O Ministerio convoca as axudas do Plan Renove 2020 de maquinaria agrícola dotado con 8 millóns de euros

As solicitudes poderanse presentar desde este luns, día 15, até o próximo 15 de setembro

O Ministerio convoca as axudas do Plan Renove 2020 de maquinaria agrícola dotado con 8 millóns de euros

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) convocou as axudas para o Plan Renove 2020 de maquinaria agrícola, que estará dotado con 8 millóns de euros, un 60 % máis respecto da anterior convocatoria.

O extracto de orde publicada hoxe, día 13, no Boletín Oficial do Estado recolle a convocatoria para a concesión directa de subvencións estatais para a renovación do parque nacional de maquinaria agraria (Plan Renove) para o 2020. As solicitudes poderanse presentar a partir deste luns, día 15 e até o próximo 15 de setembro.

Diferenciáronse dúas liñas de axudas: unha para tractores, con 5 millóns de euros, e outra de 3 millóns de euros para o resto de tipos subvencionables, de acordo coas bases reguladoras da axuda, aprobadas polo Real Decreto 704/2017, de 7 de xullo.

Maquinaria subvencionable

Os equipos subvencionables son tractores, máquinas automotrices -de recolección, de aplicación de produtos fitosanitarios e fertilizantes, excluídas cisternas de xurro- e máquinas arrastradas ou suspendidas -sementadora directa, abonadora, equipos de aplicación de produtos fitosanitarios, cisternas de xurro con sistemas de localización de produto no chan (reixas e discos), tubos flexibles (mangueiras) ou ríxidos (para aplicación xusto sobre o chan), así como sistemas de localización de xurro no chan independentemente da cisterna.

O obxectivo do Plan Renove é modernizar o parque de maquinaria mediante a axuda á compra de máquinas e equipos con novas tecnoloxías que permitan unhas técnicas agrícolas máis respectuosas co medio ambiente. Incentívase a adquisición de distintos tipos de maquinaria para reducir as emisións de CO2, de NH3 e partículas, optimizar a aplicación de insumos e fixar carbono no chan. Trátase de mellorar a adaptación á contorna, a protección ambiental e a eficacia e seguridade na produción primaria.

A información do Plan Renove 2020 está dispoñible, na páxina web do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, na seguinte ligazón: https://www.mapa.gob.es/es/agricultura/temas/medios-de-produccion/maquinaria-agricola/ayudas/ayudas_renovacion_de_maquinaria/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información