“O Monte Aloia é un logro da repoboación forestal”

Visitamos o Monte Aloia, situado no Concello de Tui, para falar con Natalia Lago e Ricardo Álvarez, educadora e axente ambientais respectivamente, sobre a historia e situación actual deste Parque Natural.

Publicidade

Visitamos o Monte Aloia, situado no Concello de Tui, para falar con Natalia Lago e Ricardo Álvarez, educadora e axente ambientais respectivamente, sobre a historia e situación actual deste Parque Natural.

Poderíades comentarnos como xurdiu o Parque Naturral do Monte Aloia?
Natalia Lago: Hai que remarcar que é o primeiro Parque Natural de Galicia e que ten unha historia moi peculiar, porque naceu dunha reforestación. Hai máis dun século este monte estaba totalmente pelado, principalmente por incendios, talas descontroladas e pastoreo. No 1910 empezouse unha reforestación dirixida polo enxeñeiro de montes de Tui Rafael Areses Vidal, e tamén se asfaltaron as estradas para que a xente subira ao monte máis cómodamente e demais. Nesta reforestación usouse moito piñeiro pero tamén moita especie exótica, por exemplo o eucalipto e a acacia, que viñeron de australia, e agora mesmo están dando problemas porque son exóticas invasoras, pero estamos intentando erradicalas e volver ao autóctono, aos castiñeiros, aos carballos, ás sobreiras, etc.

No 1935 foi declarado Sitio Natural de Interese Nacional, e anos máis tarde, no 1978 foi declarado Parque Natural e a día de hoxe é o máis pequeno de Galicia, pero seguramente é o máis variado a nivel de flora e fauna, porque na época da reforestación introduciron. moitas especies doutros paises que aportaron moita riqueza ao parque. Tamén hai restos arqueolóxicos, valores etnográficos e culturais, moitas lendas, etc.

Ricardo Álvarez: Declarouse Parque Natural non só polos valores naturais senón polo tema etnográfico, pois ten unha capela de comezos do s.XVIII, unha muralla ciclópea do s. V-VIII, un castro do s.I-III, mámoas, petroglifos, etc. Isto unido ao parque forestal, e que había moitísima tradición de vir aquí a celebrar romerías e comidas campestres, foi o que fixo que se declarase.

Cal é a vosa función no centro de visitantes?
Natalia Lago: O centro de visitantes tamén foi diseñado por Rafael Areses e nos primeiros anos foi a súa residencia e tamén foi a casa do garda forestal. Destaca pola súa integración na paisaxe.

A idea é acoller á xente que ven a coñecer o parque, e sempre recomendamos empezar aquí porque damos un mapa e moita información, recomendamos sendeiros dependendo do grupo e da época do ano, e por iso é importante empezar polo centro de interpretación. Así vai ser unha visita moito máis enriquecida, e tamén temos no centro moitas fotografías e xogos. Recibimos moitos grupos, sobre todos de colexios e ás veces de fora da provincia de Pontevedra. Vanse encantados porque os nenos pásano moi ben e descoñecen moitos dos animais que temos.

monteAloia5

Como foi o proceso de forestación do monte Aloia desde comezos do século XX?
Ricardo Álvarez: O Monte Aloia non deixa de ser un logro da repoboación forestal, do esforzo de moita xente, especialmente do enxeñeiro tudense Rafael Areses. Comezou no Viveiro de Areas de Tui, a poucos kilómetros deste monte, e a reforestación do monte comezou no 1910. Primeiro comezaron con sementeira, sobre todo de pino laricio, que é unha variedade austriaca, e outras especies. É importante subliñar a loita contra o pastoreo libre, que tiveron que pechar as repoboacións para impedir que o gando recomera as plantas recén nadas. Despois tamén intentaron meter especies para probar como ían, e darlle unha beleza engadida ao monte Aloia. Tamén meteron o piñeiro canario, ou a acacia, que hoxe por desgraza é un gran problema ambiental porque é moi invasiva e ten nulo valor económico da súa madeira. Houbo outras especies introducidas como o piñeiro silvestre, algún exemplar de pino piñoneiro ou cipreses, cupresus macrocarpa ou cupresus lusitánica, cedros, criptomeria xapónica (cedro xaponés), Pseudotsuga, abetos… Deulle un colorido moi paisaxístico ao monte.

Cal foi o papel do enxeñeiro Rafael Areses na forestación do Aloia e no inicio da forestación de Galicia?
Ricardo Álvarez: En 1906 ponse a funcionar o viveiro de Areas en Tui, pero houbo moitos viveiros voantes, que eran de tempada, sen moita infraestructura, e o que facían é ter a pranta ao pé do lugar de reforestación. Areses foi o xefe de montes da provincia, tanto do distrito forestal de Pontevedra como do de A Coruña. Incluso organizou as directrices do plan de reforestación da provincia, saltándose xa ao tema municipal ou comarcal. Mentres houbo recursos económicos intentouse levar a cabo, e ía facendo en función dos recursos. O viveiro de Areas practicamente suministrou de prantas a case toda Galicia.

Que especies foron empregadas inicialmente na forestación do monte Aloia?
Ricardo Álvarez: Do que máis hai agora no monte é o piñeiro do país, o piñeiro pinaster, e piñeiro silvestre e radiata. O piñeiro radiata ten unha rexenaración peor que o do país, e por isto xa case quedan os adultos e non hai masas novas. Areses xa ten algunha publicación na que fala da importancia do piñeiro radiata e menciona algún exemplar do 1906 que existían en Baiona ou Redondela. Daquela non tiñan a penas enfermidades e é ben coñecido o gran desenrolo que ten, por iso os intentaban empregar nos sitios de maior profundidade, pero incluso aquí no monte, con sitios con moita pedra e altura, o piñeiro foi relativamente ben.

monteAloia1

Que herdanza se conserva actualmente no monte Aloia de todo aquel proceso de forestación inicial?
Ricardo Álvarez: Segue habendo exemplares grandes de acacia ou piñeiro radiata, ou critomeria xapónica, cedros, cipreses, Pseudotsuga… Casi todo esto está nunha das entidades propietarias dos terreos do Parque Natural que sería a Entidade Menor de Pazos de Reis. Aquí atopamos a maior diversidade de especies e están pensando en solicitar a declaración de Formación Senlleira das especies do Parque.

Cal foi o criterio de xestión do parque natural a nivel forestal ?
Ricardo Álvarez: En principio comeza case coma un tema paisaxístico, pero despois da reforestación, hai grupos de especies e animais que son beneficiadas, coma os anfibios. Cando se fai unha reforestación o primeiro que se regula é o réxime das augas, entón os regatos non son tan estacionais e teñene máis durabilidade, o que favorece aos anfibios. As libélulas, ou calquera especie vinculada á auga é beneficiada. O tema do territorio, do Parque Natural, son dúas parroquias, unha é Rebordáns, que é un monte veciñal mancomún que ten sobre 412 HA, e outra é a entidade menor de Pazos de Reis, que aportaría ao parque sobre 430 HA. As dúas comunidades teñen aproveitamento forestal, ainda algo a baixa, pero estamos falando duns 1500 metros cúbidos de madeira de produción ao ano. Son montes ordeados, con proxecto de ordeación en vigor, e son montes certificados que van facendo aproveitamentos anuais, intentando que non inflúan na reprodución das especies, nin nos valores de faura ou flora endémica, buscando sempre a preservación.

Como é a estrutura de propiedade da superficie do monte Aloia e como é o entendemento da dirección do parque natural cos propietarios?
A relación da Administración coas entidades propietarias en principio é boa, sempre hai unha relación cordial. Xa levan moitos anos e son eles os primeiros interesados e agradecidos ao parque. Sempre pode haber algún pequeno desaxuste, xa que hai unha grande diferencia entre as dúas entidades, en superficie, e segundo que unha disfruta dun maior uso público, porque a subida ao monte e a estrada pertence á entidade local menor de Pazos de Reis, e todo o mundo que quere subir ao algo do monte, onde a gran cruz, ten que pasar por aí. Todos os anos faise unha reunión do patronato do Parque Natural, e nesa reunión fálase do que se fixo e do que se vai facer, e as comunidades poden expresar todas as inquedanzas que teñan, e teñen un teléfono dispoñible ao que chamar, tanto da parte técnica como de xestión.

Como é o uso social do Parque Natural ó longo de todo o ano?
Ricardo Álvarez: A maioría de visitas son nos meses de verán, que curiosamente non é o mellor momento para a floración. A xente que máis ven é a xente local, a xente de Tui e arredores, algúns de Portugal tamén, e no verán temos xente de toda España, e xente que só sube ao miradoiro polas vistas desde o alto de 631 metros. Temos unha senda que ven desde a serra do Galiñeiro, e non podemos esquencer que é a estribación sur da serra do Galiñeiro, entón ven moito senderista, cos cans, moito ciclista tanto na estrada como nas pistas, etc. Unha das rutas máis visitadas é a que compartimos con Randufe e que ten muíños, e cando a chuvia acompaña hai unhas cascadas bastante populares.

Calquera cuestión que queiras engadir.
Ricardo Álvarez: é importante que a xente non pense que isto só é un parque forestal onde se fan merendas ou se ven vistas. Detrás de calquera figura de protección, a xente debería ter certa delicadeza, e o lixo e a reciclaxe debía ser unha labor de todos. Aquí hai papeleiras, pero sería interesante que todo o mundo se faga cargo dos seus residuos, como latas ou botellas. É importante respectar as normas, o uso das sendas por parte dos visitantes coas súas mascotas está ben, pero os cans deben ir con correa e se son de raza perigosa con bozal. Os ciclistas están habilitados para as sendas forestais pero non para ir monte a través ou descensos non sinalizados. A circulación a motor só está permitida polas estradas, e por suposto a acampada non se permite desde hai anos. Se cumprimos as normas todos imos ter máis calidade de visita no parque.

monteAloia3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información