A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“O mercado de alimentación para mascostas é clave para o futuro”

Entrevista a Antonio Fernández Sangil, técnico comercial en Evialis Galicia. Asegura que “o mercado da alimentación para animais de compañía está en constante crecemento e as cifras confirman que será clave para o futuro”

“O mercado de alimentación para mascostas é clave para o futuro”

Antonio Fernández Sangil, técnico comercial en Evialis Galicia

Natural de Láncara (Lugo), Antonio Fernández Sangil é técnico comercial no sector agropecuario desde hai 31 anos, dos cales os últimos 19 estivo ligado a Evialis Galicia. Nesta entrevista repasa como o ámbito da nutrición animal evolucionou durante as últimas tres décadas, cunha profesionalización plena e unha aposta pola calidade dos produtos.

Cantos tempo levas traballando no campo da alimentación animal? E como variou o sector desde os teus inicios?
Comecei no 1988 no sector agropecuario. Pero foi algúns anos máis tarde, no 2000, cando me liguei ao departamento comercial de Evialis Galicia. Ao longo de todo este tempo, o sector foise profesionalizando de forma crecente tanto na rede de distribución como no relacionado coas gandarías. Existe, é certo, un menor número de explotacións pero aumentan as cabanas e creo que isto evidencia a evolución e a plena profesionalización do sector.

Traballas fundamentalmente no ámbito da pequena distribución nas provincias de Ourense e Pontevedra. Cales son as necesidades principais dos teus clientes?
Dentro das miñas competencias destaca o asesoramento en todo o relacionado coa distribución, para fomentar a comercialización dos nosos produtos. Ocúpome tamén da xestión con provedores para que complementen os seus negocios de forma viable. Ademais participou no deseño de estratexias de promoción, mercadotecnia e publicidade dentro da empresa.

No ámbito da distribución, as principais necesidades dos nosos clientes teñen que ver coa adecuación da nosa gama de produtos. A gama ten que responder ás súas necesidades concretas e permitirlles optimizar ao máximo os seus custos de alimentación. Rendibilidade e viabilidade son, por tanto, premisas clave nesta estratexia.

“Os produtos de Evialis adecúanse perfectamente ás necesidades globais do mercado e tamén ás máis concretas que poidan darse en determinadas explotacións”

Que consideras que singulariza aos produtos de Evialis Galicia fronte á competencia?
Na liña co que acabo de comentar, creo que os nosos produtos adecúanse perfectamente ás necesidades globais do mercado e tamén ás máis concretas que poden darse en determinadas explotacións. Moitas veces, comercializamos solucións practicamente personalizadas. A isto hai que unir unha coidada presentación dos nosos produtos e unha gran aposta pola calidade.

De entre as gamas de produto que comercializas, a cales dás máis saída?
No meu caso concreto, as vendas a través de distribución (en 50 puntos de venda) reflicten unha supremacía dos produtos dirixidos a vacún de carne, destinados tanto a grandes explotacións como a pequenos gandeiros. Tamén os produtos de cunicultura teñen un peso importante, xa que Evialis Galicia é especialmente forte neste ámbito, cunha das maiores cotas de mercado en Galicia.

Xunto a isto, o mercado da alimentación para animais de compañía está en constante crecemento e as cifras tamén o apontoan como clave para o futuro. En Evialis, dispomos de gamas adecuadas para este nicho de mercado, que cobren todas as necesidades da nosa rede de distribuidores.

Aproximadamente, cantos quilogramos de produtos comercializas ao mes?
O total das vendas de Evialis Galicia no mercado que xestiono é de aproximadamente 1,2 millóns de quilogramos, cun crecemento consolidado e continuo nos dous últimos exercicios.

Valoran os teus clientes o soporte técnico e veterinario que se ofrece desde Evialis?
Si, moito. Sobre todo o sector máis industrial. Evialis caracterízase por ofrecer apoio veterinario e técnico aos seus clientes, por elaborar solucións de formulación singularizadas e por estar a carón dos seus clientes para cubrir as súas necesidades concretas e todos estes aspectos son moi valorados.

“As xornadas técnicas de Evialis son un referente en Galicia”

Evialis singularízase tamén por promover xornadas técnicas dirixidas a produtores. Como valoran os teus clientes esta iniciativa?
A opinión é moi boa sobre todo no sector máis profesional. Creo que as xornadas técnicas de Evialis Galicia son un referente no ámbito da gandaría galega e a ampla asistencia ás mesmas e o bo nivel dos seus relatorios así o corroboran.

Como ves o futuro da industria da alimentación animal e da distribución agropecuaria?
O noso sector caracterizouse sempre por facer fronte a novos retos emanados, principalmente, da complexa normativa comunitaria. Asistimos e continuamos sendo testemuñas dun proceso importante de concentración dentro do sector. Creo que nuns anos, soamente os máis profesionais seguirán no mercado.

En canto á distribución agropecuaria, considero que está a atravesra unha fase complicada. Así é, sobre todo, no ámbito da pequena distribución. A baixada na venda de polo de recría é unha das orixes desta situación dificultosa e obriga a que o sector diversifique máis o seu negocio. Neste sentido, os nosos clientes van contar con todo o apoio comercial da nosa empresa para acometer a súa reestruturación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *