O Ministerio de Agricultura e a Interprofesional Láctea (Inlac) acaban de pechar un convenio de colaboración para mellorar a cadea de valor do sector lácteo. O acordo busca avanzar en cuestións prioritarias como a contratación, a cohesión intersectorial, a monitorización e a transparencia do mercado, así como en actividades de promoción do consumo de leite e produtos lácteos.
Entre os compromisos adquiridos no convenio atópase o desenvolvemento de actividades de promoción do sector, ao obxecto de difundir e promover os beneficios do consumo do leite e os produtos lácteos. Ámbolos dous organismos comprométense a impulsar accións que poñan de manifesto a sustentabilidade ambiental, social e económica do sector, así como accións que valoricen os seus esforzos polo benestar animal.
Doutra banda, no acordo tamén se comprometen a promocionar e participar en encontros cos elos da cadea alimentaria que non estean representados en Inlac, así como chegar a acordos e desenvolver iniciativas que aseguren un correcto funcionamento da cadea láctea.
Neste ámbito, o papel da Interprofesional é crucial ao manter o esforzo por pór a disposición do sector os medios que faciliten a utilización de índices para a determinación do prezo nos contratos, en particular nos de longa duración. De igual forma, as partes comprométense a identificar as liñas prioritarias de investigación, desenvolvemento e innovación no sector lácteo.
Coa subscrición do acordo poténciase o papel de Inlac como órgano para a consecución de acordos sectoriais, á vez que permite sumar esforzos que reverterán en beneficio do sector, tal e como sinalan dende o Ministerio, nun comunicado de prensa.
O convenio subscríbese como continuación dos catro asinados anteriormente nos anos 2011, 2013, 2015 e 2019, co que é un novo paso que testemuña a relación entre o Ministerio e a Interprofesional Láctea.