O Goberno aproba o decreto que impulsa os contratos lácteos a un ano

Ábrese un periodo dun mes para a adaptación ás novas esixencias dos actuais acordos entre industrias e gandeiros. O sector produtor pide compromisos das empresas transformadoras e da distribución

O Goberno aproba o decreto que impulsa os contratos lácteos a un ano

O novo decreto amplía a un ano a duración dos contratos lácteos.

A implantación hai uns dous anos dos contratos de entrega de leite entre industrias e gandeiros a penas supuxo cambios nas relacións entre ambas partes. O habitual viña sendo que a industria recolledora fixase os prezos de maneira unilateral e así continuou nos últimos meses, sen que nin gandeiros nin as organizacións de produtores, que agrupan en Galicia a máis de 3.000 explotacións, puidesen chegar a acordos coas empresas. O Consejo de Ministros vén de aprobar este venres un decreto polo que trata de mudar a situación.

A principal novidade que introduce o decreto aprobado polo Ministerio radica no intento de convertir en maioritarios no agro os contratos de entrega a longo prazo, cun ano de duración. Fronte ós contratos de 3-6 meses con prezo fixo que viña ofrecendo a industria nos últimos anos, a partir de agora o decreto ministerial trata de impulsar contratos a un ano con prezo variable.

Todas as industrias están obrigadas a ofrecerlle un contrato dun ano ós produtores. Ese contrato deberá presentarse dous meses antes do fin do contrato actual ou dous meses antes do inicio da recollida, segundo o novo texto lexislativo. A idea é que ese acordo inclúa o compromiso de variación do prezo do leite en función de índices de referencia que teñan en conta as circunstancias do mercado (evolución dos prezos dos produtos lácteos industriais, prezos nos países veciños, etc.). En calquera caso, ambas partes deberán negociar tamén con que criterios referencian a variación do prezo ó longo da campaña.

O decreto prohíbe ademais que o contrato se aplique con carácter retroactivo ou que haxa modificacións sustanciais no mesmo ó longo da campaña. A entrada en vigor do decreto é inmediata unha vez que se publique no Boletín Oficial del Estado, se ben os acordos actuais entre gandeiros e industrias terán un prazo dun mes para adaptarse á nova normativa.

O Xacobea
En Galicia, a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, que participou este venres nunhas xornadas de Africor en Lugo, animou a industrias e gandeiros a utilizar a ferramenta Xacobea para referenciar os prezos dos contratos. O Xacobea, unha aplicación impulsada pola Xunta, permite establecer a variación do prezo do leite en orixe en función de diversos criterios que poden dar máis ou menos peso a diversos factores (prezos dos produtos industriais, custos de produción, etc.).

Dúbidas do sector produtor
No sector produtor, o novo decreto valórase como un paso máis, se ben hai escepticismo sobre a posible xeralización dos contratos dun ano, pois o decreto tamén recolle a posibilidade de que o gandeiro renuncie de forma “voluntaria” ó contrato a un ano. Esa excepción é vista polas organizacións agrarias como unha porta aberta a que as industrias impoñan contratos con menor duración.

Upa, a matriz estatal de Unións Agrarias, indicou tamén este venres en comunicado de prensa que lle preocupa o feito de que hai industrias que ata agora nunca quixeron sentarse a negociar os contratos coas organizacións de produtores, polo que agardan un cambio de tendencia no sector industrial. A organización tamén advirte da necesidade de combatir a venda de leite como produto reclamo, a baixos prezos, nas cadeas de supermercados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información