“O mellor investimento nunha granxa é ter bo persoal traballando”

Manuel Morales, veterinario en Zamora, leva máis dunha década adicando parte do seu traballo á xestión de recursos humanos en granxas. Falamos con el sobre como atraer e fidelizar ao persoal nas gandarías

“O mellor investimento nunha granxa é ter bo persoal traballando”

Manuel Morales forma parte dun equipo veterinario que traballa na xestión de recursos humanos das granxas.

A captación de persoal axeitado para as granxas é un quebradeiro de cabeza habitual nas principais comarcas lácteas de Galicia. Falamos sobre como cambiar esta situación con Manuel Morales, que forma parte dun equipo de veterinarios de Zamora (Oceva) que leva máis dunha década traballando na xestión de recursos humanos nas gandarías. “É importante cambiar o chip. Ás veces dinme que a unha granxa vai pouca xente a pedir traballo. Non é que che vaian a pedir traballo. Ti ofreces un traballo, divulgas a oferta e preocúpaste de que sexa un traballo de calidade”, defende.

Morales, que ten contacto habitual con Galicia, estivo este outono impartindo unha charla sobre a xestión de recursos humanos nunha xornada técnica organizada pola ADS Xundeva, en Lalín.

“O que máis bota de menos o persoal son aspectos como a falta de horarios definidos. A organización do traballo ten que ser sensata”

Unha das cuestións que dificulta a atracción de persoal á gandaría son os salarios, pero tamén destacabas na túa charla a necesidade de boas condicións laborais. É un factor que non se está coidando o suficiente?
– O que máis desmotiva ao persoal son as condicións laborais. É certo que os salarios son relativamente baixos, pero non máis baixos que noutros sectores, como a hostalaría. O que máis bota en falta o persoal son aspectos como a falta de horarios definidos e carencias nas instalacións desde o punto de vista do benestar do traballador: salas de reunións, aseos, roupeiros, etc.

Existe tamén un problema de prestixio social da gandaría, que tardará en cambiar pero que hai que cambiar desde dentro do sector. En calquera país de Europa, os gandeiros están orgullosos de selo e o mesmo sucede co persoal asalariado dunha granxa. É algo que aquí temos que ir cambiando desde a educación aos nenos. Transmitirlle á sociedade a importancia e profesionalidade dos gandeiros é o reto do futuro.

En Galicia dáse incluso o problema de que o traballo en ocasións non é atractivo para que haxa un relevo xeracional na explotación. Algo se está facendo mal para que os fillos non queiran quedar?
– Historicamente, o sector está instalado nun pesimismo que pasou de xeración en xeración, pero vendo como evolucionaron as granxas aquí, que ampliaron instalacións, compraron terreos e, en xeral, melloraron a súa economía, ese discurso pesimista non se axusta á realidade. Se un mozo ve que o seu pai se está queixando continuamente, dificilmente vai querer continuar na explotación. Tamén hai que ter en conta que fai 30 ou 40 anos o tempo libre non importaba e hoxe en día é algo imprescindible.

“Historicamente, o sector está instalado nun discurso pesimista que pasou de xeración en xeración, pero que non se axusta á realidade”

Que factor cres que é o máis importante a coidar nas condicións laborais nunha granxa?
– O primeiro son uns horarios axeitados. O traballo hai que organizalo de forma coherente e sensata. O operario ten que ser unha persoa formada e informada, con tareas definidas e obxectivos concretos. Debe de saber a que hora comeza, a que hora remata e que se espera de cada un, se vai muxir, coidar os becerros, limpar ou ter outras tarefas asignadas. O que desmotiva é que unha persoa acabe o seu horario de traballo e téña que quedarse porque, por exemplo, hai unha vaca de parto. Se iso sucede, son horas extras e hai que recoñecelas, ben economicamente, ben con tempo libre.

Que horarios son habituais no persoal que traballa en gandarías de leite na vosa zona?
– En granxas de 200-250 vacas, con varios operarios, a organización do traballo permite unha calidade de vida bastante boa. En xeral, o persoal ten cada semana un día e medio ou dous días libres e traballa ou ben 8 horas ao día, se ten dous días libres semanais, ou ben 7 horas, se ten día e medio. O normal en gandarías medias – grandes é que o traballo se faga en xornada continua. En granxas pequenas, en xeral o traballo está peor organizado e hai situacións de quendas partidas. Notamos unha maior rotación de persoal en granxas pequenas.

“Se se fan horas extraordinarias, hai que recoñecelas, ben economicamente, ben con tempo libre”

Que outras cuestións crees que hai que mellorar para facer da gandaría un traballo máis atractivo?
– É importante cambiar o chip. Ás veces dinme nunha granxa que lles vai pouca xente a pedir traballo. Non é que che vaian pedir traballo. Ti ofreces un traballo, divulgas esa oferta e preocúpaste de que sexa un traballo de calidade, que poida motivar ao persoal e no que poida desenvolver as súas inquietudes.

Un erro frecuente é seleccionar aos traballadores pola experiencia que supomos que teñen (en poucas ocasións preséntase un curriculum ou cartas de recomendación), e non temos en conta o coeficiente emocional. As gandarías tenden a querer persoal con experiencia nas tarefas dunha granxa, pero ás veces é mellor alguén que non traballou nunca no sector e que formamos na nosa granxa que alguén que pode chegar con formación inadecuada. Ademais, hai que ter en canta que a formación é un proceso inacabado e permanente.

O importante é que a persoa encaixe no posto que vai ocupar e non é tanto captar ao persoal como fidelizalo. Para fidelizar a unha persoa, é importante a motivación, ir aumentando as responsabilidades ou soldo dunha persoa contratada, aínda que nas granxas pequenas isto é complicado.

Apuntabas tamén ao principio unha cuestión que ás veces se deixa de lado, por non parecer urxente, a imaxe e limpeza que deben ter as granxas.
– É unha cuestión que hai que coidar con protocolos de mantemento e limpeza. Cando se fai un deseño dunha instalación, hoxe en día cóidanse ao detalle todas as cuestións técnicas, pero hai que prestarlle tamén atención ao mantemento desa instalación. Cada x días, hai que limpar as oficinas, baños, botiquín, corredores entre cubículos, etc. e iso ten que establecerse nos protocolos de tarefas a realizar, quedar por escrito, acordado coas persoas responsables de executalo e implantar un sistema para auditalo.

“Cando se fai unha instalación, cóidanse en detalle todas as cuestións técnicas, pero hai que prestarlle tamén atención despois ó mantemento e limpeza”

Na xestión de persoal dunha granxa, dáse tamén o problema de que o gandeiro é un profesional ben preparado para traballar na explotación, pero que carece dunha formación para liderar un equipo humano?
– Xestionar un equipo humano é unha cuestión difícil para todos. Como veterinario, síntome máis cómodo traballando coas vacas que coas persoas, ben é certo que despois de anos traballando démonos de conta de que realmente o que fai cambiar, evolucionar e mellorar ás granxas depende das decisións e o traballo das persoas. A comunicación é fundamental, aprender a escoitar e transmitir o que se espera de cada operario. Hai que recoñecer éxitos e xestionar conflitos.

Pode ser unha boa idea ter unha reunión cada 15 días ou unha vez ao mes e ao redor dun café ou dunha cervexa falar da marcha do traballo, problemas xurdidos, éxitos obtidos e recoñecemento do traballo ben feito. A motivación é o que move ás persoas a realizar determinadas accións e a persistir nelas para a súa culminación.

Na xestión de persoal dunha granxa, dáse tamén o problema de que o gandeiro é un profesional ben preparado para traballar na explotación, pero que carece dunha formación para liderar un equipo humano?
– Xestionar un equipo humano é unha cuestión difícil para todos. Eu levo traballando máis de dez anos na xestión de equipos humanos en granxas e é unha tarefa que me segue dando respecto. O fundamental é a comunicación entre todas as persoas que traballan nunha granxa, aprender a escoitar e transmitir o que se espera de cada un. Hai que recoñecer éxitos e xestionar conflitos. Pode ser unha boa idea ter unha reunión entre todos cada 15 días ou unha vez ao mes cun café ou unha cervexa para falar da marcha do traballo e recoñecer tamén cando se está facendo ben o traballo. É a mellor motivación que se lle pode dar a unha persoa.

No voso caso, sodes un equipo independente de veterinarios que ademais da vosa función tradicional, tamén vos especializastes no campo da xestión de recursos humanos. Cres que é unha liña de traballo de futuro na profesión?
– A granxa do século XXI é distinta da granxa do século XX e a profesión veterinaria ten que ir adaptándose a isto. No noso caso, ademais do tradicional labor clínico, traballamos na xestión técnica das explotacións, que é un traballo para o que estamos cualificados tanto veterinarios como outros profesionais, como enxeñeiros agrónomos. Se hai dous servizos dos que as granxas están sempre satisfeitas son o da xestión administrativa, xa que ao gandeiro non lle gusta perder tempo en papeleos, e o da xestión de recursos humanos.

“O traballo en recursos humanos implica recoñecer éxitos e xestionar conflictos. Hai que aprender a escoitar e transmitir o que se espera de cada un”

Quen debe xestionar os recursos humanos dunha explotación?
– É conveniente que sexa unha persoa neutral e que coñeza as necesidades da explotación e do persoal. Se o fai o dono, o normal é que mire máis pola empresa que polo persoal. Se o fai un capataz, tamén é lóxico que vele polos intereses dos traballadores.

No noso caso, como profesionais que colaboramos coas explotacións, cos anos gañámonos a confianza de gandeiros e traballadores. A xestión de recursos humanos está plenamente asentada e é unha inquietude clara das granxas. Non hai mellor investimento nunha granxa que ter boa xente traballando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información