O mildiu da pataca, unha enfermidade para controlar e coa que aprender a convivir

Durante a xornada de Alimagro, abordouse o mildiu, a enfermidade que afecta aos cultivos de pataca coa que hai que aprender a convivir e que actualmente se está investigando en diferentes ámbitos, pero, ata o momento, non se desenvolveu unha solución eficaz

Publicidade
O mildiu da pataca, unha enfermidade para controlar e coa que aprender a convivir

O mildiu leva presente nos cultivos máis de 185 anos e ata o momento non se atopou unha solución para combatelo. Por iso, ao longo destes anos foron moitas as investigacións realizadas para tratar de reducir os danos que provoca e estudar como funciona. Unha desas investigadoras é Laura Meno Fariñas, da Universidade de Vigo, quen participou na VI edición de Alimagro, a Feira do Agro da Limia.

No seu relatorio, durante a terceira Xornada Técnica da Pataca, fixo un repaso pola historia que se coñece do mildiu e tamén o definiu como un pseudofungo: “Non pertence ao reino dos fungos, por iso, se se aplican funxicidas para fungos clásicos, o mildiu non vai responder e creará resistencias para eses produtos”.

A profesional explicou como é o ciclo de infección, que empeza pola sementeira e os restos de anos anteriores: “Unha vez que se desenvolve a infección, as primeiras manchas que proceden dese material de infección, aparecen nos talos preto do chan”, relatou. Cando as manchas empezan a espolear, prodúcense os esporangios, que poden caer sobre unha folla que está sa e levan á xerminación e introdución nas células de cultivo. O fungo crece e trae esporas para a súa reprodución, o que leva a un cultivo infectado. “O ciclo pódese repetir tantas veces como as condicións ambientais sexan favorables”, detallou durante o relatorio.

Actualmente están a traballar en combinar diferentes produtos para tratar de ver se así se controlaría de maneira eficaz o mildiu

Actualmente hai tres factores chave que inflúen para o desenvolvemento do mildiu: o cambio climático, a lexislación que cada vez é máis estrita, e as resistencias a materias activas. Con estas premisas, unha das propostas que fixo a profesional para afrontar a enfermidade é “confiar na ciencia e con conciencia: É necesario ter coñecemento, sensibilidade e responsabilidade non só por parte do agricultor, senón por parte dos elos que forman parte da produción da pataca e da lexislación”.

Laura Meno Fariñas, da Universidade de Vigo, quen participou na VI edición de Alimagro, a Feira do Agro da Limia

Laura Meno Fariñas, da Universidade de Vigo, quen participou na VI edición de Alimagro, a Feira do Agro da Limia

Estudos sobre a enfermidade
Meno pertence ao Grupo de Investigación e Sistemas Agroambientais (GISA), da Facultade de Ciencias de Ourense. A investigadora está a traballar en aerobioloxía aplicada a sistemas agrícolas, en concreto no cultivo da pataca. No grupo tratan de estudar como se comportan as diferentes enfermidades da pataca, as consecuencias do cambio climático no presente e o que pode suceder no futuro. “Actualmente eu atópome en Dinamarca estudando técnicas para a xestión sostible das enfermidades, un dos puntos que estamos a traballar é combinar os produtos que temos para poder controlar o fungo”, subliñou a investigadora.

Nun dos estudos, están a tratar de ver como pode ser a presión a futuro motivada polo cambio climático. Para iso, analizan datos de Xinzo de Limia e Coristanco, porque son dúas áreas altamente produtoras de pataca. O que fan é analizar posibles datos dos anos 2030-2059 e aplícanos a modelos de predición que dispoñen para mildiu. Neste estudo viron que actualmente o primeiro día de risco de mildiu sucede ao redor do día 45 despois de sementeira en Xinzo de Limia, para patacas que foron sementadas entre o 15 de abril e o 15 de maio. Coas consecuencias do cambio climático, baixa e chegará ao día 31 despois de sementeira; “é dicir, haberá ataques de mildiu cada vez máis temperáns”.

Estudan alternativas naturais para axudar ao control do pseudofungo das que destacan o aceite de laranxa e o propóleo

Outro estudo céntrase na investigación xenética de poboacións de mildiu. Cunha simple recollida de mostra nunha folla que ten síntomas de mildiu xa obteñen mapas nos que observan a dispersión do pseudofungo. A investigadora recalca a importancia de notificar calquera indicio “para así poder estudar o que sucede en cada zona”.

Finalmente, Meno falou do Grupo Opertivo XIPrisco, que busca estudar as principais enfermidades da pataca en Galicia, desenvolver unha app para móbiles, cun testexo de distintas datas de sementeira e, para rematar, elaborar unha guía para o manexo do cultivo na comarca da Limia. Así mesmo, indicou que tamén “traballamos na procura de alternativas naturais para axudar o control, pero está en desenvolvemento. Probamos diferentes produtos: aceite de laranxa, propóleo, a canela, as tricodermas… Todos responden de forma heteroxénea; quizais o aceite de laranxa e o propóleo teñen unha maior reacción”.

Unha solución para o mildiu
Na xornada tamén participou Jordi Rey, de Corteva, quen presentou unha solución xa rexistrada: Zorvec Entecta. “É o resultado de máis de 15 anos de investigación e moito diñeiro investido”, puntualizou o profesional. Trátase dun fungicida de nova xeración para o control de mildiu en pataca e tomate. Combina dúas materias activas (Zorvec + Amisulbrom) con modos de acción complementarios que diminúen o risco de resistencias. Posúe actividade preventiva, curativa e anti-esporulante, actuando en todas as fases de desenvolvemento do mildiu.

O profesional explicou que o momento óptimo para aplicalo na pataca é cando transcorre entre un tamaño de balón de balonmán a un de baloncesto. “Falamos de a 10 días da emerxencia e despois de 30 días da sementeira”. Débese aplicar ao aire libre con canón pulverizador, evitando a floración do cultivo e efectuar 3 aplicacións por campaña a intervalos de 7 días cun volume de caldo de 200-1.000 litros por hectárea. “Aínda que os intervalos débense ir adaptando ás condicións climatolóxicas da tempada”.

Un dos trazos fundamentais é que as solucións teñan resistencia ao lavado, para evitar que saian #ante choivas. “Temos bastante contrastado que preto do 80 % de Zorvec queda rapidamente adherido ás ceras cuticulares aos 20 minutos da aplicación, o que garante unha resistencia inigualable”, afirmou o profesional.

Zorvec Entecta preséntase como un control bo durante o período máis susceptible do cultivo ao mildiu

Así mesmo, Zorvec consolidouse como un socio chave en todas as estratexias contra o mildiu. Así o demostra a avaliación de Euroblight, rede europea de apoio técnico á pataca.

Ensaio de campo e invernadoiro
Aos 10 días da aplicación varias plantas de pataca leváronas do campo ao invernadoiro, onde se inocularon con esporas de mildiu. Así, observaron que protexe os crecementos novos e favorece o establecemento do cultivo. Tamén as follas tratadas a medida que crecen e expándense, e as follas novas non tratadas a medida que emerxen e crecen. “A conclusión destes estudos é que Zorvec Entecta ofrece unha eficacia superior en campo, diminuíndo o dano ao cultivo e aumentando a cantidade e calidade da colleita”.

O control superior que ofrece Zorvec Entecta, combinado co movemento sistémico que protexe os novos crecementos, declárase como “a mellor elección para empezar un programa de tratamentos anti-mildiu en pataca”. Isto permite aos agricultores atrasar ao máximo os danos do mildiu, idealmente ata o momento do uso do quemante en precolleita.

“Un posicionamento preventivo ao comezo da fase de crecemento rápido da pataca (aprox. 20 días despois da nascencia) é o ideal, xa que Zorvec Entecta ofreza un control excelente durante o período máis susceptible do cultivo ao mildiu”, concluíu Rey.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información