A bioeconomía e a compensación de emisións de CO2 preséntanse como novas oportunidades para os montes e o sector forestal galego nos próximos anos. Así o puxeron de manifesto diferentes expertos nun encontro dixital organizado este martes pola entidade financeira Abanca. Son dous eixos que están xa a xerar opcións, como o rexistro de proxectos forestais para a compensación de emisións de CO2 (Ministerio de Transición Ecológica).
Galicia quere posicionarse como unha alternativa viable para a compensación das emisións contaminantes mediante os seus montes e o sector forestal, con ferramentas específicas para canalizar estes esforzos. “A Fundación Arume pretende ser unha xanela privilexiada para encauzar as inversións das empresas e marcas, sobre todo as galegas, para compensar as emisións que producen ó planeta, namentres traballan por reducilas”, explicou José Carballo, presidente da Fundación Arume, entidade que integra a toda a cadea de valor da madeira.
“A Fundación Arume pretende ser unha xanela privilexiada para encauzar as inversións das empresas para compensar as emisións”: José Carballo, presidente da entidade
Carballo tamén apostou neste foro especializado por converter Galicia na primeira eurorrexión descarbonizada.
Reducir a pegada de carbono
O rexistro da pegada de carbono do Ministerio para a Transición Ecolóxica e os proxectos de absorción de emisións asociados é un dos motores de todo isto. Dende que se puxo en marcha hai 6 anos, inscribíronse neste rexistro 1.347 organizacións española de moi diverso tamaño e características, dende grandes grupos empresariais a pemes ou entidades sociais. Galicia ocupa o décimo lugar en canto ó numero de empresas incluídas neste rexistro, onde a industria manufactureira está á cabeza, seguida do sector do transporte e as administracións públicas.
Este mecanismo foi creado para cuantificar, reducir e compensar as emisións de CO2. “Sempre que se calcula a pegada de carbono vai parello un plan para reducir estas emisións”, explica Marta Hernández, da Oficina Española do Cambio Climático do Ministerio, durante a súa intervención na xornada. A experta destacou o potencial do sector forestal como unha ferramenta para compensar as emisións de carbono, ben sexa mediante a creación de bosques propios ou facendo uso de terreos de terceiros.
Nos últimos 6 anos, os montes incluídos nos proxectos de mitigación de emisións permitiron compensar máis de 6.000 toneladas de CO2
Neste marco, impúlsanse proxectos de rexeneración forestal en zonas afectadas por incendios forestais ou en espazos sen masas boscosas nos últimos 30 anos. Son plantacións cunha superficie mínima dunha hectárea e onde debe haber un compromiso por 30 anos e unha xestión activa do espazo. Mediante estes montes, que inclúen diversas especies, formalizáronse 128 compensacións, o que supuxo unhas 6.094 toneladas de CO2 compensadas.
Actualmente, contabilízanse 60 proxectos de absorción, que implican 175.000 toneladas de CO2 equivalente no período de permanencia que estableceron estas iniciativas e que comprenden unhas 818 hectáreas. “Cada vez estamos recibindo proxectos de rexeneración de maior tamaño”, concreta a experta. Galicia atópase como sexta comunidade autónoma, con 47 hectáreas de monte dentro dos 6 proxectos activos para a compensación de emisións.
O esforzo por reducir a pegada de carbono e a colaboración directa co sector forestal tamén está a ser un dos eixos de traballo de entidades agrarias galegas como a cooperativa Clun. “Pese a ser dous motores do rural, durante anos estiveron moi afastados, e cómpre pór en valor a axuda que pode ofrecer o sector forestal a sectores como o do leite”, apunta Sabela Oca, responsable de Innovación, Calidade e Seguridade Alimentaria de Clun.
De man da Fundación Arume, Clun proxecta un acordo para a recuperación de montes queimados, compensando así as emisións de carbono que produce nas súas industrias. Os esforzos por reducir as emisións na cooperativa comezaron xa no 2016, cando mediron a súa pegada de carbono e puxeron en marcha o proxecto de control da alimentación do gando, cunha ración que simula o pasto de primavera, co que lograron unha redución de emisións do 22%, e coa que obteñen o seu leite Unicla.
A bioeconomía como motor
A bioeconomía amósase como outro dos eidos nos que o sector forestal debe centrarse. “As inversións en madeira son imprescindibles para a sostibilidade do planeta”, apunta Carballo. Neste ámbito, dende a Fundación Arume inciden en potenciar a produción de madeira de coníferas de calidade e en cantidade, tendo en conta a redución da superficie forestal destas especies que se amosa nos datos manexados pola Xunta e que boa parte da industria da madeira galega está orientada a esta produción. Para logralo, apostan por incrementar o valor das coníferas e as oportunidades da madeira sólida.
“A bioeconomía é posible e o sector forestal é clave para acadala”: Eduardo Rojas, presidente Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes
Eduardo Rojas, presidente decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes, reivindica que “os bosques pasaron a ter unha aportación substancial ou estratéxica en políticas e plans europeos como os Obxectivos de Desenvolvementos do Milenio”. Deste xeito, a bioeconomía e a xestión dos montes convértense nunha “oportunidade de ouro” para xerar importantes beneficios económicos, medioambientais e sociais.
Rojas, que exerce tamén como coordinador da Plataforma Juntos por los Bosques, incide na contribución dos bosques na mitigación de emisións contaminantes, tanto de xeito permanente, mediante o stock forestal; como temporal, co uso da madeira en sectores claves ou coa substitución de elementos máis contaminantes xa iniciada en ámbitos como a construción, o téxtil ou a automoción. Retos como a obtención de enerxía e materias primas sostibles, o reequilibrio territorial e demográfico ou a loita contra o cambio climático teñen no sector forestal un aliado. “A bioeconomía é posible e o sector forestal é clave para acadala. En Galicia xa comezastes este camiño”, apunta o experto.
Impulso á prevención
A prevención dos lumes forestais e a recuperación dos montes queimados son os dous eixes sobre os que o conselleiro de Medio Rural, José González, centra a aposta da súa consellería no sector forestal. “Neste 2020, só nos 4 días de incendios de setembro, nos que se queimaron 11.000 hectáreas, emitíronse 148.000 toneladas de CO2 á atmosfera, o que supuxo un custe de 11 millóns de euros entre extinción e dano medioambiental”, detallou González para xustificar a importancia das súas liñas de actuación.
O sector forestal galego será protagonista nas propostas de Galicia dentro dos chamados fondos Next Generation. “Son iniciativas coas que buscamos adaptar o noso monte ás novas esixencias, adiantándonos e potenciando a biodiversidade, a bioeconomía, a sostibilidade e a circularidade”, apunta. Neste senso, encádranse os polígonos cortalumes, que propoñen unha xestión do monte con criterios técnicos, e ó abeiro dos cales a Xunta pretende a creación da marca Cortalumes, para os produtos que se elaboren neste contexto.
A Xunta centra esforzos en iniciativas como a creación de polígonos cortalumes, coa creación da marca Cortalumes, ou as agrupacións de xestión conxunta
González ve tamén unha oportunidade para o sector forestal na agrupación de xestión conxunta, unha ferramenta xa en funcionamento, con experiencias sobre todo na provincia de Lugo. Ademais, proxectos como o da viscosa sostible, co que estiman unha creación de 1.000 postos de traballo na súa construción e outros 7.000 empregos unha vez estea en funcionamento, é outra das liñas nas que está a traballar a Consellería para o impulso do sector forestal.
Valoracións de Abanca
Pola súa banda, dende a entidade financieira, organizadora do acto, tamén incidiron no potencial do sector forestal galego nos retos que se presentan nas novas normativas europeas. Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca, fixo un chamamento a aproveitar “as oportunidades derivadas do xiro cara á economía verde, que nos encamiña cara unha redución das emisións e o uso de recursos renovables, xusto o que a madeira pode ofrecer”.
O conselleiro delegado apuntou as cifras do sector forestal, cun volume de negocio de 300 millóns de euros. No que vai de ano, Abanca concedeu financiación ó sector forestal por importe de 62,7 millóns de euros, un 36,9% máis que no 2019, nos que se inclúen 3.000 clientes, a maioría en Galicia, vinculados a distintas actividades da cadea de valor da madeira. O conselleiro delegado destacou a colaboración entre todos os integrantes da cadea de valor para conseguir que o sector sega medrando. Nesta mesma colaboración encadrou iniciativas como a participación na Fundación Arume ou outras iniciativas impulsadas dende áreas como a banca sectorial Abanca Agro.