O monte galego absorbe o 30% dos gases de efecto invernadoiro emitidos en Galicia

Abordamos co investigador Esteban Gómez a capacidade de fixación de carbono que ten o arborado dos montes galegos, funcionando como sumidoiro de carbono. As súas investigacións aportan tamén información sobre as especies con maior potencial para a captura de carbono

Os piñeiros absorben un volume de carbono que equivale á metade do seu crecemento anual.

Os piñeiros absorben un volume de carbono que equivale á metade do seu crecemento anual.

Os traballos realizados polo investigador Esteban Gómez García indagan sobre o potencial do arborado do monte galego para capturar gases de efecto invernadoiro. O aumento da superficie arborada constatada nos últimos inventarios públicos avanza que tamén o poder de neutralización dos bosques galegos se incrementou nas últimas décadas, non só polo maior espazo adicado a arborado senón polas súas características.

Coñecer o potencial que ofrecen os bosques na loita contra o cambio climático volveuse unha peza clave para contrarrestar os efectos que outras actividades humanas teñen no planeta. Así, cada ano, distintos organismos nacionais e internacionais realizan unha estimación das emisións contaminantes que se realizan á atmosfera derivadas da actividade humana. O cálculo adoita céntrarse nas emisións de gases de efecto invernadoiro como o dióxido de carbono (CO2), o metano ou óxido nitroso, pero ó mesmo tempo estes informes tamén valoran aquelas actividades ou espazos que contribúen, dun xeito directo, a mitigar os efectos que eses gases terán na atmosfera.

Camíñase na procura do coñecido como balance cero de emisións. Trátase de que, pese a que as emisión destes gases non poidan eliminarse por completo, outras accións poidan compensalas, de xeito que os seus efectos queden neutralizados. É aquí onde os chamados sumidoiros de carbono cobran un papel destacado. Son espazos naturais, bosques, pradeiras ou masas de auga que contribúen como importantes ferramentas para conseguir reducir os efectos das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Ademais das árbores e a broza (incluídas as raíces), a madeira morta funcionan como almacéns de carbono dentro dun ecosistema forestal

Na análise do papel que os montes exercen como almacéns de carbono téñense en conta distintos depósitos.“Centreime na estimación da fixación que fai o arborado, incluíndo as súas raíces, pero hai outros elementos dos ecosistemas forestais que exercen como sumidoiros de carbono”, explica o experto. Nos montes establécense 5 depósitos que actúan coma sumidoiros: a parte aérea vexetal viva, a parte das raíces, a madeira morta, os restos vexetais depositados no solo e os solos. “Actualmente non é doado facer unha estimación rexional da evolución do carbono fixado na madeira morta, nos restos vexetais ou nos solos. No caso de que non haxa cambio de uso ou cobertura simplifícase e considérase que o balance de carbono nestes depósitos é neutro (non hai ganancias nin perdas)”, indica o investigador.

O potencial do arborado galego

Gómez García toma os datos do último Inventario Forestal Nacional (IFN), no que se amosa un incremento considerable da superficie forestal en Galicia. En concreto, a área forestal arborada galega pasou de 1.129.361 hectáreas no ano 1975 á unhas 1.424.094 hectáreas neste último inventario realizado. Este incremento da superficie tamén evidencia que se incrementou a o carbono capturado pola especies presentes nel. “Entre o segundo inventario, que se realizou entre 1987 e 1996, e o cuarto inventario feito no 2009, a tendencia é bastante constante e viuse un aumento de 2,4 millóns de toneladas cada ano”, detalla o especialista. Actualmente as especies que acumulan maior cantidade de carbono nos montes galegos son os eucaliptos (30%), os piñeiros (27%) e os carballos e cerquiños (26%).

As árbores absorben grandes cantidades de carbono durante o seu crecemento. Cando a masa se estabiliza, as cifras baixan

Segundo as estimacións realizadas polo investigador, o arborado do monte galego absorbe cada ano o 30% das emisións de dióxido de carbono que se producen na comunidade galega. “Durante o período entre o segundo Inventario Forestal Nacional para Galicia (1987) e o terceiro (2009), o 28% das emisións que se produciron en Galicia foron absorbidas polo crecemento do arborado”, concreta Gómez García. Ademais esta porcentaxe podería ser maior na actualidade logo do peche e transformacións dalgunhas das industrias que emitían unha importante cantidade de gases de efecto invernadoiro, como son as centrais térmicas de carbón.

A idade marca diferenzas

É significativo que, ademais de incrementarse a superficie forestal houbo unha densificación, o que resulta beneficioso á hora de considerar estas masas como sumidoiros activos de dióxido de carbono. “Non só hai máis superficie de árbores senón que hai máis árbores nese monte”, indica Gómez.

Ademais, pese a que o monte ten unha capacidade limitada de absorción de dióxido de carbono, “hai aínda marxe para incrementar a produtividade do monte galego o que axudaría a mitigar o problema durante un tempo permitindo desenvolver solucións tecnolóxicas que permitan reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro”, apunta o investigador. Neste senso, realizar os labores de silvicultura precisos nas plantacións pode ser unha das estratexias recomendadas para incrementar a capacidade de absorción. Porén, o máis importante á hora de optimizar estes sumidoiros é a prevención dos incendios forestais, posto que de producirse, as consecuencias son devastadoras non só pola perda senón polas emisións que xeran á atmosfera.

Realizar os labores de silvicultura axeitados prevén incendios e pode favorecer o incremento da capacidade de fixación de carbono do arborado

Dentro das solucións tecnolóxicas a implantar o monte tamén xoga un papel fundamental. O carbono está secuestrado nos produtos extraídos do monte, como pode ser a madeira, mentres ese produto está en uso. Ademais, pode usarse madeira en substitución a outros materiais que causan maiores emisións como o ferro e o formigón. Por último, a biomasa forestal tamén pode empregarse como combustible no canto de combustibles fósiles.

Cómpre ter en conta que as árbores máis novas son as que teñen unha maior capacidade para actuar coma sumidoiros. “Os bosques fixan carbono mentres están medrando, unha vez que o seu crecemento se estabiliza, a emisión e a absorción de CO2 case se anula entre si”, especifica o experto. 

O ritmo de crecemento é un factor determinante polo que as especies de crecemento rápido xogan un papel preponderante. “Sen entrar noutro tipo de consideracións as plantacións forestais de alta produtividade son mais determinantes como sumidoiros de carbono”, apunta o investigador. Así, os eucaliptos e os piñeiros teñen o maior potencial para a captación de carbono no monte galego.

 

As plantacións de eucalipto habituais nesta época do ano tamén se están a retrasar esta primavera

As plantacións de eucalipto habituais nesta época do ano tamén se están a retrasar esta primavera.

Os beneficios ocultos das plantacións

No bosque galego, o pino, o eucalipto e o carballo acaparan case o 67% da absorción de carbono que se realiza nestas superficies forestais. Existen pequenas diferencias que afectan á capacidade de acumulación das principais especies presentes nos bosques galegos, pero a maioría capturan un volume de carbono equivalente ó 45 – 50% do seu crecemento anual.

“O pino e o eucalipto son as especies que están acumulando máis carbono no monte galego”

Nesta valoración o ritmo de crecemento da especie é un factor determinante, o que fai incrementar a capacidade de converterse en sumidoiro de carbono de especies coma o eucalipto. Pese a que o impacto das plantacións forestais pode ser negativo en temas como a biodiversidade do monte, a contribución que están realizando na xestión dos gases de efecto invernadoiro pode resultar significativa. Así, o estudo evidencia que o eucalipto é a unha das especie con maior potencial para a captación de carbono que ten no monte galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información