O Ministerio dá por seguro un acordo para revalorizar o prezo do leite

Carlos Cabanas asegurou na sede de ASAJA Galicia que a suba do prezo do leite pasará por uns acordos a medio-longo prazo entre distribución e industria para darlle estabilidade ao sector en detrimento das poxas diarias e á baixas. O MAGRAMA estuda a proposta de ASAJA de ampliar as axudas a ata 4.800 explotacións.

O Ministerio dá por seguro un acordo para revalorizar o prezo do leite

Carlos Cabanas con Francisco Bello e Pedro Barato

O secretario xeral de Agricultura e Alimentación do MAGRAMA,Carlos Cabanas, o Presidente de ASAJA Nacional, Pedro Barato, e o secretario xeral de ASAJA Galicia, Francisco Bello, analizaron esta mañá en Santiago a crise que sofre o sector lácteo en Galicia e en España.

Carlos Cabanas mostrouse convencido de que o día 10 de setembro haberá un acordo entre industria e distribución para revalorizar o leite e os produtos lácteos en España. Pasará por fomentar as relacións a medio-longo prazo entre distribución e industria, en detrimento das poxas diarias e á baixas, o que produciría unha revalorización do leite que acabaría chegando ao gandeiro nun maior prezo en orixe.

“Non nos cabe a menor dúbida de que vai haber acordo o día 10 de setembro. A distribución e a industria van nunha liña positiva que permitirá dar estabilidade e sostibilidade ao sector lácteo”, asegurou o responsable de Gandaría do MAGRAMA.

“O que fixo o Goberno francés é o mesmo que formula o Goberno español”

Neste sentido, Cabanas reiterou que “é falso que o goberno francés fixou un prezo mínimo do leite porque é imposible”. “O que se fixo -asegurou- é acordar por todas as partes intentar revalorizar o leite a través de negociacións bilaterais nas que o Goberno francés estivo presente e animou a chegar a ese acordo, que é o mesmo que formulou o Ministerio en España o pasado 18 de agosto,”.

A este respecto, o secretario de Gandaría do MAGRAMA mostrouse convencido de que ” se este acordo conseguimos levalo para efecto non nos cabe a menor dúbida que as consecuencias serán revalorizar o leite”.

“É fundamental que a distribución cambie determinadas modalidades de compra”

En concreto, o acordo no que está a traballar o Ministerio con industria e distribución supoñería unha serie de compromisos, fundamentalmente para a distribución. Así, Cabanas informou de que “a distribución é fundamental que non banalice o produto e que se comprometa a cambiar determinadas modalidades de compra -poxas diarias- para revalorizar a cadea de valor do leite e repercutilo na industria e esta nos gandeiros”.

Pedro Barato, presidente de ASAJA Nacional, tamén coincidiu en que “hai que introducir transparencia e claridade finalizando coas poxas á baixas e establecendo entre industria e distribución acordos de venda a varios meses porque iso ao final supón prezos razoables para o gandeiro”.

 “Cando hai acordos a longo prazo entre distribución e industria o gandeiro cobra a 0,32-0,34 euros”

“A distribución ten que facer un esforzo de entendemento e de claridade”, subliñou. Neste sentido, Pedro Barato recordou que “cando hai contratos entre a distribución e a industria a 2 ou 3 anos o prezo que percibe o gandeiro está entre os 0,32 e os 0,34 euros”.

Segundo o secretario de Gandaría do MAGRAMA, estas relacións contractuais a medio longo prazo entre industria e distribución permitirán “estabilizar e dar garantías de recollida do leite, a prezos sostibles, dos volumes que se estaban a recoller, pero non dos incrementos de produción,”.

ASAJA demanda que as axudas de mínimis se estendan a ata 4.800 explotacións, o 80% delas en Galicia

Por outra parte, o presidente de ASAJA nacional pediu ao MAGRAMA que as axudas de mínimis “se amplíen ata chegar a unhas 4.500-4.800 que cremos que as necesitarían”. Desas, o 80% son explotacións lácteas de Galicia.

En concreto, Pedro Barato solicitou ao Ministerio que “se establezan dúas escalas: unha de 300 euros por vaca para as explotacións que o están a pasar peor, vendendo por debaixo dos custos de produción, e outra, de por exemplo 150 ou 200 euros por vaca para as granxas que tamén teñen dificultades”.

As axudas cobraranse a finais de outubro ou durante o mes de novembro

En resposta, Carlos Cabanas asegurou que “no Ministerio estamos a estudar esta proposta”. Ademais, informou de que das ao redor de 2.500 explotacións que o Ministerio contempla neste momento como potenciais beneficiarias destas axudas de mínimis, para explotacións que están a cobrar o leite a menos de 0,25 euros o litro, 1.700 están en Galicia.

 O Ministerio prevé que as axudas beneficien a 1.700 explotacións de Galicia

As axudas serán pagadas polo MAGRAMA a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). Carlos Cabanas avanzou que esperamos aprobar o Real Decreto no mes de setembro, abrir a convocatoria de axudas en outubro e poder pagar aos gandeiros a finais de outubro ou o en mes de novembro”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información