O Ministerio asegura que só 7 países piden a auditoría externa para exportar queixos e carnes

O Magrama asegura que está a adaptar o Real Decreto “para asegurar unha aplicación uniforme e o máis suave posible”. Asegura que só 7 países piden a auditoría externa: Arxentina; China, Corea; Malaisia; Nova Zelandia, Rusia e Ucraína

O Ministerio asegura que só 7 países piden a auditoría externa para exportar queixos e carnes

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) minimiza os efectos do Real Decreto 993/2014 de “Certificación Veterinaria Oficial para a Exportación con destino a Países Distintos á UE” que obriga desde o 1 de xullo ás industrias lácteas, cárnicas e de conserva españolas a dispoñer dunha auditoría externa se así o esixe o país de destino.

En resposta a unha solicitude de información por parte Campo Galego, responsables do Ministerio aseguran que “o Real Decreto establece un marco legal estable e claro ás exportacións que ata agora non existía” e salientan os seus efectos positivos na simplificación dos trámites administrativos.

“O custo da auditoría pode ser moi inferior aos 2.000 euros”

En concreto, destacan que “a base da certificación das condicións de sanidade animal baséase na declaración do industrial que auto-certifica o cumprimento dos requisitos establecidos polas autoridades do país terceiro”. “É importante en insistir -subliñan- en que son as autoridades dos países terceiros as que establecen os requisitos non España, e o industrial deberá gardar a documentación que acredita que se cumpren estes requisitos e non deberá achegala cada vez que solicita unha exportación, como ata agora”.

En canto ás auditorías externas, desde o Ministerio subliñan que só deben realizalas “aquelas empresas que exportan a países terceiros que esixen requisitos distintos aos europeos en materia de sanidade animal”. Engaden que “esta auditoría poderá ser conxunta con calquera outra auditoría á que se someta, o único requisito é que a auditora estea autorizada para facelo”.

O Ministerio asegura que non valen os controis das D.O ou I.X.P como certificación de enfermidades animais

Por outra banda, desde o Magrama advirten de que “os controis das D.O ou I.X.P non teñen nada que ver cos requisitos esixidos polos terceiros países que son os que hai que certificar e que se refiren a enfermidades animais”.

En canto ao custo, aseguran desde o departamento que dirixe Isabel García Tejerina que “pode ser moi inferior aos 2.000 euros que se sinala na información; desde logo establecéronse sistemas máis flexibles para empresas pequenas ou de procesos sinxelos que supoñen unha importante redución dos custos”. Tamén apuntan que “calquera empresa ou organismo que cumpra uns requisitos e o solicite pode ser recoñecida como auditora”.

No caso dos produtos lácteos, só 7 países esixen auditoría externa

Polo que se refire aos países que esixen este certificado, desde o Ministerio lembran que “actualmente exportamos leite e produtos lácteos a 114 países terceiros e só 7 deles esixen eses requisitos diferentes que requiren o proceso de auditoría”. Os destinos son Arxentina; China, Corea; Malaisia; Nova Zelandia, Rusia e Ucraína. “Destes destinos só China presenta volumes importantes e as empresas que exportan a este mercado son todas elas de gran tamaño e os produtos exportados son na súa case totalidade leite en po e leite infantil”, matizan desde o Magrama.

“Hai que dicir que case a metade da cantidade exportada a terceiros países faio cun certificado xenérico ou de non intervención que en aplicación do Real Decreto non require ningunha documentación adicional, simplemente unha solicitude. E excepto para os 7 destinos xa sinalados non se requirirá ningunha certificación de sanidade animal como ata agora. O Real Decreto supón unha verdadeira simplificación para a maioría das empresas e das exportacións do sector lácteo”, subliñan desde o Magrama.

Con todo, o Ministerio recoñece que está a adaptar as instrucións de aplicación do Real Decreto 993/2014 “para dar resposta a algúns problemas puntuais que van xurdindo e para asegurar unha aplicación uniforme e o máis suave posible para os sectores e operadores”. “En todos os casos estamos a aplicar períodos transitorios longos e flexibles e estamos a seguir de preto a aplicación desta normativa para corrixir calquera efecto non desexado”, subliñan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información