Os agricultores e gandeiros españois poderán acollerse a deducións no rendemento neto do Imposto sobre a Renda para as Persoas Físicas (IRPF) pola adquisición de gasóleo agrícola e de fertilizantes, como medida excepcional para paliar os efectos do encarecemento dos custos de produción.
Esta medida contémplase na orde do Ministerio de Facenda e Función Pública pola que se desenvolven para o ano 2023 o método de estimación obxectiva do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e o réxime especial simplificado do Imposto sobre o Valor Engadido, publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado. O sistema de estimación obxectiva agraria é o maioritario entre os agricultores e gandeiros do noso país, ao que se acollen voluntariamente cada ano uns 850.000 declarantes.
Como principal novidade destacan as medidas excepcionais para paliar o efecto producido polo prezo dos insumos de explotación nas actividades agrícolas e gandeiras, que inclúen a redución do 35% do prezo de adquisición do gasóleo agrícola e do 15% do dos fertilizantes.
Ademais, mantéñense os índices correctores aplicables ao rendemento neto minorado que se aplicaron excepcionalmente na declaración da renda de 2021 por pensos adquiridos a terceiros e por cultivos en terras de regadío que utilicen enerxía eléctrica. Concretamente, mantense o índice aplicable ás actividades gandeiras que alimenten o gando con pensos e outros produtos para a alimentación adquiridos a terceiros, sempre que representen máis do 50 % do importe dos consumidos. O índice único para todos os sectores gandeiros será do 0,50. Tamén se mantén nos niveis de 2021 o índice por uso de electricidade para a rega, cunha redución dun 25 % do rendemento neto extensible a todos os regadíos.
Os agricultores e gandeiros, do mesmo xeito que o resto de contribuíntes que tributen en módulos, beneficiaranse dunha redución do rendemento neto do 15% en 2022 e do 10% en 2023, fronte ao 5% en que se fixa habitualmente esta redución.