‘O modelo europeo de produción láctea: garantía para o consumidor’

O economista Tomás García Azcárate reflexiona neste artigo de opinión sobre as vantaxes competitivas que aporta o modelo europeo de produción, baseado na sostibilidade, a seguridade alimentaria e o benestar animal

‘O modelo europeo de produción láctea: garantía para o consumidor’

As normas que deben respectar as e os agricultores e gandeiros europeos son as máis esixentes do mundo e os controis aos que están sometidos os máis severos. Estamos a velo todos os días nos xornais e na televisión, os produtores europeos senten que están, en moitos casos, competindo en desvantaxe cos produtos importados que non teñen que respectar as mesmas esixencias.

Non hai mal que por ben non veña! Os consumidores europeos teñen o privilexio mundial de ter nas súas tendas unha ampla gama dos diversos e mellores lácteos, desde os distintos leites (iso si, todos de orixe animal, porque se non, non son leite!), queixos, iogures, natillas e outras cuaxadas, a prezos populares. É un privilexio que os demais nos envexan pero que poden calmar mercando os alimentos europeos, por pracer ou porque buscan as máximas garantías sanitarias.

Pero é que os lácteos europeos son moito máis que uns alimentos excelentes desde todos os puntos de vista. O leite é producido por unhas ganderías esencialmente familiares e transformada por unhas industrias que necesariamente han de estar preto dos seus provedores, é dicir, ancladas no medio rural. Cando falamos moito de España baleira, e mesmo de España “vaciada”, os gandeiros, as súas cooperativas e as industrias están ancladas no territorio.

“Como cidadáns, podemos estar orgullosos dos nosos produtores e da nosa industria”

Ademais, hoxe preocúpanos tamén o benestar dos animais e o futuro do noso pequeno Planeta. Todas as ganderías tiveron que afrontar unha serie de cambios, tanto na estrutura, con novas instalacións, como nos protocolos de manexo dos animais. Moitas delas foron incluso máis alá das, xa de por si esixentes, obrigas legais para conseguir algunha das distintas certificacións de benestar animal.

No tocante á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, non se pode reducir o que non se pode medir. Por isto, tan pronto como desde o ano 2010, a gandería láctea dispón dunha metodoloxía harmonizada de pegada de carbono, como primeiro paso na senda de redución das súas emisións.

Historicamente, o aumento da produtividade deu lugar a unha produción de leite máis eficiente e a unha redución das emisións por quilo de leite, pero está, e debe seguir neste camiño, indo máis aló, cara a unha redución das emisións netas de ditos gases. Trátase, por suposto, de investimentos, pero tamén de cambios nas técnicas de manexo do gando, na súa alimentación e na xestión dos residuos, desde o esterco nas ganderías á valorización dos subprodutos e os residuos da industria, pasando por uns envases e embalaxes máis sostibles, reciclados e reciclables.

En resumo, como consumidores podemos estar moi tranquilos cos nosos alimentos; como cidadáns podemos estar moi orgullosos dos nosos produtores e da nosa industria; como pais e nais das xeracións futuras, podemos alegrarnos dos progresos feitos e debemos estimular a todos os actores da cadea de produción para que sigan neste camiño.

Tomás García Azcárate

Economista agrario especializado en Política Agraria Común e mercados agrarios, Tomás García Azcárate é unha das voces máis autorizadas sobre as relacións entre as políticas agrícolas e as regras de competencia. Cunha dilatada experiencia en diferentes postos na Comisión Europea, foi tamén Coordinador do Observatorio Europeo do Mercado Lácteo e, actualmente, científico titular do Instituto de Economía, Xeografía e Demografía (IEGD-CCHS) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Así mesmo, forma parte do Comité de Sustentabilidade Láctea, o órgano científico asesor da campaña “Conta cos produtos lácteos europeos” impulsada pola Organización Interprofesional Láctea (InLac) con apoio da UE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información