O mercado de maquinaria mellora en tractores e equipos de fitosanitarios

A obriga de inspeccionar os aplicadores de praguicidas dispara a súa compra un 63% en Galicia. Por contra, houbo baixadas nas vendas de maquinaria automotriz, arrastrada e suspendida

O mercado de maquinaria mellora en tractores e equipos de fitosanitarios

A obriga de inspeccionar os equipos pulverizadores disparou a súa renovación.

Os datos de venda de maquinaria nova no 2016 revelan unha recuperación significativa no conxunto do Estado, cun aumento do 3,77%. En Galicia, aumentou a venda de tractores e de equipos de aplicación de fitosanitarios, pero as cifras do resto de maquinaria son peores, unha situación derivada en boa medida da crise que atravesou no último ano e medio o sector gandeiro. En conxunto, o mercado galego caíu un 11,5%.

A estatística máis positiva apunta á progresiva recuperación da venda de tractores novos. A nivel estatal, o mercado aumentou un 8,19%, ata as 11.449 unidades, das que 622 corresponden a Galicia, que subiu un 3,15%. Igual que en anos anteriores, é significativo o dato de que en Galicia, por cada tractor novo que se vende cambian de mans 7 usados.

Outro dos aspectos que salienta do último ano é o crecemento da comercialización de equipos de aplicación de fitosanitarios. A obriga de sometelos a unha inspección desencadeou unha importante renovación. Foron máis de 8.000 equipos os que se venderon a nivel de toda España, cunha suba do 40%. Deles, 291 corresponderon a Galicia, polos 178 do 2015, o que supón na comunidade un aumento do 63%.

Categorías con baixadas
O resto de maquinaria experimentou na comunidade unha tendencia á baixa. En equipos arrastrados ou suspendidos (preparación do chan, recolección, aporte de estercos ou fertilizantes) baixouse un 18%; pasando de 935 unidades no 2015 a 760 no 2016. En remolques, a caída foi do 9%, pasando de 623 a 563. Tamén a maquinaria automotriz, como tractocarros, foi á baixa, pasando de 238 a 180 unidades (-34%).

A venda de maquinaria nova estímase que no 2016 moveu no conxunto de España arredor de 1.100 millóns de euros, segundo os cálculos do Ministerio de Agricultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información