“O meu obxectivo é escalar ata quedar primeiro no Young Breeders School”

Xabier Montes, o mozo pontevedrés que participou no certame, relata como foi a experiencia co equipo galego que se fixo co ouro do concurso e tamén explica cales son os seus obxectivos

“O meu obxectivo é escalar ata quedar primeiro no Young Breeders School”

Xabier Montes durante a celebración do YBS. Cedida

Recentemente, un grupo de galegos pertencentes ao Club de Xóvenes Gandeiros asistiu ao maior concurso de manexo de Europa, o Young Breeders School, que tivo lugar en Bélxica. O equipo, en representación de España, obtivo os mellores resultados de todo o certame, impoñéndose ante os 28 restantes e acadando o primeiro posto por países.

De xeito individual tamén se obtiveron bos resultados na clasificación xeral, destacando o terceiro posto de María Otero e o cuarto de Xabier Montes.

Nesta entrevista, Xabier Montes, o mozo da gandería Casa do Rei de Rodeiro (Pontevedra), relata como foi a experiencia no certame europeo, como está a xestionar os estudos na EFA Fonteboa e cales son os seus obxectivos a futuro.

– Como foi a experiencia no Young Breeders School?
A experiencia foi moi positiva. Nós sabíamos que o íamos facer ben porque estivemos todo o verán preparándonos. Participamos en diferentes concursos e tamén nas Escolas de Iniciación que se levaron a cabo na Finca Mouriscade (Lalín). Ao final o traballo e a constancia deron bos resultados.

– Que probas realizastes no certame de Bélxica?
Como equipo tivemos que montar un posto e preparar camas para as vacas, ademais de pelado e manexo dos animais. Tamén o sábado a noite tivemos que preparar unha cea enfocada en España. Nós, ao ser o grupo todo de Galicia, enfocamos todo á comunidade, de feito o posto era unha representación da catedral de Santiago de Compostela.

De xeito individual realizamos probas de manexo, morfoloxía e preparación de animais.

Xabier Montes durante o concurso de preparadores de Feiradeza

Xabier Montes durante o concurso de preparadores de Feiradeza

– Cal foi o proceso de preparación para chegar ata o certame?
Primeiro, dende o Club de Xóvenes Gandeiros e CLUN organizaron nos certames de Galicia (Moexmu, Concurso Autonómico ou Feiradeza) diferentes concursos de preparadores e manexadores puntuables. Os rapaces que conseguimos maiores puntuacións puidemos asistir ás Escolas da Finca Mouriscade para facer un intensivo de formación e onde contamos cun profesor para poder pulir todos os detalles.

– Non é o primeiro certame internacional no que recibes un premio, xa son moitos anos recibindo galardóns nos concursos e mesmo chegaches a ser subcampión no de xuices Open Junior Show. Neste ámbito dos concursos, cal é o teu obxectivo?
A futuro, quero volver a ir a Young Breeders School e conseguir ser eu o campión do mundo. Neste ano quedamos primeiros como equipo e eu, de maneira individual, cuarto, o meu obxectivo é escalar ata ser o primeiro. Agardo que España siga podendo asistir, xa que houbo uns anos no que non tivemos representación, e así conseguir o que quero. Logo tamén quero seguir recollendo galardóns nos concursos que levo indo toda a vida.

– Resulta complexo estudar, prepararte para asistir a estes certames e axudar na gandería familiar?
Axudo na gandería cando teño vacacións, fins de semana ou festivos. Logo cando toca o período lectivo estou na EFA Fonteboa e centrado niso, porque teño que prepararme para poder facer unha boa xestión na miña gandería. E os concursos xa os vou preparando pouco a pouco.

“Na casa inculcáronme que estudase aínda que quixese seguir coa gandería e agora vexo que si é necesario”

– Ademais, tamén participastes coa gandería nalgúns concursos con animais. Es quen te encargas de preparalos?
Levo participando en concursos dende os 9 anos, moitos deles con animais propios. Xa meu pai empezara neste mundo e eu quero seguir. Na gandería temos unhas cortes de vacas e becerras que teñen coidados especiais para participar nos certames. Cando estou eu na gandería, encárgome de preparalas, pelalas, lavalas e facerlle manexo. No período que estou estudando, isto faino meu pai ou meu avó.

– Estás na EFA Fonteboa, como é a túa experiencia no centro de formación?
Fixen xa o primeiro ano do ciclo medio de Produción Agropecuaria e neste curso (2024-2025) estou facendo o segundo. A futuro quero seguir co grao superior deste ciclo e ao rematar estudar a carreira de Veterinaria.

A experiencia aquí é moi positiva e estou intentando sacarlle o máximo proveito. Ao final, cando teña toda a formación poderei darlle un maior e mellor servizo a Casa do Rei, sen necesidade de chamar a profesionais veterinarios ou outros para atender as miñas vacas.

– Que importancia ten hoxe en día a formación no rural?
Sen formación non se vai a ningún lado. Eu sempre tiven interese pola gandería, pero na casa insistíronme na importancia da formación aínda que quixese seguir na gandería familiar. Eu fíxenlles caso e vexo que si que é importante e tamén enriquecedor.

“Compañeiros da miña idade pensaban que o leite viña do brick, por iso é necesario concienciar sobre a importancia do rural”

– No teu caso hai relevo xeracional para Casa do Rei, pero moitas ganderías acaban pechando porque as novas xeracións non queren seguir. Como as animarías?
Teñen que pensar que sen ganderías non hai carne nin leite. Sen gandeiros e gandeiras, a xente non comería. Tamén lles ten que gustar, pero eu creo que é un traballo bonito.

– Fai falla concienciar máis á xente nova?
Eu estudei un ano en Lalín, un concello do interior de Galicia, e compañeiros de clase pensaban que o leite saía do brick. Iso non pode ser. Fai falla concienciar á xente nova da importancia que ten o rural, de onde saen os alimentos e do traballo que dá obtelos.

– Tes claro que vas a seguir en Casa do Rei, cal é o teu proxecto de futuro?
Si, iso tíveno claro dende pequeno. O meu obxectivo é que a gandería siga medrando. Agora estamos cun proxecto de ampliación, pero eu quero que haxa, polo menos, unhas 100 vacas máis. Poder seguir atendéndoas e cubrir eu certos servizos.

– Levas toda a vida na gandería, que tarefas son as que máis che gustan?
Darlle o leite ás becerras, aínda que non me importa facer ningún dos outros traballos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información