O Ministerio potenciará este ano a formación práctica de mozos en granxas modelo

O Ministerio potenciará este ano a formación práctica de mozos en granxas modelo

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación destinará este ano un millón de euros ao programa de formación práctica de mozas e mozos en explotacións modelo, tanto agrícolas como gandeiras.

O balance que fan da primeira edición piloto, celebrada en 2020 e realizada en colaboración con organizacións do sector -especialmente o sindicato UPA e cooperativas-, é de 12 visitas formativas nas que participaron 13 mozos de 7 comunidades autónomas.

Para este ano, espérase ampliar este programa, no que o Ministerio prevé que participen ao redor de 500 mozos que visitarán máis de 250 explotacións modelo repartidas por todas as comunidades autónomas.

Este programa de visitas formativas, financiado polo MAPA, ofrece a mozos menores de 41 anos e incorporados nos últimos 5 anos á actividade agraria ou gandeira, realizar estancias de 5 a 14 días en explotacións agrarias e gandeiras modelo, situadas nun ámbito territorial distinto ao da comunidade onde desenvolven a súa propia actividade.

Nas accións impulsadas en 2020 participaron 13 mozos, cunha idade media de 30 anos, pertencentes a sete comunidades autónomas: 3 de Castela-A Mancha; 2 de cada unha das comunidades autónomas de Asturias, Illas Baleares, Castela e León e Madrid; 1 de Estremadura e 1 de País Vasco. 

As 12 visitas formativas realizáronse en explotacións situadas en 8 comunidades autónomas: 4 en Andalucía, 2 en Castela e León, e unha en cada unha das comunidades de Aragón, Illas Baleares, Estremadura, Madrid, Murcia e A Rioxa. Atendendo ao sector, 7 explotacións foron agrícolas, 1 gandeira e 4 de orientación mixta agrícola-gandeira.

As explotacións modelo de acollida dos mozos manteñen unha actividade agraria real, preferentemente familiar, en disposición de realizar formación in situ en materias como mecanización e uso de tecnoloxías dixitais, técnicas para o uso racional do regadío, manexo de razas autóctonas, métodos de produción ecolóxica ou a incorporación de criterios ambientais e prácticas sustentables, entre outras.

O 75 % das explotacións de acollida producen baixo sistema ecolóxico ou produción integrada; case o 60 % posúen regadíos e preto tamén do 60 % desenvolven a transformación dos produtos agrarios.

Toda a información sobre as visitas formativas ofrecidas en 2020 pódese consultar no Catálogo de visitas. Ademais, o ministerio creou na súa páxina Web o espazo de Mozos Rurais, que inclúe un apartado específico onde se publica toda a información referente ao Programa de visitas formativas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información