O Ministerio está disposto a ampliar o prazo de solicitude da PAC ata o 15 de maio

As organizacións agrarias e asesorías ven “imposible” que se poidan presentar todas as solicitudes ata o 30 de abril e ven necesario mesmo prorrogar o prazo máis alá do 15 de maio.

O Ministerio está disposto a ampliar o prazo de solicitude da PAC ata o 15 de maio

Vacas de Jesús Ángel Lago Gancedo en Fonlor (Pedrafita do Cebreiro)

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) confirma que “non vai haber ningún impedimento” para ampliar o prazo de presentación das solicitudes de axudas da PAC 2016 máis aló do 30 de abril.

En concreto, segundo informa o Magrama a unha solicitude de información de Campo Galego “desde o FEGA  e o Ministerio non vai haber ningún impedimento para ampliar o prazo”, aínda que subliña que “a data máxima que permite a regulamentación comunitaria é o 15 de maio”.

De momento, dúas Comunidades Autónomas, unha delas Andalucía, e a organización agraria ASAJA xa lle trasladaron ao Magrama a solicitude de ampliación do prazo.

ASAJA Galicia: “Pedimos a ampliación porque hai moito traballo acumulado”

Neste sentido, o secretario xeral de ASAJA-Galicia, Francisco Belo asegura que “realizamos esta petición ao Ministerio a nivel nacional porque hai moito traballo acumulado, moitos erros na aplicación da PAC e non sería posible realizar todas as solicitudes antes do 30 de abril”. Ademais, lembra que “ata moi entrado o mes de marzo en Galicia non comezou a funcionar a aplicación da PAC”.

Pola súa banda, Javier Iglesias, responsable de gandería de Unións Agrarias, engade que “pouco importa que funcione a aplicación da PAC se os datos das presolicitudes non están cargados”. Así, advirte de que a Consellería do Medio Rural “ten pendentes de envorcar no SIGPAC os datos dos novos voos efectuados no ano 2014, así como as asignacións do novo período da PAC 2015-2020”.

Javier Iglesias (UUAA): “Faltan moitos datos por envorcar na aplicación da PAC”

“Estamos a pedir que a Consellería envorque eses datos canto antes porque a día de hoxe están cargadas moi poucas solicitudes e iso ás entidades que realizamos estes trámites xéranos grandes inconvenientes, non só pola redución dos prazos, senón porque nos xera maiores custos de persoal que temos que contratar nos últimos días para reforzar o servizo”, explica.

Piden que o prazo se presentación se amplíe máis alá do 15 de maio

Unha das empresas que máis solicitudes de axudas da PAC tramita en Galicia é a lucense Arza Ingeniería. Como exemplo do atraso que acumula a solicitude da PAC 2016 informan de que “das aproximadamente 600 solicitudes que tramitamos apenas 60 están cargadas na aplicación da PAC” por parte da Consellería do Medio Rural.

Neste sentido, defenden que “o prazo de presentación da solicitudes deberíase ampliar polo menos ata finais de maio”. Non sería o primeiro ano, xa que en 2015, e de forma excepcional por ser o primeiro de aplicación da nova PAC, o prazo ampliouse ata o 15 de xuño, tanto para as solicitudes como para as modificacións das xa presentadas.

Para iso, a mediados de abril de 2015 os Estados membros pediron á Comisión Europea unha prórroga e, unha vez aprobada a nivel comunitario, aplicárona a nivel estatal. Algo que poderían volver solicitar este ano de consideralo necesario.

O Ministerio asegura que o ritmo de pago da PAC en España é superior á media da UE

Un dos principais motivos de preocupación dos gandeiros nestes momentos, xunto ao prezo do leite, é o atraso no cobro das axudas da PAC de 2015, de forma que un bo número -especialmente as sociedades- aínda non percibiron estas axudas. Aínda que é certo que o límite de ingreso, segundo a lexislación europea, é ata o mes de xuño, estas axudas percíbense normalmente no mes de decembro. Sen embargo, este ano darase o paradoxo de que os produtores estean a solicitar as axudas da PAC de 2016 sen cobrar aínda a PAC de 2015.

Segundo informa o Ministerio de Agricultura a Campo Galego este atraso débese a que “o 2015 foi un ano de asignación de dereitos, de aplicación dunha nova política e dun certo atraso en todos os procedementos pola ampliación do período de solicitudes ata o 15 de xuño de 2015”.

En calquera caso, desde o Magrama destácase que “o ritmo de pago é moi superior ao dun ano similar -pola asignación inicial- como foi o 2006 e estamos moi por encima da media dos Estados membros da UE”.

Francisco Belo (ASAJA): “A información que temos é que as sociedades cobrarán a PAC ao longo de abril”

No caso da comunidade galega, o secretario xeral de ASAJA-Galicia, Francisco Belo, asegura que “a última información que temos por parte da Consellería é que ao longo dese mes de abril van ingresar a inmensa maioría das axudas da PAC ás sociedades que as teñen pendentes”.

“Estamos a presionar para que se acelere porque non é comprensible que uns gandeiros xa cobrasen o 70% da PAC no pasado mes de outubro e outros aínda vaian cobrar en abril”, conclúe Francisco Belo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información