O monte galego, un mundo de potencialidades produtivas

Unhas xornadas organizadas pola comunidade de montes do Raño, en Irixoa, exploran os aproveitamentos alternativos que ofrece a superficie forestal

O monte en Galicia adícase principalmente á extracción de madeira de piñeiro e de eucalipto, pero as posibilidades produtivas van máis alá. Existen aproveitamentos complementarios ou alternativos, con numerosas experiencias en toda a comunidade, que se quixeron poñer en valor nunhas xornadas organizadas pola comunidade de montes do Raño, en Irixoa. A comunidade, que ten conveniado o seu monte coa Xunta para a producción de piñeiro, organizou as xornadas co obxectivo de valorar máis opcións de futuro. A actividade congregou ademais a comuneiros doutros montes veciñais e a persoas interesadas nas potencialidades do monte.

Galería de fotos (1/12). Edgar Fernández, de Resfor, amosa como é o resinado de piñeiros.

Gandería extensiva
O abanico de posibilidades é amplo. A gandería extensiva, con múltiples especies como ovellas, cabras, vacún, gando cabalar ou porco celta, que poden pastar distintos tipos de mato e afacerse a hábitats diversos, é un dos tradicionais usos do monte en Galicia, se ben en moitas zonas do interior estase a perder esa gandería, cos conseguintes efectos negativos sobre o medio.

“Os lumes son moitas veces a consecuencia da falta de pastos”, valora Eloi Villada, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Lumes como o de Cualedro (Ourense), que calcinou máis de 3.000 hectáreas o pasado verán, ilustran o problema do abandono: “En Cualedro ardeu todo porque non había pastos”, conclúe Eloi.

Lume de Cualedro, posto como exemplo das consecuencias da falta de pasto. / Imaxe: Eloi Villada.

Lume de Cualedro, posto como exemplo das consecuencias da falta de pasto. / Imaxe: Eloi Villada.

As xornadas de Irixoa adicaron unha parte a analizar cuestións claves a ter en conta na gandería extensiva, como a implantación de pradeiras ou os sistemas de prevención de danos por lobo. Villada incidiu tamén na importancia da formación para facer un bo manexo do gando e destacou a conveniencia de comezar “ós poucos”, cun pequeno rabaño que se pode ir aumentando a medida que a experiencia e a formación ofrezan maiores garantías de éxito.

Apicultura
O mesmo consello aportou outra das ponentes, Isabel Goti, da Casa do Mel de Goente (As Pontes), para o caso da apicultura. “Hai axudas para proxectos de apicultura cun mínimo de 100 colmeas, pero desaconsello totalmente que alguén se embarque de cero nalgo así, pois é probable que o primeiro ano perda moitas colmeas. O mellor é comezar cunhas poucas e ir aprendendo”, recomenda Goti, que nas xornadas lembrou os seus propios inicios na apicultura como exemplo do dito: “O que puñan os libros e o que eu me atopaba nas colmeas era distinto”.

Instalacións
Como prioridades a ter en conta para o emprendemento na gandería extensiva, Eloi botou man dun esquema que sacou hai anos a FAO, a organización das Nacións Unidas para o agro, e que sinala como factores capitais cuestións como a disponibilidade de auga e de alimentación para o gando ou o coidado da sanidade animal.

Ovellas protexidas por unha malla móbil con electricidade. / Imaxe: Ovica.

Ovellas protexidas por unha malla móbil con electricidade. / Imaxe: Ovica.

Entre os últimos aspectos a considerar para que unha gandería sexa exitosa, a FAO marcaba a mellora das instalacións. “A maioría dos animais, sempre que estean ben alimentados, aguantan as condicións meteorolóxicas máis habituais en Galicia sen necesidade de instalacións cubertas”, defende Eloi Villada. “Esta circunstancia permite ademais reducir o investimento inicial e as horas de traballo” -valora.- “Para que a xente vexa a vida no rural como atractiva, ten que ser comparativamente mellor traballar no rural a traballar nunha gran cidade”, conclúe.

A gandería extensiva é aínda frecuente en moitas comunidades de montes, ben con gando cabalar, como é o propio caso da comunidade de montes do Raño, en Irixoa, ben con vacas ou con gando ovino e caprún. “Ás veces, nas comunidades prodúcese unha disxuntiva. Ou adicar terreo a plantacións forestais ou adicalo a pastos, cando poderiase tomar unha decisión mixta”, considera Eloi. Como exemplo, amosou unha imaxe de Nova Zelanda onde convive a gandería extensiva con fileiras de plantacións de piñeiro radiata, podado e coidado para a obtención de madeira de calidade.

Ovellas e producción de madeira en Nova Zelanda. / Imaxe: Eloi Villada.

Ovellas e producción de madeira en Nova Zelanda. / Imaxe: Eloi Villada.

Madeira de frondosas
Sobre as posibilidades de obtención de madeiras de calidade en Galicia, falou nas xornadas Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia, que explicou os requerimentos para a a producción de frondosas de calidade (castiñeiros, cerdeiras, carballos, etc.). “En Galicia, entre o 2003 e o 2009, a balanza de importación – exportación de madeira de frondosas de calidade reflicte un déficit de 96 millóns de euros” -explicou Covelo.- “Hai mercado”, valora, se ben tamén advirte de que a industria da madeira precisa de garantías dun suministro estable e continuado, unha circunstancia que require dunha aposta colectiva a nivel galego.

O déficit de madeira de frondosas en Galicia achégase ós 100 millóns de euros cada seis anos

Para o cultivo de frondosas, Covelo sinala que é necesaria unha axeitada silvicultura, coas correspondentes podas e claras na plantación, ata chegar a unha densidade final duns 150 pés por hectárea, en turnos de corta de 40-60 anos.

Resina, micoloxía, froitos do bosque
As xornadas de Irixoa, que se celebraron a pasada fin de semana, abordaron outras potencialidades do monte galego, coma o aproveitamento de resina, unha actividade que está retomándose en zonas como Caldas de Reis ou Oia tras décadas de abandono. Os participantes na xornada adicaron precisamente o domingo pasado a visitar un aproveitamento en marcha que está a desenvolver Resfor nunha comunidade de montes de Caldas.

Tamén se visitou o monte veciñal en man común de Carballo (Friol), un exemplo que ilustra as posibilidades do monte. No Carballo, extráese madeira, mantense un rabaño de cabalos, prodúcese mel, recóllense cogomelos, críase a un cento de porcos celtas en extensivo, cun peche electrificado de 15 hectáreas, e hai pastizais habilitados para o aproveitamento das ganderías veciñais.

Visitouse un piñeiral en resinación en Caldas de Reis e o monte veciñal do Carballo (Friol), exemplo da multifuncionalidade do monte

Outra experiencia innovadora que se visibilizou en Irixoa na xornada do sábado foi a de Fungocerga, unha sociedade centrada desde hai anos na producción de froitos do bosque (arándanos, grosellas, frambuesas e moras). Tamén houbo oco para iniciativas como a de monte Cabalar, na Estrada, que trata de poñer en valor a través da gandería extensiva 500 hectáreas que noutrora eran pasto periódico dos lumes.

Balance
O presidente da comunidade de montes do Raño, Sergio Boado, amosouse tras as xornadas satisfeito polas iniciativas que se coñeceron e pola ampla resposta de participantes, con máis de medio cento de persoas de todas as idades e procedencias, desde comuneiros que rondan os 80 anos ata mozas de 20 anos.

Colaborou tamén nas xornadas a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, unha das cinco reservas da biosfera declaradas en Galicia pola Unesco. O seu técnico, Manuel Giménez, incidiu en que o desenvolvemento económico do rural é compatible coa conservación do medioambiente, como puxeron de manifesto as iniciativas que se fixeron visibles a pasada fin de semana.

Inspeccións sobre as plantacións de eucaliptos

As xornadas de Irixoa contaron coa participación do xefe do Distrito Forestal II, Manuel Capón, que ofreceu respostas a unha das tradicionais reivindicacións do sector agrario e gandeiro, a dun maior control das plantacións de eucalipto no labradío.

Prevense na Coruña máis inspeccións sobre as plantacións de eucalipto en labradío e en zonas de frondosas

Fronte á idea exposta por algún dos asistentes de que a Administración, se pode, non actúa ante os incumprimentos da normativa forestal, Capón sinalou que hai prevista unha intensificación dos controis sobre as plantacións de eucalipto en labradío. Tamén destacou que a nivel provincial falouse de traballar nun plan de control das repoboacións de eucalipto en masas de frondosas, prohibidas pola Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012). Do mesmo xeito, estase a controlar que se respeten as distancias establecidas na normativa.

“En ocasións, pode haber a idea de que non se fai nada porque desde que se inicia un expediente ata que se conclúe pasa un tempo, con alegacións e resolucións de por medio, pero estanse poñendo sancións e estanse levantando plantacións”, defendeu nas xornadas.

O xefe do Distrito Forestal tamén lembrou obrigas marcadas pola Lei, coma o picado ou extracción dos restos forestais tras as cortas. Desentenderse dos restos está a dar lugar a numerosas sancións, advertiu, polo que á hora de vender madeira. cómpre ter en conta quen se vai facer cargo da xestión dos restos, se o propietario ou o comprador da madeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información