O mildeu esténdese polos viñedos e aparecen síntomas de golpes de sol

Publicidade
O mildeu esténdese polos viñedos e aparecen síntomas de golpes de sol

Síntomas de mildeu en acio

A Estación Fitopatolóxica de Areiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de alertar de que o Mildeu xa está presente en todas as viñas da provincia debido ás condicións “extremadamente favorables” na climatoloxía para a aparición do fungo.

Os técnicos sinalan que é preciso renovar canto antes os tratamentos, e para quen os aplicou nos últimos días -dende o pasado martes- é “imprescindible” comprobar que a intervención está a ser eficaz.

A especialista Rosa Pérez asegura que as condicións de temperaturas altas unidas a unha humidade relativa elevada e a precipitación -ou orballos- están a ser moi favorables ao desenvolvemento do fungo do Mildeu. Estas condicións extremadamente favorables tiveron o seu reflexo nas viñas. Así, tras a visita ás parcelas da rede de Areeiro, a outras externas, e “segundo deducimos das consultas de viticultores”, hai manchas novas aparecendo en todas as fincas, mesmo en variedades pouco sensibles chegando os primeiros síntomas a alcanzar o acio.

Loxicamente, segundo Pérez, “nas plantas testemuña case a totalidade de follas e todos os acios aparecen con síntomas que en moitos casos acadan a toda a superficie, polo que haberá que renovar canto antes os tratamentos, quen non o fixera xa despois das choivas do martes, en cuxo caso é imprescindible comprobar que a intervención foi eficaz”.

Recomendan engadir un antioídio xunto co tratamento antimildeu

En canto ao Oidio, a pesar de que algúns días e durante varias horas as condicións climáticas tamén foron favorables ás infeccións, a incidencia, polo menos nas fincas visitadas, é inferior ao Mildeu. A recomendación dos técnicos, neste caso, apunta a que dado que a viña se atopa en período sensible ao fungo é conveniente seguir engadindo un antioídio cando se realice un tratamento antimildiu, sobre todo porque o patóxeno é moi difícil de frear cando se estende na viña.

O esfollado debe ser moderado para evitar os golpes de sol nos acios

Por outra parte, estanse a detectar plantas afectadas por alteracións da madeira que tamén sofren incrementados os síntomas asociados. “Lembren que se as alteracións da madeira afectan a un só brazo este pode eliminarse (aplicando mástic con funxicida no corte) e que, se non é así, é conveniente marcar as plantas afectadas”, explica Pérez.

A técnica de Areeiro tamén advirte de que nesta semana “empezamos a observar puntualmente os síntomas típicos dunha insolación excesiva (golpe de sol) nos grans daquelas fincas en que o esfollado se fixo dun xeito demasiado intenso, e non moderado”.

Pataca

No referente á pataca e ao Mildeu, as condicións nocturnas favorables que se rexistraron esta semana provocaron que mesmo en fincas onde o anterior tratamento estaba aínda recente, continuasen aparecendo síntomas e esporulación viable. Por este motivo, se non se renovou estes últimos días a intervención, será preciso facelo. E, como xa se dixo a semana anterior, será “imprescindible” nestes casos prestar atención ao prazo de seguridade nas fincas onde se estean a levantar plantas para aproveitar os primeiros tubérculos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información