A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“O minifundio é a principal barreira para que o sector forestal siga medrando”

Entrevistamos a Ana Rodríguez, enxeñeira forestal de Madeiras O Fragueiro que acaba de invertir na compra dunha autocargadora forestal Eco Log 574F para seguir aumentando o volume de negocio


A vinculación de Ana Rodríguez co sector forestal venlle de moi nova. Case dende que naceu, foi medrando e vendo como seu pai, Juan Rodríguez, comezaba unha andaina profesional coa súa empresa Madeiras O Fragueiro, que tiña os obxectivos de ofrecer servizos da cadea forestal-madeira a pequenos propietarios de montes no sur da provincia de Pontevedra. Aquel proxecto comezou hai trinta anos cun tractor alugado e unha soa persoa traballando. Agora, xa teñen un parque móbil propio e nove traballadores. Un equipo con dous cortadores e un tractor encabeza as cortas e, outro, traballa coa procesadora e un novo autocargador Ecolog que acaban de adquirir.

Non foi ata que rematou a carreira de Enxeñería Forestal que se mergullou de cheo na empresa familiar. Xa pasaron uns anos daquela e, agora, Ana converteuse nunha sorte de navalla suíza para Madeiras O Fragueiro. Nunha xornada de traballo, pode traballar certificando e taxando madeira, xestionando compras, organizando a loxística dos camións, solicitando permisos de corta e incluso acopiando madeira. Para case calquera necesidade que a empresa teña, Ana pode resolvela.

Madeiras O Fragueiro comezou cun traballador e un tractor alugado. Agora, son nove no equipo e teñen un parque móbil propio

“Cando comecei de cheo a traballar na empresa, á xente sorprendíalle que unha rapaza de menos de 30 anos viñera organizar as cortas dos seus montes. Creo que lles sorprendía tanto que fose unha muller como que fose nova”, explica Ana. O certo é que a ela non lle gusta adicar moito tempo a visibilizar estes prexuízos e cre que como se rompen “eses muros” é traballando e “demostrándolle a xente que pouco importa o xénero. O verdadeiramente importante é ser profesional e sacar o traballo adiante en tempo e forma”. E así foi. Aqueles prexuízos que puido sentir ao comezo da súa carreira foron desaparecendo rapidamente grazas á súa solvencia como enxeñeira forestal. Ana forma parte activa da campaña de visibilización do traballo da muller da Axencia Galega da Industria Forestal, Elas xeran sector.

A liña de traballo de Madeiras O Fragueiro

As especies coas que traballan en Madeiras O Fragueiro son as máis habituais no sur da provincia de Pontevedra: piñeiro e eucalipto. A totalidade das cortas de eucalipto comercialízanas directamente con ENCE para facer pasta de papel, “xa que non hai outro sitio por onde sacalo”; e o piñeiro trabállano directamente con aserradoiros da comarca que os transforman en taboleiros.

“Gustaríanos que o mercado fora máis variado para poder ter máis empresas ás que venderlle o eucalipto”

A Ana gustaríalle que o mercado do eucalipto fora máis variado para non ter que depender dunha soa empresa: “Cando existe un monopolio tan acusado, estás moi suxeito aos prezos que che impoñen e a túa capacidade de negociación é case nula”, lamenta. Dende a empresa familiar cren que se se diversificase o mercado, sería tanto para os propietarios dos montes como para as empresas intermediarias como a súa. “As últimas subas no prezo do piñeiro -case 5 euros por tonelada- tratamos de que repercuta nos petos dos propietarios.

A situación actual do sector en Galicia

A diversidade do mercado é a principal reivindicación no testemuño que ofrece Ana Rodríguez ao falar da situación actual do sector forestal en Galicia. Aínda así, recoñece que a situación é estable: “No sur de Galicia levamos moitos anos cunha estabilidade que nos permite seguir medrando. O crecemento é moderado, pero, a cambio, non temos grandes fluctuacións como pasa, por exemplo, coa construción”.

“O sector forestal en Galicia é estable e todo apunta a que seguirá co seu crecemento moderado”

Ana tamén cre que o eucalipto en Galicia está “demonizado”: “Evidentemente, isto non é unha cuestión de extremos, non todo é branco ou negro. Non se pode plantar eucalipto en calquera lado, pero é que hai lugares onde a única especie forestal que é viable é o eucalipto”. No seu argumento, esta enxeñeira explica que tanto no sur como no norte de Galicia “existen familias para as que as plantacións forestais son a súa principal vía de ingreso”.

Minifundio, a súa principal barreira

O minifundio no sur da provincia de Pontevedra é unha das principais organizacións territoriais e, para Ana, “un dos principais problemas do sector”. Os terreos e camiños estreitos dificultan os labores da empresa, retrasando “moito” as cortas en comparación coa provincia da Coruña. “As últimas máquinas que van saíndo son cada vez máis grandes e váisenos facendo máis difícil acceder ás parcelas para traballar”, explica. Segundo o seu testemuño, perden rendibilidade propietarios e madereiros. A única solución a medio prazo, argumenta, é a concentración parcelaria: “O problema é poñer de acordo a tantos propietarios. Ese é o noso mal endémico”.

“Se queremos medrar, precisamos que haxa unha estratexia galega de concentración parcelaria”

O ano pasado,  varios concellos galegos empezaron a cobrar taxas aos maderistas para compensar a deterioración das pistas e estradas, algo que Ana valora negativamente: “A nós por sorte aínda non nos tocou. Os concellos nos que adoitamos traballar non executaron esta estratexia, pero temos medo de que comecen a facelo. Iso implicaría recortar as marxes e vai repercutir no prezo que lle vamos ofrecer ao propietario”. Porén, recoñece que “o dano que se faga coa maquinaria, haino que enmendar, iso de seguro”. Ana recoñece que, por outra banda, teñen dito que non a ofertas de propietarios pola imposibilidade de acceder a terreos forestais.

A autocargadora Ecolog 574F

Autocargador forestal Eco Log 574F

Autocargador forestal Eco Log 574F

A útlima gran inversión que fixeron dende Madeiras O Fragueiro foi a compra da autocargadora Eco Log 547F, comercializada por Log Max Iberia S.L. Tanto Ana como Juan cren que acertaron ao cento por cento e xa están a notalo no traballo do día a día. O Eco Log 574F pertence á nova gama de autocargadores serie F que conservou, desenvolveu e reforzou as mellores calidades das xeracións anteriores, facilitando un mantemento rápido e eficaz da máquina, cun mellor deseño, confort e calidade. Velaquí algunhas das características que animaron a compra por parte de Madeiras O Fragueiro.

  • Conta cunha capacidade de carga de 14 toneladas. Todos os autocargadores dispoñen de estaqueros telescópicos estándar e opcionalmente con accionamiento hidráulico. A zona de carga oscila entre 4,1 e 5,2 m2 de área efectiva de carga.
  • As máquinas están equipadas con motores de última xeración Stage V de Volvo Penta, caracterizados polo seu alto rendemento, potencia, seguridade funcional, resistencia, eficiencia no consumo de combustible e baixos niveis de emisións.
  • As máquinas dispoñen de novos enfriadores optimizados para motores da Fase V.
  • O sistema motriz da máquina actualizouse cun novo bogie máis potente caracterizado pola súa alta capacidade de tracción e de carga que distingue ao Eco Log 574F doutros autocargadores do mesmo tamaño.
  • Unha bomba hidráulica estándar de 175 cc por revolución, permite utilizar a unidade cunha ampla variedade de guindastres. O fluxo de aceite mellorado permite realizar movementos simultáneos, aumentando a capacidade e a flexibilidade.
  • A grella frontal do capó ábrese de maneira sinxela cara ao lateral para facilitar o acceso e a limpeza do radiador, mentres que o capó ábrese eléctricamente para facilitar un mantemento rápido, simplificando o traballo do operador.
  • Os grandes estribos facilitan a entrada e saída da cabina e aloxan as baterías e a caixa de ferramentas, o que as fai facilmente accesibles.
  • O depósito de urea colocouse xunto á unidade central de lubricación, o depósito de combustible e o hidráulico, para facilitar o acceso e o enchido.
  • A cabina do operador caracterízase pola súa ergonomía, confort e visibilidade. O sistema IQAN de control é unha pantalla táctil de 7″, con moitas funcións que facilitan a xestión da máquina. O sistema opcional de amortiguación (CushionDrive) conta con catro cilindros hidráulicos baixo a cabina que permite absorber os golpes e aumentar a comodidade do operador.

 #ElasXeranSector

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *