“O meu gran temor da crise do Covid19 no sector do viño é o abandono dos viticultores”

Entrevista a Juan Casares Gándara, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro. Falamos con el sobre como está a afectar a crise do coronavirus Covid19 ao sector do viño e sobre as medidas que se están implantando para superar esta situación

Publicidade
“O meu gran temor da crise do Covid19 no sector do viño é o abandono dos viticultores”

O sector do viño está a ser un dos máis perxudicados pola crise do coronavirus Covid 19. De feito, segundo un estudo do propio sector, as adegas españolas levan perdido arredor dun 35% de facturación debido ao peche da hostalaría polo decreto de estado de alarma e a ralentización das exportacións.

Falamos con Juan Manuel Casares Gándara, presidente da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, a do Ribeiro, sobre as medidas que están a aplicar para superar esta crise da que se poden aprender moitas leccións.

Como está a impactar a crise provocada polo COVID19 nas adegas amparadas polo CRDO Ribeiro?
Constitúe un atranco importante para o desenvolvemento dunha Denominación de Orixe que levaba un camiño ascendente. Se temos en conta que máis do 60 por cento do mercado do Ribeiro depende da canle HORECA e de que máis do 90 por cento das nosas adegas fían total ou maioritariamente o seu negocio a esta vía, o impacto resulta importante.

Como dato apuntarei que neste período de estado de alarma deixouse de vender máis de un millón de botellas cun valor calculado de máis de 5,3 millóns de euros.

E no Consello Regulador? Como o notaron na emisión de contraetiquetas?
Loxicamente hai unha diminución na venda de precintas de garantía o que redunda nunha diminución dos ingresos para podermos desenvolver as accións que son propias desta entidade. Isto obrigounos a facer unha revisión á baixa nos nosos orzamentos para este exercicio e, consecuentemente, a facermos un esforzo maior de eficiencia posto que debemos manter un nivel de promoción, por exemplo, con menos recursos.

Que medidas se adoptaron dende o Consello Regulador para facer fronte a esta nova situación?
Este Consello Regulador reaccionou dende o primeiro momento. Ademais de medidas que aliviaron a liquidez das nosas adegas, adiando o pagamento de determinadas obrigas, implementáronse accións que atacaban directamente a determinadas carencias como a baixa incidencia da canle de venda on line. Deseñamos unha landing page, Ribeiro na Casa, e o seu comportamento está sendo bo, pois nas primeiras semanas os datos reflectiron unha boa acollida polos potenciais clientes. Ademais, nuns días presentaremos unha ferramenta máis potente con vocación de continuidade.

Ademais, tal e como me comprometera en febreiro, iniciamos os traballos dirixidos a facer un estudio de custes de produción de uva no Ribeiro, co que damos unha resposta positiva a unha vella reivindicación dos viticultores nesta enocomarca ademais de dispormos dunha ferramenta necesaria para tomar decisións e loitar contra o abandono da actividade pola vía de manter un nivel de prezos que fagan rendibles as explotacións vitícolas.

 “Unha lección da crise do Covid-19 no sector do viño é a necesidade de diversificar as canles de comercialización”

Que leccións cree que debe tirar o Consello e as adegas do Ribeiro desta crise?
Para min a principal lectura é a da necesidade dunha diversificación nas canles de comercialización. Asemade, ratifica unha das conclusións do Estudio Socioeconómico e Estratéxico do CRDO Ribeiro sobre unha orientación da Promoción cara ao mercado. Neste sentido acabamos de lanzar unha potente campaña de promoción do Ribeiro nas redes sociais deseñada con vocación de continuidade.

Temen que esta crise pode agravar a reestruturación do sector, concentrando os viñedos en grandes grupos adegueiros, sobre todo foráneos?
O meu principal temor é que se acelere o proceso detectado nos últimos anos de abandono da actividade por xubilacións e por baixo rendemento económico no tecido de viticultores.

“O meu principal temor é que esta crise acelere o abandono por parte dos viticultores”

Como valora as medidas de apoio ao sector que se adoptaron por parte das distintas administracións?
En agarda do plan específico que está a elaborar a Xunta de Galicia, tal e como nos trasladou o Conselleiro de Medio Rural hai uns días, o que si coñecemos é a proposta do goberno do Estado español. E teño que dicir que non me gusta o que está escrito no Real Decreto que vimos de coñecer.

“Que o Goberno obrigue ás denominacións de orixe a limitar a produción supón unha imposición aos plenos dos Consellos Reguladores sobre decisións propias e soberanas”

En primeiro lugar porque as medidas que propón non son aplicables eficientemente en Galicia en xeral e no Ribeiro moi en particular. En segundo lugar porque a redacción do artigo 37 supón unha imposición aos plenos dos Consellos Reguladores sobre decisións propias e soberanas. E a min nunca me gustaron nin as imposicións nin as intromisións na vida privada, neste caso dun pleno soberano, veñan estas de onde veñan, máxime cando as ferramentas alternativas que te ofrecen non son aplicables.

En que medida esta crise obriga a revisar o Plan Estratéxico do Ribeiro?
O Documento socioeconómico e estratéxico do CRDO Ribeiro adquire moita máis actualidade se cabe. Todas as conclusións, liñas estratéxicas e obxectivos seguen cada día máis vixentes. E neste sentido segue a sinalar o vieiro polo que ten que camiñar este Consello Regulador para revitalizar, cohesionar e vertebrar o territorio desta enocomarca histórica.

Hai temor nos viticultores a que as adegas non recollan toda a uva este ano debido ao parón das vendas. ¿Como se afronta esta situación no Ribeiro? ¿Que medidas se deberían adoptar?
Estamos a manter reunións para tentar asegurar unha recollida normal nesta vendima. Pero para iso precisamos a implicación de todos os actores: viticultores, adegas e axentes sociais.

Como están a evolucionar as viñas no Ribeiro no que vai de ano?
Ao longo desta tempada houbo episodios de xeadas que tiveron unha pequena afectación en determinadas zonas do territorio, sobre todo en plantas máis novas. Ademais, estamos a sufrir episodios de mildiu que se presenta nunha versión aguda aínda que a distribución é irregular no territorio. Eu confío no bo facer dos nosos viticultores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información