O mercado da madeira dá pasos para unha maior transparencia

Asociacións de propietarios forestais e parte das empresas do sector esfórzase na promoción de sistemas de comercialización máis claros que a tradicional ‘venda a bulto’, na que o vendedor descoñece a cantidade e calidade do que pon no mercado

O mercado da madeira dá pasos para unha maior transparencia

O sector avoga pola venda da madeira por tonelada. / Imaxe: Campo Galego.

Cando un propietario forestal quere vender un lote de árbores ten basicamente dúas opcións. Vender ‘a bulto’, escollendo de entre as ofertas que lle chegan pero sen saber a cantidade e calidade da madeira que pon no mercado, ou vender cun sistema que garanta un pago axustado ás características do lote que ten no monte. A venda ‘a bulto’ é unha práctica moi arraigada en Galicia, pero asociacións forestais e unha parte das empresas transformadoras, caso de Ence, esfórzanse nos últimos anos por avanzar cara a unha maior transparencia do mercado.

“En Galicia hai unha cultura de que quen determina a cantidade de madeira que hai no monte e o que vale é o comprador, non o vendedor. Haberá compradores fiables e menos fiables, pero desde un punto de vista técnico, sempre aconsellamos que o vendedor non actúe a cegas. Debe ter unha idea do valor da madeira ou vender negociando un prezo por tonelada segundo calidades”, recomenda Xosé Covelo, responsable de comercialización de madeira de Selga, unha empresa ligada á Asociación Forestal de Galicia.

“Aquí hai unha cultura de que quen determina o prezo da madeira é o vendedor, non o comprador” (Xosé Covelo, Selga)

Venda por tonelada
Co sistema de venda por tonelada, o pago realízase en función da pesada dos camións que entran nas empresas receptoras da madeira. “É o sistema máis sinxelo e beneficioso para o propietario” -valora o secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Jacobo Feijoo-. “A comercialización por peso esixe que o propietario controle o número de camións que saen do monte, a fin de evitar posibles enganos. Con esa precaución, é máis complicado que haxa problemas, xa que pode facerse un cálculo das toneladas e buscar xeitos de contrastar os datos. A venda por tonelada é o sistema que máis se emprega no resto de España. A venda ‘a bulto’ xeralizada só a temos en Galicia”, destaca Feijoo.

“A venda ‘a bulto’ xeralizada só a temos en Galicia. No resto de España véndese por tonelada” (Jacobo Feijoo, Asefoga)

A clasificación da madeira por calidades en cargadoiro, antes do seu transporte, é outra das recomendacións dos colectivos de propietarios no caso de optar pola venda por tonelada, con prezos diferenciados en función da especie, da calidade e do destino industrial da madeira.

Valoración previa
Outra alternativa que tamén aporta maior seguridade para o propietario que a venda ‘a bulto’ é a comercialización da madeira cunha valoración previa dun técnico, un sistema que lle pode compensar ó propietario a partir de volumes medios de madeira, xa que a valoración, na que se miden diámetros e alturas das árbores a vender, xera un custo engadido.

“A un propietario fixéronlle unha oferta de 3.000 euros por un lote de piñeiros. Logo da nosa valoración, sacou 5.000” (Xosé Covelo)

“Se o propietario ten coñecemento do que está a vender, pode negociar mellor a súa venda”, explica Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia. “Tivemos recentemente o caso dun socio ó que lle fixeron unha oferta de 3.000 euros por un lote de piñeiro. Logo da nosa valoración, vendeu ese lote por 5.000 euros. É certo que a valoración supúxolle un custo duns 500 ou 600 euros, pero aínda así, sacou un beneficio engadido duns 1.400-1.500 euros en relación á oferta inicial”, calcula Covelo.

Pagos e contrato

Óptese por un sistema de venda ou por outro, o sector advirte tamén da necesidade de prestar atención á concreción doutras cuestións fundamentais, como son o tipo de prezo negociado, os pagos e o contrato de compra-venda. “Hai que ter claro se a oferta recibida é para madeira con casca ou sen casca, sobre todo no eucalipto, se se presupón que o monte conta con certificación forestal ou non, e mesmo se ese prezo ten impostos engadidos ou non”, recomenda Xosé Covelo.

Antes de proceder á corta, a Asociación Forestal de Galicia é partidaria da sinatura dun contrato de compra-venda que recolla non só o prezo da madeira e forma de pago senón tamén posibles compromisos que asuma o comprador, coma o tratamento dos restos de corta ou o depósito de fianzas por danos. “Recomendamos o contrato por escrito, aínda que é certo que polo de agora, fóra do entorno das asociacións forestais, non se utiliza”, recoñece Covelo.

A atención ós pagos é outro dos puntos clave a ter en conta. “Débense comparar prezos e ter a seguridade de que a empresa teña solvencia. Hai empresas moi serias pero tamén tivemos casos no monte de impagos” -advirten desde a Asociación Forestal de Galicia- “No caso das vendas por lotes, é aconsellable que se faga o pago antes de entregarlle o permiso de corta ó comprador e, polo tanto, antes de que se entre no monte a cortar”.

Ence, o caso da compra-venda do eucalipto

O mercado do piñeiro, con diversidade de calidades e destinos da madeira, é o que dá pé a maiores problemas de falta de transparencia, segundo a valoración do sector. No caso do eucalipto, as vendas por peso convertéronse en maioritarias nos últimos anos. Ence, a principal compradora de eucalipto en Galicia para as súas plantas de pasta de papel, asegura apostar pola compra por peso fronte a compra ‘a bulto’, se ben recoñece falta de transparencia no mercado.

“Un mercado máis transparente configura un sector máis forte e beneficia a todos os axentes” (Ence)

“O mercado da madeira, e tamén o da madeira de eucalipto, adoece de falta de transparencia. A asimetría na información prexudica aos que dispoñen de menos datos e favorece a posición negociadora daqueles que dispoñen de máis información. Neste caso, os grandes prexudicados son os propietarios forestais” –recoñecen desde Ence-. “Pero para empresas como a nosa tamén resulta prexudicial o escurantismo, xa que a falta de transparencia xera inseguridade xurídica e dúbidas. Por iso Ence está moi interesada en que os prezos resulten transparentes e en que os produtores de madeira saiban cales son os prezos de mercado e poidan tomar as súas decisións de venda con todo o coñecemento necesario”, explica a xerencia de Comunicación da compañía.

A papelera foi a primeira empresa do sector en publicar as tarifas de compra da madeira na súa web e tamén habilitou unha liña telefónica directa e gratuita para atender tanto peticións de información dos propietarios como solicitudes de valoración das súas plantacións. “Confiamos en que o resto dos compradores de madeira de Galicia poñan en marcha iniciativas similares, xa que un mercado máis transparente configura un sector máis forte, beneficiando a todos os seus axentes”, declara a compañía.

Desintermediación
Nos últimos anos, Ence desenvolveu ademais unha política de incremento de compra directa da madeira a propietarios, fronte a outras fontes de subministración como a compra a través de intermediarios. Arredor dun 40 % da madeira cómpraselle directamente ós propietarios, segundo estimacións da papelera. “A empresa leva tres anos facendo esforzos importantes para avanzar na desintermediación da madeira: o compoñente de intermediación no prezo da madeira é negativo para os produtores, que asumen unha parte dese custo, e para compradores finais como Ence, que asumen a outra parte. Neste sentido, o asociacionismo, por exemplo, resulta importante: na medida na que as propias asociacións actúan como intermediarias, poden comercializar directamente a súa madeira, co cal se eliminan custos de intermediación”, valora a compañía.

“A intermediación na venda da madeira é negativa para os propietarios e tamén para Ence, que asume un sobrecusto”

O modelo de compras directas de Ence é valorado como positivo polo sector. Outra cousa son os periódicos tirapuxas polo prezo da madeira: “A dinámica da desintermediación está a facer que os fragueiros ou intermediarios na compra da madeira se estean vendo forzados a evolucionar cara empresas de servizos forestais. Máis que sacar cartos de mercarlle barato aos propietarios e venderlle cara a madeira á industria, teñen que xerar un valor afinando custos, sendo competitivos e gañando os cartos nos traballos de corta, saca e transporte da madeira do monte á fábrica”, considera Jacobo Feijoo, de Asefoga, unha organización ligada a Unións Agrarias. “No monte non sobra ninguén, todos imos no mesmo barco, pero temos que ter claro que os modelos opacos de compra-venda da madeira desincentivan ó propietario, redundan nun menor coidado do monte e pertencen xa ao pasado”.

“Os modelos opacos de compra-venda desincentivan ó propietario e redundan nun menor coidado do monte” (Jacobo Feijoo)


Promagal

Promagal, un colectivo de propietarios de eucaliptos que agrupa a asociacións locais de toda a Mariña lucense e Ferrolterra, sitúa como un dos seus grandes éxitos o ter rematado na súa área de influencia coa venda de madeira ‘a bulto’. “Desde que nacemos, no 2006, logramos unha mellora dos prezos para os propietarios en relación ó que se viña pagando e conseguimos que todas as vendas fosen por tonelada”, explica o presidente de Promagal, Ramón Reimunde.

“O noso gran éxito foi conseguir que todas as vendas fosen por tonelada, non ‘a bulto’ como antes” (Ramón Reimunde, Promagal)

Desde Promagal teñen asinados convenios de venda con Ence, se ben cuestionan o papel de monopolio na práctica que está a adquirir a compañía nalgunhas zonas na compra de eucalipto. “A saída das pasteiras portuguesas da Mariña deixa a Ence como o comprador de referencia, o que supón un problema para nós, xa que se reduce a competencia”, valora Reimunde. “Débense valorar alternativas a medio prazo, como a de habilitar o porto de San Cibrao para a exportación de eucalipto. O porto de San Cibrao permite o atraque de mercantes con capacidade para 40.000 toneladas, en tanto no resto de portos da Mariña trabállase con calados de menos de 10.000 toneladas”, apunta o presidente de Promagal.

Para a elaboración desta reportaxe, solicitouse tamén a valoración de Confemadera, a patronal das industrias de madeira de Galicia, que declinou aportar o seu parecer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información