“O metano de vacas, ovellas e cabras representa só o 5% das emisións de gases de efecto invernadoiro en España”

Entrevista a David Yáñez Ruíz, investigador do CSIC especializado no estudo das emisións de metano da gandería. “O sector gandeiro non debe avergoñarse por xerar emisións. Todas as actividades humanas emiten gases invernadoiro”, subliña.

“O metano de vacas, ovellas e cabras representa só o 5% das emisións de gases de efecto invernadoiro en España”

David Yáñez Ruíz é investigador do CSIC na Estación Experimental do Zaidín (EEZ-CSIC)

David Yáñez Ruíz é investigador do CSIC na  Estación Experimental do Zaidín (EEZ-CSIC), en Granada, e responsable do equipo de investigación que participou no desenvolvemento de Bovaer, un aditivo con capacidade de reducir as emisións de metano do gando vacún nun 30 %. Falamos con el para coñecer cales son os avances e as investigacións relacionadas coa produción gandeira e a inclusión de aditivos na alimentación do gando para rebaixar as emisións de metano, un gas cun potente efecto no quecemento global.

-Que motivacións te levaron a investigar os efectos das emisións de metano desde explotacións gandeiras?
A motivación principal é que son veterinario e especialista en nutrición animal, tema sobre o que vira a tese coa que obtiven o meu doutoramento, e máis concretamente sobre a modulación da fermentación ruminal. Este elemento espertou moito interese en relación á produción de metano entérico. Actualmente existe unha crecente demanda, tanto no sector gandeiro como no sector de alimentación animal, na procura de vías para reducir emisións, aí está a razón fundamental das miñas investigacións.

-O metano ten un comportamento diferente ao resto de gases de efecto invernadoiro (GEI) como pode ser o CO2?
Si, o metano ten unhas características que o fan diferente a outros GEI. Se temos en conta os tres principais GEI como son o dióxido de carbono (CO2), o óxido nitroso (N2O) e o metano (CH4), e se comparamos o CO2 co metano, este ten dúas características fundamentais. Unha, o seu poder de quecemento, xa que cando está na atmosfera é vinte e oito veces maior que o do CO2 nunha escala temporal de cen anos. Unha molécula de metano ten un poder de quecemento na atmosfera superior a unha de CO2, por iso require unha atención importante.

Doutra banda, caracterízao unha permanencia máis curta na atmosfera que o CO2, uns doce anos aproximadamente, fronte a máis de cen no CO2. Isto ten unha gran relevancia porque o cambio climático xa non é unha cuestión de futuro, é xa parte do presente. Xa temos visto que o patrón climático xa cambiou, e ademais dunha maneira acelerada debido a que non segue un patrón de cambio lineal. Por todo isto, debemos desenvolver estratexias de redución a curto e longo prazo. No curto prazo, o metano ten moito interese, porque se o reducimos, os efectos beneficiosos verémolos nun prazo de tempo máis reducido, precisamente pola súa curta presenza na atmosfera. Con todo, aínda que reducir emisións de dióxido de carbono é importante, os efectos veranse nun prazo de tempo máis longo. Estes son os motivos polos que case cen países, entre eles España, puxeron sobre a mesa unha proposta (Global Methane Pledge) para rebaixar as emisións totais do CH4 un 30 %, precisamente por iso, porque se poden reducir os seus efectos nun período menor de tempo sobre o patrón climático.

-Cal é o papel que realmente xogan os ruminantes na presenza de metano e os seus efectos como GEI, e no caso de España?
No caso dos ruminantes, as emisións de GEI, en España o CH4 supón 12,2 % das emisións totais, delas o 41 % prodúceo a fermentación entérica por ruminantes, polo que a contribución ás emisións de GEI totais en España do metano de todos os ruminantes (vacún, ovino e caprino) é do 5 %. Ten unha contribución importante, pero parcial e moito menor á que teñen outras fontes. Entendo que cando aparace máis en prensa parece que se esaxera, pero é necesario e importante dar os datos exactos para poder comparar con outras fontes.

“Non é xusto asociar o cambio climático á gandería”

O que si é certo é que todo tipo de actividade humana ten un impacto a efectos de emisións de gases de efecto invernadoiro, por exemplo como nos quentamos, como nos arrefriamos, como nos vestimos, como nos transportamos ou como nos alimentamos. Creo na importancia de que o sector se faga cargo da súa porcentaxe de contribución aos GEI, que é o que é e reducir na medida do posible as emisións de metano. Isto dependerá das marxes de mellora posibles dentro do sector.

-Estaríanse sobredimensionando as emisións procedentes da gandería?
Se falamos de cifras, non. O que si se pode sobredimensionar é a atención que ás veces ten este sector, mais por intereses doutros sectores que compiten en imaxe. A industria de enerxías fósiles, por exemplo, ten detrás unha maquinaria de publicidade e de márketing que empuxan moi forte, por iso a eles lles interesa máis que saian nos medios outros sectores. O que se sobredimensiona non son as cifras senón a atención e isto é importante que se teña en conta. Non é xusto asociar o cambio climático á gandería, que ten unha repercusión porcentual como calquera outra actividade.

-Inflúen tanto a forraxe que se lle dá ao gando como a xenética do mesmo nas emisións de metano?
Inflúe todo. A fonte desde o punto de vista biolóxico é a fermentación do alimento que toma o animal pola microbiota no seu estómago, o rumen. Sen dúbida inflúe a calidade dese alimento, canto máis dixerible e de mellor calidade sexa, prodúcese menos metano porque se refuga menos nese proceso de fermentación. Si é certo que os animais cuxa xenética é mellor, tendo en conta a xenética desde un punto de vista de produción vitalicia, non dunha lactación soa, van producir menos metano porque son máis eficientes ou porque teñen unha lonxevidade maior. Por exemplo, un animal que teña un valor xenético moi alto, mais que só poida dar un servizo nunha lactación ou unha lactación e media, a súa produción de metano será maior que a doutro animal porque ese animal vai ter que pasar por un proceso de recría igual para todos, dous anos aproximadamente.

“Reduciremos as emisións de metano con vacas máis lonxevas e de alta produción”

A eficiencia en canto á utilización dun animal, a capacidade de tela en servizo máis lactaciones, e que sexan boas lactacións. Iso repercute enormente xa que o 20 ou 30% das emisións dunha gandería proveñen da recría, animais que non dan leite e que en realidade son un investimento. Animais que teñen unha lonxevidade maior e máis lactacións, xerarán menos emisións porque van amortizar mellor os dous anos de crecemento e xestación, período no que non producen leite.

-En canto á eficiencia en alimentación do gando, que supuxo Bovaer?
Bovaer é un produto comercializado por unha empresa coa que traballamos. Eu son un investigador do CSIC que participou con outros colegas en proceso de desenvolvemento desta molécula. En canto ao produto, supón un elemento máis para reducir as emisións, pois o seu deseño está pensado para a inhibición dos organismos que producen metano sen afectar o resto do proceso de dixestión e á saúde do animal. É importante resaltar que, aínda que é un produto moi interesante e consegue unha redución do 30% na produción de metano, non é unha solución máxica nin é a única solución que hai sobre a mesa. O produto recibiu a aprobación para que se poida comercializar e entendo que é a empresa a que está a chegar a acordos con cooperativas ou empresas de tamaño medio ou grande para o seu uso. Descoñezo en que países estase xa empregando en granxas comerciais.

-Existe a opinión de que as emisións de metano desde granxas compénsanse co CO2 que capturan os campos de cultivo e os pastos. Compartes este punto de vista?
Non, iso non se compensa. Si, é certo que as plantas capturan CO2 que forma parte do ciclo do carbono, pero ese balance non é neutro e non se compensa. É verdade que nalgúns ecosistemas, sobre todo aqueles con menos carbono no chan, si se captura máis C, pero é un proceso que en xeral non compensa as emisións, non deixa a ecuación a cero. Si, hai certos ecosistemas máis extensificados nos que tamén se inclúe arboleda, con máis capacidade de captura de emisións, pero trátase dun proceso máis a longo prazo e que por unha mala xestión do chan pode perderse nun curto espazo de tempo. Por tanto, o argumento de que cultivos e pastos compensan as emisións non é certo. Reducen pero non compensan.

“Cultivos e pastos restan parte das emisións de metano das vacas, pero non as compensan”

-Que outras liñas están a seguirse para a redución de emisións de metano?
Séguense buscando novos aditivos, Bovaer supuxo un gran desenvolvemento, mais hai outras moitas empresas traballando en novos aditivos que igualmente poidan reducir emisións. Tamén se traballa na mellora do sistema de racionamento na alimentación, é dicir, a dieta base debe estar ben racionada e que sexa de boa calidade, esa é a principal vía para reducir a produción metano. Está a traballarse moito a xenética, pero non só relacionada co metano senón en relación coa eficiencia alimenticia. Espérase poder incorporar nos sistemas de selección xenética non só animais que son baixos produtores de metano, senón que ademais sexan máis eficientes en dixerir e utilizar o alimento.

“En España os residuos urbanos, por exemplo, emiten case tanto metano como os ruminantes”

-Que consellos prácticos darías a gandeiros e gandeiras para reducir as emisións das súas granxas?
Fundamentalmente, mellorar e optimizar a calidade da forraxe que utilizan e ter unha xestión da xenética e recría o máis adecuada posible. Todo isto, independentemente de poder ou non, utilizar aditivos. Ademais é importante tamén lanzar a mensaxe de que o sector gandeiro non debe avergoñarse de xerar emisións. Todas as actividades humanas emiten GEI, pero que se resalte máis o sector gandeiro entendo que pode parecer máis pintoresco e sen dúbida máis vantaxoso para outros sectores asociar o gando ruminante co efecto invernadoiro. Por exemplo a produción de metano de xurros de porco, animais monogástricos, é moi relevante e a que se xera no almacenamento de residuos urbanos en entulleiras é equivalente á que producen os ruminantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información