O mellor mel da Montaña de Lugo daráse cita o 25 e 26 deste mes en Baleira

O domingo celebrarase o cuarto Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense, no que se scollerán os dous mellores meles de entre todos os presentados por apicultores dos 14 municipios que conforman o territorio do GDR Montes e Vales Orientais

Público asistente á pasada edición da feira

Baleira acollerá o sábado 25 e o domingo 26 de outubro a oitava edición da Feira do Mel da Montaña Lucense, que un ano máis inclúe un programa cargado de múltiples e variadas actividades que organiza o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, en colaboración co Concello de Baleira e outras institucións e firmas privadas.

Entre as actividades a desenvolver nesta fin de semana destaca o cuarto Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense, que se celebra ao abeiro da feira, e onde se escollerán cales son os dous mellores meles do territorio neste ano 2025 entre todas as propostas que presentaron os produtores que decidiron participar no certame e cuxas colmeas teñen que están radicadas nalgún dos 14 municipios que compoñen o ámbito de actuación do GDR Montes e Vales Orientais.

A diferenza do que aconteceu na costa, este foi un bo ano de mel no interior de Lugo

Esta celebración busca exaltar a calidade excepcional do mel que se produce nos espazos naturais protexidos deste territorio e poñer en valor o traballo dos apicultores que coidan das colmeas e do territorio todo o ano, contribuíndo á biodiversidade é a polinización. A variada floración dos 14 concellos adscritos ao territorio do GDR fai que os meles resultantes sexan variados e ricos en matices, máis todos co denominador común da calidade nun ano de boa produción na zona interior da provincia de Lugo. 

Programación

O sábado pola tarde celebrarase o primeiro Aberto de Billarda, un obradoiro de cosmética con mel e a representación da obra de teatro A herencia da Xoana, a cargo do grupo Abrente de As Nogais. Pola noite haberá magosto, con degustación gratuíta de empanada, viño e castañas.

Como novidade este ano, celebrarase un aberto de billarda o sábado pola tarde

O domingo será o día da feira, coa apertura dos postos de venda a partir das 10 da mañá, e obradoiros infantíns de elaboración de barriñas enerxéticas. Cara ao mediodía haberá degustación de produtos elaborados con mel e cervexa artesá. 

Distintos obradoiros relacionados co mel, catas, degustacións, unha representación teatral ou un magosto o sábado pola noite completan un variado programa cargado de múltiples actividades

Para os obradoiros é preciso inscribirse no formulario que aparece na páxina web do GDR. As persoas que queiran participar nas distintas actividades que se van celebrar durante os dous días principais da feira poden facelo aínda nos números de teléfono 982355290 e 659275743, ou enviando un correo electrónico á dirección montes.vales.orientais@gmail.com

Concurso Pintameles

Ao igual que en edicións pasadas, os máis pequenos foron os encargados de ilustrar os carteis deste ano da Feira do Mel de Baleira. Os deseños gañadores foron escollidos entre unha gran cantidade de propostas, xa que o Concurso Pintameles volveu ser un gran éxito de participación entre todos os colexios da comarca.

O cartel desta oitava edición volveu ser elixido entre os deseños presentados por alumnos de distintos centros de ensinanza da comarca

O gañador do certame na categoría de Secundaria foi David Rodríguez López, do CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro, mentres que o segundo premio recaeu en María Quindós Pallares, que estuda primeiro da ESO no CEIP de Cervantes.

Na outra categoría, a dos estudantes de Primaria, o gañador foi Hugo Álvarez Díaz, do CEIP Plurilingüe Concepción López Rey de Baleira, mentres que a segunda clasificada foi Lía Castro Cabana, do CEIP San Xoán de Becerreá, que estuda terceiro curso de Primaria. Coma cada ano, os debuxos de todo o alumnado que participou no concurso expoñeranse nas carpas da Feira.

cartel feira mel Montana Baleira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información