O modelo austriaco de recollida de lixo orgánico abastece de compost ó agro

A Facultade de Compostaxe, unha iniciativa de Deputación de Pontevedra, acolle a expertos europeos que dan a coñecer os modelos de xestión de residuos doutros países da UE. O plan de compostaxe da Deputación xa está en marcha en 23 concellos

O modelo austriaco de recollida de lixo orgánico abastece de compost ó agro

Expertos en compostaxe, nas xornadas organizadas pola Deputación.

A produción de compost a partir do lixo orgánico, unha iniciativa que está a impulsar a Deputación de Pontevedra, ten exemplos equivalentes ao longo de todo o territorio europeo. Estes días congregáronse en Pontevedra expertos de toda a UE para explicar os modelos de xestión de residuos dos seus países. Un dos máis chamativos é o austriaco, onde os propios agricultores se encargan da recollida e compostaxe dos residuos orgánicos.

Unha das persoas que ideou o modelo austriaco, Florian Amlinger, pasou pola Facultade de Compostaxe da Deputación para explicar a experiencia. En Viena, na capital de Austria, a compostaxe do lixo orgánico aplícase desde o 1986. “Agora mesmo temos unhas 400 plantas de compost, con capacidade para tratar unhas 2.800 toneladas de lixo orgánico ao ano. Trátase de plantas pequenas e descentralizadas que funcionan coa colaboración dos agricultores”.

Amlinger sinalou que son os propios agricultores os responsables da recollida do lixo e do seu procesado para obter o compost, co que posteriormente fertilizarán as súas terras. “O agricultor é consciente da importancia da calidade do compost no solo, xa que comproba os efectos na produción dos seus cultivos”, subliñou o experto austriaco.

A Deputación mantén aberta a opción de que empresas agrarias se impliquen na xestión do lixo orgánico

En Pontevedra, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, indicou que o organismo provincial mantén aberta a liña dunha posible colaboración con empresas gandeiras e vitícolas. “Os técnicos do Plan Revitaliza puxéronse en contacto con diferentes empresarios, pero polo de agora ningún deu o salto de asumir o tratamento do lixo municipal. En calquera caso, esa vía segue aberta”, asegurou.

Ecotaxas por incinerar en Cataluña
Da Axencia Catalana de Residuos, acudiu a Pontevedra Francesc Giró, que explicou a lexislación catalana de xestión de residuos, na que se penaliza con ecotaxas o vertido ou a incineración, en tanto se aposta pola recollida selectiva de lixo orgánico.

Giró lembrou que a Unión Europea obriga a que no 2020 a metade do lixo se prepare para a súa reciclaxe, unha porcentaxe da que Galicia e o conxunto de España aínda están moi lonxe. En Cataluña, decidiuse implantar a compostaxe obrigatoria, polo que os Concellos que renunciaron a implicarse no plan e derivan todo o seu lixo orgánico a vertedoiros ou incineradoras deben pagar ecotaxas que ascenden a entre 50 e 25 euros por tonelada.
En Pontevedra, a Deputación está a apostar por un modelo de tratamento de quilómetro cero, en composteiros individuais ou comunitarios, que entende como o máis correcto para unha poboación dispersa no territorio. Na actualidade, xa hai 23 concellos da provincia con composteiros comunitarios instalados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información