O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente estableceu un procedemento extraordinario para que as industrias lácteas poidan remitir ao Ministerio a información sobre os seus prezos de cesión ou venda ás empresas da distribución, mentres se completa a tramitación administrativa do real decreto que regulará a obrigación de facilitar os devanditos datos. Segundo o Ministerio esta tramitación “está bastante avanzada”.
Inicialmente, esta información poderase remitir de forma voluntaria, ata a entrada en vigor da citada norma, xa que a partir dese momento deberase achegar de maneira obrigatoria, de forma telemática ao Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). Estes datos serán tratados con absoluta confidencialidade e só poderán ser obxecto de publicación os datos agregados resultantes da análise e tratamento dos mesmos?, asegura o Ministerio a través de nota de prensa.
Para iso, as industrias asinantes do Acordo para a Estabilidade e Sustentabilidade da cadea de valor do sector vacún de leite xa recibiron as correspondentes instrucións e, desde este momento, xa poden achegar a información sobre os prezos de cesión.
O Acordo para a Estabilidade e Sustentabilidade da cadea de valor do sector vacún de leite, asinado o pasado 23 de setembro polas organizacións, industrias e empresas da distribución, encomenda ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a publicación dun real decreto que establece a obrigatoriedade para os fabricantes de leite líquido envasado de vaca de declarar ao Ministerio o prezo de cesión ou venda dos seus produtos ás empresas da distribución.
“A tramitación administrativa do Decreto xa está bastante avanzada”
O Ministerio de Agricultura asegura que “traballa na preparación desta norma desde o mesmo momento da firma do acordo, cuxa tramitación administrativa atópase nestes momentos bastante avanzada”.
Dispoñer desta información resultará de gran utilidade para mellorar o coñecemento e a transparencia no funcionamento da cadea de valor do leite líquido de vaca, e mellorará a información que se dispón sobre a transmisión do devandito valor ao longo da mesma.