A Mostra de Cultivos do Baixo Miño, que representa un escaparate da produción de flor e planta ornamental na comarca, chega a súa décimoquinta edición do venres 2 ó domingo 4 de marzo en Tomiño, no pavillón de Goián. O evento está organizado conxuntamente polo Concello de Tomiño e pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (Acubam). Falamos con Patricia Rodríguez, presidenta de Acubam, una entidade que agrupa a 24 empresas da comarca, principalmente de planta ornamental e flor, así como da súa cadea de valor (insumos, transporte).
– A Mostra de Cultivos oriéntase tanto a un público profesional como xeral. Cóntanos que van poder atopar tanto uns coma outros.
– Os primeiros dous días da Mostra, venres e sábado, están orientados a un público profesional. O venres temos dúas mesas de traballo, unha sobre sanidade vexetal, na que participan persoas investigadoras, e outra sobre o modelo de negocio no agro, xa que unha das ambicións que temos é a de profesionalizar as nosas empresas para ser máis puxantes do que xa somos e mellorar en cuestións como formación ou innovación.
O sábado, coa colaboración de Coxapo, temos unha xornada sobre a auga, que é un elemento fundamental nas nosas empresas e no rural. Desenvolveremos tamén o sábado á tarde, a partir das 16 horas, un obradoiro de empregabilidade, xa que a obtención dunha man de obra cualificada é un dos aspectos que precisamos reforzar nas nosas empresas. Imos divulgar os diferentes títulos e capacitacións que necesitamos, tanto a nivel de enxeñeiros agrícolas ou industriais como en peóns ou persoas especializadas en podas.
A xornada do sábado complétase cun obradoiro de xardinería ecolóxica, que se celebrará ao longo de toda a tarde. Para o domingo, abrímonos tamén a un público familiar, que vai ter multitude de actividades lúdicas ao longo de todo o día para os máis cativos, desde xogos con plantas ata actividades de reciclaxe ou á realización dun mural colectivo.
– Falábasnos da falta de man de obra especializada, que é un dos problemas que identificastes no Plan Estratéxico de Planta Ornamental e Flor do Baixo Miño, rematado recentemente. Semella sorprendente que falte man de obra nun contexto coma o actual…
– É un problema común a todas as empresas do agro, sobre todo no tocante a man de obra profesional. Penso que é unha cuestión de imaxe, o sector ten que verse como o que é hoxe. A agricultura foi dura en tempos, pero hoxe temos unha agricultura moi técnica que precisa persoas capacitadas.
“A agricultura foi dura en tempos, pero ten que verse como o que é hoxe, como unha profesión moi técnica que permite boa calidade de vida”
O agro é un modo de vida distinto e respetuoso co medio. Outros países europeos teñen avanzado máis na imaxe da agricultura, aínda que tamén comparten con nós o problema de que a xente nova vaise, pensando que vai ter mellor calidade de vida e salario traballando nunha cadea de montaxe dunha industria, cando moitas veces no agro pode terse un salario equiparable e maior calidade de vida. É un problema conceptual.
– Outra cuestión que vos preocupa ás empresas de planta ornamental e flor é a falta de terra para acometer ampliacións ou novos proxectos.
– Xunto coa falta de man de obra, é unha das cuestións prioritarias. Estase traballando coas institucións públicas e estanse abrindo liñas de solución a longo prazo. Hai moita terra abandonada e á vez empresas demandantes de solo para poñelo en produción. Precísase unha ordenación territorial e accións como a creación de polígonos agrarios e parcelarias. O minifundio súfrese en toda Galicia.
“Tomiño é o maior produtor de kiwi de todo o Estado. As posibilidades de medrar están aí, coa repercusión que iso tería en postos de traballo e poboación no rural”
Moita xente non saberá que a comarca do Baixo Miño, e en concreto o concello de Tomiño, é o maior produtor de kiwi de todo o Estado. As posibilidades de medrar en superficie están aí, coa repercusión que iso tería en crear postos de traballo e asentar poboación no rural.
– En planta ornamental e flor, cales son as perspectivas de mercado para os próximos anos?
– O mercado tira e as exportacións xa están instaladas no día a día das empresas. O factor limitante que temos non é o mercado, é a dificultade para aumentar as nosas capacidades produtivas polos factores que comentabamos, a falta de dispoñibilidade de man de obra especializada, a falta de superficie e a necesidade de investimentos para aumentar en superficies de produción. Para chegar ós mercados, ás veces precísase de volumes e dun crecemento exponencial das empresas.
– No 2017 presentouse a marca ‘Planta Ornamental de Galicia’, en base a unha norma que trata de estandarizar formatos e tamaños, de cara a facilitar exportacións conxuntas de planta galega. Vedes de interese o proxecto?
– O camiño da profesionalización vai por aí, é un paso importante e estamos traballando para implementala. Resulta complicado, xa que hai que avanzar nunha estandarización de tipoloxías e formatos, e precísase ademais dun cambio de mentalidade.
– Para o Baixo Miño, unha das principais áreas produtoras de flor e planta ornamental de Galicia, barallades tamén a creación dunha marca propia complementaria?
– Hai xa comarcas de Europa que teñen selos distintos e crear un selo para o Baixo Miño é unha idea da que temos falado, pero non hai nada en firme. A cuestión de fondo é que queremos que o Baixo Miño se visualice cunha identidade propia, como un territorio cun agro empresarial, innovador e xerador de riqueza e emprego.
Recollida de currículos e obradoiro de empregabilidade
Unha das novidades desta XV edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño está na habilitación dun punto adicado á recollida de currículos. O punto contará coa presenza de varios asesores laborais especializados que estudarán e orientarán a todas aquelas persoas interesadas en desenvolver a súa carreira profesional en distintas áreas deste sector. As persoas interesadas poden asistir tamén o sábado ás 16 horas a un obradoiro de empregabilidade.
Outra das novidades este ano é a presentación dos Premios Xardinería 2018, organizados por primeira vez por Acubam e pola Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar). Os premios, ós que se poderán presentar autónomos e empresas do sector, queren servir de recoñecemento ós profesionais do sector e distinguirán ós mellores traballos en xardinería.
Exposicións
A Mostra contará con diversas exposicións, como unha de imaxes sobre a historia do agro na comarca, facendo un percorrido polo que é e polo que representa. Ao longo dos tres días que dura a mostra, o público tamén poderá desfrutar dunha exposición de arte do Colectivo Somosarte, composto por artistas, escultores e pintores locais, que amosarán as súas obras vinculadas á temática do agro no Baixo Miño.