O Ministerio de Agricultura anuncia a convocatoria do Plan Renove de maquinaria

Está previsto que a convocatoria estea aberta na primeira quincena de xuño e conte con 6,55 millóns de orzamento. O 60% dos apoios dirixaranse a maquinaria para a aplicación de xurros

Publicidade
O Ministerio de Agricultura anuncia a convocatoria do Plan Renove de maquinaria

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, vén de anunciar a inminente convocatoria do Plan Renove de maquinaria agraria que, no exercicio de 2021, vai contar cunha dotación de 6,55 millóns de euros.

O ministro desprazouse onte até a Estación Mecánica Agrícola (EMA), dependente do Ministerio, onde visitou as súas instalacións, na localidade madrileña de Leganés, e asistiu ao desenvolvemento de varios ensaios en materia de seguridade e de prestacións da maquinaria agrícola. Alí, aproveitou para adiantar algúns aspectos da convocatoria.

Estas axudas, que se activarán nos primeiros días de xuño, virán sumarse á liña de avais para a compra de nova maquinaria que xa está a tramitar, desde o pasado 30 de abril e até o próximo 1 de setembro, a Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA). A liña de avais permitirá mobilizar até 50 millóns de euros en préstamos.

No primeiro cuadrimestre do presente ano, inscribíronse xa un 44,19 % máis de máquinas que no mesmo período do ano anterior, até un total de 11.363 unidades.

Luís Planas sinalou que a nova convocatoria é un paso máis na decidida aposta do Goberno para a renovación do parque de maquinaria agraria, cun triplo obxectivo: redución de custos de produción grazas á maior eficiencia tecnolóxica; mellora dos estándares de seguridade laboral e protección dos traballadores; e modernización dos equipos para a posta en práctica de técnicas agrarias máis respectuosas co medio ambiente>>.

A convocatoria deste ano conta cunha asignación inicial de 4 millóns de euros para a liña de adquisición de equipos de aplicación localizada de xurros, e 2,55 millóns para o resto de máquinas subvencionables, como tractores, máquinas automotrices (equipos de recolección, de aplicación de fitosanitarios ou de fertilizantes), e máquinas arrastradas e suspendidas a vehículo tractor (sembradoras, cisternas, abonadoras, entre outras).

Estación de Mecánica Agrícola

A Estación de Mecánica Agrícola, creada en 1904, é un laboratorio oficial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que ten baixo a súa responsabilidade o ensaio e a homologación de tractores e máquinas agrícolas para garantir aos agricultores que os equipos que manexan reúnen uns requisitos de eficacia agronómica e seguridade no traballo.

Ademais, é o único laboratorio español recoñecido pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) para a realización de ensaios en tractores agrícolas e forestais, así como nas súas estruturas de protección.

Tamén se encarga dos ensaios para a clasificación enerxética dos tractores, segundo o código 2 da OCDE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información