro, como directamente para leña, no caso do carballo. A madeira de castiñeiro vendémola a serradoiros asturianos que ó final da tempada de corte se achegan a ver as pezas que temos e faise a taxación. En Galicia xa só quedan unha decena de serradoiros que poidan mercar madeira de castiñeiro e non dan procesado toda a madeira que teñen dispoñible.

A corta de frondosas fana dun xeito manual e só durante os meses de inverno.

A corta de frondosas fana dun xeito manual e só durante os meses de inverno.

Tedes épocas de corte para as distintas especies coas que traballades?
No caso do piñeiro e o eucalipto córtanse todo o ano, pero o castiñeiro só se corta no inverno, mentres a árbore non brota. Antes comezábase xa en outubro pero agora co aumento da temperatura hai anos que ata decembro non se empeza a cortar e logo chégase ata a primavera. A madeira pódese cortar fóra desa época, pero non é recomendable porque se estropea máis e mánchase.

-Como está o tema de man de obra no sector? Atopades dificultades para encontrar xente que queira traballar no monte?
Na empresa estamos traballando 14 persoas, somos 11 asalariados e 3 autónomos, todos da comarca do Deza. Un dos perfís para o que é moi difícil atopar xente é como motoserrista. Ultimamente é un sector moi mecanizado, pero aínda así é moi complicado cubrir eses postos. É un oficio que a xente non quere. Realmente é un traballo duro e creo que co tempo pode chegar a extinguirse ou antes diso ser un perfil moi valorado e ben retribuído. Na empresa temos un gran motoserrista que leva xa 30 anos no oficio, é un gran profesional e tamén lle ensinou xa o oficio a outro compañeiro, un mozo que proviña doutro sector e que agora non quere deixar o monte. Forman un gran equipo, pero cada vez queda menos xente con esa formación e ata custa atopar xente que queira dedicarse a iso.

“A corta de madeira no monte segue a ser un traballo perigoso, onde hai que ter moi presentes os riscos e tentar minimizalos”

-A pesar da evolución e a mecanización da corta, seguen sendo traballos perigosos?
Nós somos moi conscientes de que a corta da madeira no monte segue a ser un traballo perigoso, onde hai que ter moi presentes os riscos e tentar minimizalos ó máximo. Xa meu pai insistía moito en garantir ó máximo a seguridade. Así, os nosos motoserristas están sempre con roupa de seguridade e con equipos de protección para evitar no máximo posible os cortes. Agardamos que siga sendo así, xa que levamos moitos anos sen que os nosos traballadores se corten. Desgraciadamente, hai 2 anos sufrimos un accidente mortal nuns traballos subcontratados, onde un traballador perdeu a vida ó caerlle unha árbore enriba.

Procesadoras-no-monte-Maderas-Fernandez-Lalin-

As dúas procesadoras coas que traballa a empresa lalinense.

-Cada vez máis na corta de madeira empréganse grandes procesadoras, que vantaxes vos ofrecen?
A principal vantaxe é o volume de traballo que se consegue con elas. Nós agora mesmo estamos traballando con dúas procesadoras. A primeira delas hai case 9 anos que a mercamos e a segunda fai os 3 agora en marzo. Nun monte que sexa admisible para esa maquinaria, a vantaxe de produción pode ser moi considerable. Nestas condicións, mentres un equipo de dúas persoas pode cortar entre 1,5 e 2 camións de madeira diarios, coa procesadora cun talador diante podes conseguir entre 6 ou 7 camións no día. Tamén tes que engadir os gastos de combustible que tes coa procesadora, pero a produtividade é moito máis elevada.

-É posible acceder con elas a todo tipo de terreos ou aínda hai zonas nas que traballades dunha forma máis tradicional?
Nós temos 3 cuadrillas, de tres persoas, cortando no monte. Dúas desas cuadrillas están formadas por un motoserrista, unha procesadora e un equipo de extracción. A outra cuadrilla está formada por dous motoserristas e un equipo de extracción. As procesadoras están sempre no piñeiro e no eucalipto e a outra cuadrilla dedícase sempre ó castiñeiro e ó carballo, que é unha madeira, de maior grosor, destinada para serradoiros e que non admite ese tipo de mecanización. Mesmo a madeira de eucalipto, cando se trata de árbores de moito grosor, cando superan os 80 centímetros, xa non as cortamos coa procesadora, para evitar que se dane cos rolos, xa que se destina a outros usos e véndese a serradoiros. Na madeira que se destina a trituración ou celulosa empregamos as procesadoras.

Tala_-de-frondosas-Maderas-Fernandez-Lalin-Castineiro-

Traballos de corta de frondosas na zona de Lalín realizados en días pasados. Esta cuadrilla leva traballando de xeito ininterrumpido na corta de castiñeiro e carballo dende o mes de novembro.

-Como evolucionou o mercado da madeira nos últimos anos?
Notouse unha importante diminución do mercado das chamadas madeiras nobres. Antes levabas para os serradoiros madeiras de cerdeira, de nogueira e agora, por exemplo, no caso da madeira de nogueira non hai practicamente vendas. Está aguantando a madeira de castiñeiro, aínda que tamén diminuíu moito o prezo. Ós serradoiros tamén lles baixou moito a demanda, xa que a xente opta por mercar mobles máis baratos, como os que pode atopar en Ikea, no canto de adquirir mobles de maior calidade. Ademais, queda pouca xente que saiba traballar a madeira de castiñeiro. O consumidor que sega querendo madeira de castiñeiro aínda a ten e de moi boa calidade, xa que no centro de Galicia temos moi boa madeira, pero cada vez quedan menos serradoiros.

“É máis prexudicial en caso de incendio un monte abandonado que unha plantación, sempre que teña unha boa silvicultura”

-Hai transparencia sobre os prezos da madeira?
Normalmente a compra que se fai é por estimación na parcela. Ti mercas, dáslle o prezo e logo cortas. Tamén se fai algo de venda por peso, pero moi pouco. A maioría da xente quere ter o prezo xa pechado antes de que se corte a madeira. En canto á hora de fixar os prezos, sempre atopas propietarios, sobre todo os de máis idade, que comparan os prezos actuais cos que se pagaban antes, e os prezos caeron moito. Tamén hai quen pide cantidades desorbitadas. É certo que é un sector no que aínda hai moita picaresca e xente que marca prezos moi dispares, cando o mercado é o que é. Logo, hai quen ve que Ence paga a tonelada a un certo prezo e pensa que lle vas poder dar ese diñeiro xa pola madeira de pé. Moitos deses prezos que ás veces se ven, son por madeira na fábrica ou en cargadoiro e logo hai que descontar os custes de extracción e transporte.

-En que prezos se move a madeira de piñeiro e eucalipto nas zonas nas que traballades?
Hai distintos factores que determinan o prezo da madeira. Por exemplo, a madeira descortizada vale 6 ou 7 euros máis en tonelada, pero logo tamén quedan na parcela máis toneladas de cáscara. No caso do eucalipto, a pé e con cortiza, a tonelada pode situarse entre os 20 e os 22 euros. Como se destina na súa maioría para triturar e elaborar celulosa, o tamaño non inflúe. A xente ás veces equivócase agardando a que as árbores medren moito. Unha madeira rendible e óptima para vender é a que se atopa entre os 25 e os 30 centímetros, arredor de 12 anos, dependendo das condicións do terreo. O eucalipto é como unha colleita, ten un ciclo e deixalo superar iso non é aconsellable. O prezo do piñeiro é bastante similar, aínda que varía se é para serrar ou para triturar. Así, pode andar entre os 16 e os 25 euros.

“Os custes de extracción e a cantidade é o que máis determina o prezo da madeira no monte”

-Que é o que máis determina o prezo da madeira no monte?
Todo depende dos custes de extracción que haxa e a cantidade. Se é unha parcela ó pé da estrada, con bos accesos, e bo tamaño apenas ten custos, pero se é difícil acceder e ademais é un predio pequeno os prezos son moi distintos. Ese é un dos principais problemas que ten esta zona, namentres noutros sitios de Galicia, como a zona de Arzúa, xa son parcelas de maior tamaño e máis ordenadas, posto que fixeron a concentración parcelaria xa hai anos.

Tamén hai xente que quere que a finca lle quede plantada e iso axústase no prezo da madeira. Descontamos os custos que terá plantar coa especie que queira e a finca quédalle xa plantada. Aínda que isto non é o máis habitual. A maioría só quere que lle saques a madeira e logo ou xa se encarga de volvela plantar ou queda sen nada durante moitos anos. Agora, coa nova Lei de Montes, é obrigatorio que a parcela quede sen restos de biomasa, unha tarefa que ou ben asume o propietario ou se acorda coa empresa, cuns gastos que se descontan do prezo da madeira.

Traballos-forestais-Maderas-Fernandez-Lalin-

Un dos equipos de extracción de madeira da firma traballando na zona de Lalín.

-Como está actualmente o mercado da madeira en Galicia?
Un dos cambios máis significativos que houbo foi que co aumento da produción baixou moito o prezo. Agora mesmo estamos nun momento plano, logo de épocas moi boas, hai uns 20 anos; cando a marxe de beneficio era moito maior e cortando menos madeira gañábase máis. Tamén houbo momentos moi malos, xa que a crise e a caída da construción notouse moito neste sector, mesmo había restricións nas fábricas, as empresas tiñamos cotas moi baixas. Despois diso non chegou a haber unha recuperación total dos prezos pero, alomenos, volveu haber movemento, en gran medida pola exportación, xa que moita madeira dos montes de Galicia vai para outros países. Agora hai que mover moito volume e con iso tamén se incrementan os custes.

-Que destinos ten a madeira?
O 98% do eucalipto destínase a elaboración de celulosa e o que non serve para iso destínase a biomasa ou para a fabricación de taboleiros. Puntualmente, as pezas cun grosor superior a 60 centímetros poden destinarse a serradoiros, pero eses diámetros é moi difícil atopalos. No caso do piñeiro, emprégase tanto para a trituración de madeira coma para serradoiros. Mentres, o principal destino da madeira das frondosas son os serradoiros.

A maior parte da madeira que cortan é de piñeiro e eucalipto.

A maior parte da madeira que cortan é de piñeiro e eucalipto.

-Como valoras a situación actual do monte?
O monte galego é moi rico e está moi desaproveitado. Haberá zonas nas que están incidindo niso pero, polo xeral, aínda queda moito por facer para poder ter un monte produtivo. Nas zonas do interior hai un minifundismo extremo que propicia o abandono e que é moi pouco rendible. Hai parcelas nas que só hai unha fileira de árbores.

Aínda que empeza a cambiar, a xente segue a ter o monte abandonado, como algo que está aí, que non fai falta atender, e á volta de certo tempo vai mirar que se lle pode sacar. O monte hai que coidalo como fas cunha horta se queres que sexa produtivo. Se a horta a plantas e non volves mirar por ela non vas recoller moita colleita, e co monte pasa o mesmo. Se o monte o desbrozas, o coidas, o podas, o vas saneando se hai árbores enfermas… esa masa boscosa vai ter un rendemento moi distinto de se non miras para el ata o momento de ir cortar a madeira.

“Son partidario de ter o monte aproveitado, de feito meu avó xa o dicía: ‘as árbores medran mentres dormes”

Eu son partidario de ter o monte aproveitado, de feito meu avó xa o dicía: “as árbores medran mentres dormes”. Nós, como non temos outra actividade á marxe da forestal, nas fincas da casa temos plantado un pouco de todo: temos parcelas de piñeiro insigne, de eucalipto e tamén de castiñeiro.

-Na actualidade, estamos nun momento no que tanto as plantacións de eucalipto como de piñeiro teñen moitos detractores polas consecuencias que teñen os incendios forestais e por ser unha alternativa menos diversa do que é o monte autóctono, que opinión tes ó respecto?
Na miña opinión sería preciso facer unha ordenación das terras cando se acometen os procesos de reestruturación parcelaria para evitar que haxa zonas de aproveitamento gandeiro ou agrícola colindantes con plantacións, porque iso supón un prexuízo para ambas partes. Por unha parte o propietario está limitado na súa parcela ó non poder poñer a especie que quere e os gandeiros ou produtores tamén teñen inconvenientes se se chegan a poñer plantacións a carón xa que as fincas rematan por ser menos produtivas.

Está claro que ten que haber certas limitacións das especies, no caso do eucalipto é lóxico que non se planten en zonas nas que poidan interferir no abastecemento de auga a núcleos, por exemplo, pero tampouco debería de ser lóxico que un propietario non poida dispoñer da súa finca, isto non deixa de provocar que se abandone ese terreo. No caso dos incendios, creo que é bastante máis prexudicial o abandono do monte do que poden supor as plantacións, se realmente se fai unha silvicultura e un coidado axeitado delas.

“A maior dificultade é atopar xente que queira traballar no monte”

-Que perspectivas de futuro tedes dende a empresa?
As perspectivas en canto a volume de traballo son boas. Agora mesmo se tivésemos oportunidade de contratar máis xente colliámola porque traballo estamos a ter moito nesta zona. Non temos intención, polo de agora, de abarcar unha zona máis ampla xa que preferimos ter ben atendida a que traballamos. E en canto ó de ampliar volume de produción, se conseguísemos máis man de obra poderíamos afrontalo, pero a dificultade é esa: atopar traballadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información