O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, presidiu este luns por videoconferencia os Consellos Consultivos de Política Agrícola e Política Pesqueira, onde presentou aos conselleiros do ramo das comunidades autónomas un paquete de medidas adicionais de apoio estatal ao sector agrario, valorado en preto de 25 millóns de euros, para apoiar ao sector da flor cortada e do porco ibérico, especialmente afectados pola crise sanitaria da COVID-19, así como para medidas de promoción dos Alimentos de España.
As circunstancias derivadas da declaración do estado de alarma, co peche de viveiros de flor cortada e planta ornamental e a cancelación de festexos tradicionais, provocaron unha forte caída na comercialización de flores e plantas ornamentais. Ante a falta de medidas excepcionais por parte da Comisión Europea verdadeiramente aplicables, o MAPA decidiu pór en marcha para este ano 2020 unha liña de axudas para o sector dotada con 10 millóns de euros.
Así mesmo, o peche da canle Horeca ocasionou unha caída do consumo dunha parte importante dos produtos do porco ibérico. Para aliviar a situación deste mercado, o Ministerio vai destinar 10 millóns de euros para subvencionar o sacrificio de animais, cunha idade e peso diferente aos que permitirían ser comercializados baixo a norma de calidade para a carne, o xamón, a paleta e a cana de lombo ibérico.
En relación coas medidas de promoción, Planas explicou que se destinarán 4,9 millóns de euros, para campañas de promoción dos Alimentos de España e para apoiar a campaña específica de promoción internacional en colaboración co ICEX “Spain Food Nation”.
Estas campañas de promoción do Ministerio van contar cun orzamento de 3 millóns de euros adicionais, que se destinarán, entre outros, ao viño con denominación de orixe e ao aceite de oliva. Mentres, o MAPA destinará outros 1,9 millóns de euros á campaña de comunicación internacional co ICEX, que achegará unha cifra igual, que se centrará no fortalecemento da imaxe exterior dos alimentos españois máis emblemáticos en mercados estratéxicos.
Por outra banda, e como exemplo do apoio prestado polo Goberno ao sector agroalimentario, o ministro sinalou que, en relación cos avais dos préstamos do ICO para garantir a súa liquidez, rexistráronse 70.500 operacións por importe de 9.600 millóns de euros, practicamente o 10 % do conxunto dos avais.
Solicitudes de axudas da PAC
En relación coa PAC, conseguiuse que agricultores e gandeiros reciban, a partir do 16 de outubro, o 70 % dos anticipos das axudas (o 85% no caso das axudas de desenvolvemento rural). Tras a ampliación do prazo de presentación da PAC 2020, ao 15 de xuño, rexistráronse un total de 677.134 solicitudes en toda España até a citada data. Esta cifra supón un 98 % das 692.751 solicitudes que se presentaron na campaña 2019.
O ministro destacou que o sistema de presentación por Internet funcionou con éxito en todas as Comunidades Autónomas. Despois da declaración do estado de alarma, presentáronse preto de 500.000 solicitudes de maneira telemática, das que máis de 47.000 presentáronse na última semana.
A Xunta solicita ao Goberno Central unha liña específica de créditos ICO para o sector do viño
A Xunta solicita ao Goberno central que habilite unha liña específica de préstamos avalados polo Estado a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO) para o sector do viño de cara á vendima deste ano. Neste senso, o conselleiro do Medio Rural, José González, trasladoulle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no seo do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, a necesidade de poñer sobre a mesa un paquete de achegas para reverter, na medida do posible, os efectos e perdas ocasionadas neste sector debido ao peche da canle Horeca, unhas das súas principais vías de comercialización, de cara a asegurar a vendima do 2020 e garantir a compra de uvas aos viticultores.
Neste senso, o conselleiro sinalou que as axudas aprobadas polo Ministerio de 90 millóns de euros para este sector produtivo “non cobren as necesidades do sector galego, debido a que as medidas aprobadas non se adaptan ás demandas de Galicia nin á súa realidade, pois a cantidade que recibirá a nosa comunidade para as súas denominacións de orixe é irrisoria para as máis de 20.000 familias que viven do viño en Galicia”.
Así mesmo, José González aproveitou para solicitar a posibilidade de poñer en marcha unha campaña de promoción específica para o viño que poidan lanzar directamente os propios consellos reguladores.
Sector da carne de vacún
Do mesmo xeito, a Xunta solicitou tamén ao Goberno central que habilite axudas directas para o sector vacún de carne, tamén afectado pola emerxencia sanitaria ao constatar unha baixada nos prezos de venda con respecto á situación anterior á crise sanitaria. Ao igual que o sector vinícola, o vacún de carne viuse moi afectado polo peche da canle Horeca (hostalaría e restauración). “Unha situación, -sinalou o conselleiro-, que debe ser afrontada tamén polo Goberno central mediante unha liña de achegas específica que permita solventar este problema e reactivar o fluxo económico neste sector”. Tamén lle trasladou que se está estudando o impacto sectorial noutros ámbitos do cárnico.
O titular de Medio Rural subliñou que “o sector da carne é un dos principais motores económicos de Galicia e precisa ser atendido ao igual que o resto”.
Doutra banda, o conselleiro sinalou que é preciso asegurar que o Real Decreto Lei recentemente aprobado que modifica a cadea alimentaria garante prezos que cubran os custos de produción aos operadores do sector primario, obrigando así a cada operador da cadea a pagar ao anterior un prezo igual ou superior ao que lle custa producir.