O Ministerio de Agricultura convoca os Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais

En cada categoría concédense un primeiro, segundo e terceiro premio de 18.000, 12.000 e 7.500 euros, respectivamente. O prazo para presentar candidaturas finaliza próximo 8 de xullo

O Ministerio de Agricultura convoca os Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou este venres no Boletín Oficial do Estado (BOE) o extracto da convocatoria da XIII edición dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais correspondentes ao ano 2022. Con eles, búscase dar visibilidade ao traballo e aos proxectos de vida das mulleres no medio rural; e ao labor que realizan para manter e revitalizar estes territorios.

Estes galardóns, que o ministerio convoca anualmente desde o ano 2010, distinguen proxectos novos, excelentes, orixinais e innovadores realizados por mulleres rurais, así como actuacións que recoñezan o traballo e o papel das mulleres no medio rural.

Inclúen catro categorías: excelencia á innovación na actividade agraria, excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola, excelencia á innovación en diversificación da actividade económica no medio rural e excelencia á comunicación. En cada unha delas, concédense un primeiro, segundo e terceiro premio de 18.000, 12.000 e 7.500 euros, respectivamente.

A estas categorías súmase un premio extraordinario de carácter honorífico, recoñecemento especial pola traxectoria vinculada ao apoio ás mulleres no medio rural e en zonas pesqueiras rurais.

Nesta edición, introducíronse algúns cambios para adaptar mellor estes galardóns á realidade do medio rural, e modificáronse os requisitos para optar a eles, co fin de facilitar a participación dos territorios costeiros e dos municipios de pequeno tamaño.

O prazo de presentación das candidaturas finaliza o próximo 8 de xullo de 2022, quince días hábiles despois da súa publicación no BOE.

Pódese ampliar a información sobre estes premios, e descargar os formularios de inscrición na sede electrónica do ministerio.

Categorías dos Premios

Premio de”Excelencia á innovación na actividade agraria”. Destinado a proxectos que utilicen tecnoloxías agrarias, gandeiras ou forestais que redunden no avance dun sector sustentable, eficiente na obtención de produtos de calidade, que responda á demanda das consumidoras e consumidores e que poidan integrar estratexias de comercialización e promoción.

Premio de “Excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola”. Dirixido a proxectos relacionados con actividades pesqueiras ou acuícolas e complementarias, que utilicen tecnoloxías pesqueiras ou acuícolas que redunden no avance dun sector sustentable, eficiente na obtención de produtos de calidade, que responda á demanda das consumidoras e consumidores e que poidan integrar estratexias de comercialización e promoción.

Premio de “Excelencia á innovación en diversificación da actividade económica no medio rural2. Concederase a proxectos que diversifiquen a actividade económica do medio rural ligados, entre outros, á industria agroalimentaria, á prestación de servizos á agricultura e a silvicultura, ás actividades relacionadas coa prestación de servizos e a integración social e ás actividades turísticas, que favorezan novos ámbitos económicos ou xeren emprego no medio rural.

Premio de “Excelencia á comunicación”. Dirixido a recoñecer os traballos nos ámbitos da comunicación, a información e dos medios de difusión que contribuísen a difundir a actividade das mulleres no medio rural ou en ou en zonas pesqueiras rurais, o seu recoñecemento social e a súa promoción nacional e internacional e con iso fomentasen a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Recoñecemento especial pola traxectoria vinculada ao apoio ás mulleres no medio rural e nas zonas pesqueiras rurais. É un recoñecemento, con carácter extraordinario, a aquelas mulleres ou entidades en cuxa dirección participe unha muller, que tivesen un papel destacado no apoio, promoción e posta en valor das mulleres no medio rural ou en zonas costeiras rurais. Trátase dun recoñecemento de carácter honorífico sen dotación económica.

Novidades para esta edición

Esta décimo terceira edición incorpora novidades respecto dos anos anteriores, recollidas na Orde APA/510/2022, de 2 de xuño, que introduce modificacións nas bases reguladoras dos premios.

Adaptouse o ámbito xeográfico dos premios para incluír proxectos de municipios de menos de 5.000 habitantes, independentemente da súa densidade poboacional.

Modificáronse os requisitos de acceso para facilitar a participación dos territorios costeiros onde se sitúan instalacións portuarias e pesqueiras que teñen maiores densidades de poboación. Para iso introduciuse unha nova definición de “zonas pesqueiras rurais” que engloba ás localidades de menos de 30.000 habitantes.

A categoría de excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola aglutina todas aquelas candidaturas relacionadas co ámbito pesqueiro e acuícola, que teñan que ver ben coa propia actividade nos diferentes segmentos da cadea de valor, ou ben coa diversificación destas actividades.

Para as candidaturas das persoas físicas xa non será necesario que teñan o seu domicilio no ámbito rural, pero si o proxecto ou a actividade económica.

Actualizáronse os criterios de valoración das categorías, para pór maior énfase na repercusión socioeconómica dos proxectos e aumentar o apoio a aqueles que se desenvolven en municipios menos poboados (no caso do tres primeiras categorías), e dar maior peso ao alcance dos proxectos no caso da categoría de excelencia á comunicación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información