O mercado de Silleda volverá este martes á normalidade tras o acordo entre a Xunta e os compradores de becerros de recría

app dixital central silledaO sector crítico duns 60 compradores de becerros acordou volver participar este martes na Central Agropecuaria de Galicia ABANCA de Silleda tras o acordo acadado este fin de semana co conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Diego Calvo.

Desbloquéase así un conflicto que arrastraba xa tres semanas e que veu motivado pola obriga da directiva do mercado de Silleda de que a poxa se faga únicamente de xeito dixital a través da súa aplicación.

“O pasado mércores o conselleiro Diego Calvo veu a Amio e reuniuse con nós e hoxe volvemos falar e prometeunos unha serie de cambios que viñamos reclamando para resolver unha situación que non beneficiaba a ninguén”, explica Marisol López Núñez, representante da Asociación Galega de Empresarios do Gando.

En concreto, os cambios aos que se comprometeu o conselleiro de Presidencia cos compradores de gando foron os seguintes:

-Haberá máis gaiolas para os becerros de recría, de forma que estas teñan un máximo de 5 animais. Esta era unha das principais demandas dos tratantes, que advirtían de que cos 7 animais de media que estaba habendo en cada gaiola facíalles máis difícil o traballo, e aínda máis coa aplicación, e estábase a penalizar o benestar animal. Esta medida empezarase a aplicar dende mañá martes.

-Modificarase a aplicación de poxa da Central Agropecuaria de Galicia para que sexa máis intituitiva e fácil de manexar por parte dos operadores, facendo clasificacións previas por sexo e raza do becerro. O compromiso é que estes cambios estean en vigor nun prazo máximo de 3 semanas.

-Na poxa de mañá, en principio, intentarase que todos os compradores empreguen a aplicación para ver se se reduce o traballo ao haber menos animais por gaiola.

-No mercado do 10 de xuño valorarase a posibilidade empregar tamén as tiras de papel para realizar as poxas, ao agardarse un importante volume de gando debido ao parón provocado pola celebración da Semana Verde.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información