O Ministerio convoca as axudas do Plan Renove 2021 de maquinaria agrícola

As solicitudes poderán presentarse desde o día 15 deste mes ata o próximo 15 de setembro. Agricultura destina ó plan 6,55 millóns de euros. Haberá unha liña de subvencións para sistemas de aplicación de xurro e outra para o resto de equipos

Publicidade
O Ministerio convoca as axudas do Plan Renove 2021 de maquinaria agrícola

Este ano destinarase unha liña específica de axudas para adquirir novos equipos e cisternas para esparexer o xurro.

Administración convocante: Ministerio de Agricultura

Enlace axuda: https://www.boe.es/boe/dias/2021/06/01/pdfs/BOE-B-2021-27734.pdf

Prazo: Ata 15/09/2021

Resumo:

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acaba de convocar as axudas do Plan Renove de maquinaria agraria 2021, dotado con 6,55 millóns de euros. A convocatoria publicouse no Boletín Oficial do Estado (BOE) este martes e as axudas poderán comezar a solicitarse a partir do 15 de xuño.

Como novidade, na convocatoria de 2021 habilítase unha liña específica para incentivar a compra de máquinas para unha aplicación localizada do xurro (accesorios e cisternas), que substitúan ós sistemas de pratos, abanicos ou canóns. Esta liña estará dotada de 4 millóns de euros.

Subvencionarase a compra de cisternas de xurro con sistemas de localización de produto no chan (reixas e discos), tubos flexibles (mangueiras) ou ríxidos (para aplicación xusto sobre o chan), así como sistemas de localización de xurro no chan independentemente da cisterna.

A convocatoria establece dúas liñas de subvencións, unha para a renovación de accesorios de aplicación localizada de xurro e cisternas (4 millóns de euros) e outra para o resto de equipos (2,55 millóns)

A outra liña de subvencións está dotada con 2,55 millóns de euros e é para o resto de equipos e maquinaria, de acordo coas bases reguladoras da axuda, aprobadas polo Real Decreto 704/2017, de 7 de xullo. Se esgotado o prazo de solicitude quedan fondos dispoñibles en calquera das dúas liñas, poderanse utilizar para atender as peticións en lista de espera.

O Plan Renove busca modernizar o parque de maquinaria mediante a axuda á compra de vehículos e equipos que incorporen novas tecnoloxías que permitan unhas técnicas agrícolas máis respectuosas co medio ambiente. Incentívase a adquisición de distintos tipos de maquinaria, buscando reducir as emisións de CO2, de amoníaco e partículas, optimizar a aplicación de insumos e fixar carbono no chan. Trátase de mellorar a adaptación á contorna, a protección ambiental e a eficacia e seguridade na produción primaria.

“A convocatoria de 2021 facilitará aos agricultores a adopción dos requisitos da nova Política Agraria Común (PAC) e busca a consecución dos compromisos ambientais de España en materia de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e doutros gases contaminantes”, sinalan no comunicado de prensa do Ministerio.

Prazos

Desde mañá, 2 de xuño, os interesados poden adquirir a máquina para a que soliciten a subvención, inscribila no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) e realizar tódolos trámites pertinentes antes de presentar as solicitudes de axuda. O prazo de presentación é do 15 de xuño ao 15 de setembro.

Con esta nova convocatoria, a cantidade de diñeiro mobilizado polo Ministeriro no ano 2021 para axudar á adquisición de maquinaria agrícola ascende en total a 9,55 millóns de euros, un 19,4 % máis que en 2020. Á convocatoria publicada hoxe hai que sumar os 3 millóns de euros, contemplados na Orde de subvencións de avais concedidos pola Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (Saeca) para a compra de maquinaria do pasado 29 de abril.

-Consulta aquí toda a información do Plan Renove 2021.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *