O mellor gando vacún da montaña de Lugo, este sábado na Feira de San Marcos da Fonsagrada

Poderanse ver animais de distintas razas cárnicas como rubia galega, asturiana, limusín, salers, angus, charolesa, blonde, vianesa ou cachena. Haberá tamén poxa de xovencas de Acruga

Feira San Marcos A Fonsagrada 1O mellor gando vacún da montaña de Lugo darase cita este sábado 25 de abril na Fonsagrada nunha nova edición da Feira de San Marcos, unha das citas de referencia na comarca e na que participaran ganderías locais e doutros concellos da montaña con animais de distintas razas de produción de carne de vacún.  

O Concello recuperou no ano 2022 esta feira anual que levaba catro décadas sen celebrarse e que tradicionalmente era unha das feiras de ano de referencia na comarca. Esta cita, organizada polo Concello, conta coa colaboración da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (ASGAFON), a Asociación de Criadores de raza Rubia Galega (ACRUGA), a ADSG Fonsega e o GDR Montes e Vales Orientais.

Ademais de feira e exposición de gando vacún de vida, haberá tamén subasta de xovencas de raza Rubia Galega, que será ás 12 da mañá e organizada por Acruga, polo que será unha boa oportunidade para facerse con animais de alto valor xenético, procecentes da granxa de requía que a asociación de criadores ten na Granxa Gayoso Castro, cos que mellorar a cabana gandeira de moitas explotacións coa incorporación ao rabaño de novas liñas xenéticas por medio de femias xa preñadas inscritas no Libro Xenealóxico da raza como futuras reprodutoras.

O Concello recuperou no ano 2022 esta feira, que historicamente era todo un referente nesta comarca da montaña

Agárdanse superar as expectativas dos anos anteriores, nos que se xuntaron 150 animais pertencentes a ganderías da Fonsagrada e de outros concellos da provincia de Lugo e de Asturias. A feira contará coas seguintes razas de gando: Rubia Galega, Asturiana, Limusín, Angus, Charolesa, Yersei, Vianesa, Salers, Cachena, Parda Alpina e Blonde Aquitania.

A feira terá lugar nas instalacións do mercado gandeiro da Fonsagrada. No pavillón cuberto só poderán entrar as reses que cumpran co regulamento sanitario da feira, pero a organización habilitará unha zona do recinto feiral para o gando que non teña realizadas probas sanitarias nos 30 días anteriores fronte a enfermidades como IBR, BVD ou Paratuberculose. 

Haberá tamén subasta de xovencas de raza rubia galega e degustación gratuita de carne de Ternera Gallega Suprema

As persoas que acudan á feira poderán disfrutar tamén dunha degustación gratuíta de carne de Ternera Gallega Suprema.  Así pois, esta cita non só ofrece un espazo para a compra e venda de gando, senón que tamén é unha oportunidade para compartir e poñer en valor o sector. Desde a súa recuperación no ano 2022 por parte do Concello da Fonsagrada, a Feira de San Marcos é un escaparate para os criadores e produtores da zona, unha oportunidade para celebrar a tradición, o esforzo e a paixón coa que traballan cada día os gandeiros e gandeiras da montaña de Lugo.

Trala Feira de San Marcos deste mes de abril, a outra gran cita gandeira da Fonsagrada chegará no mes de setembro, cando se celebra o Concurso Exposición de Gando Vacún e a Feira Cabalar de ano. Serán o sábado 5 de setembro e o luns 7.

cartel Feira San Marcos A Fonsagrada 2026cartel2 Feira San Marcos A Fonsagrada

9.000 cabezas de gando no concello máis extenso de Galicia 

Feira de San Marcos A Fonsagrada 2022

Os seus 438 km cadrados converten A Fonsagrada no concello máis extenso de Galicia e un dos máis grandes de España, un territorio onde a gandería de vacún de carne é o principal motor económico, asentando poboación mentres coida do territorio.

Na ADS Fonsega hai máis de 140 ganderías, a maioría son de carne en extensivo ou semiextensivo que traballan co sistema de vacas nodrizas, cun censo total de 8.700 animais, dos cales unhas 5.700 son vacas reprodutoras.

Desde hai anos, o compromiso do Concello da Fonsagrada co desenvolvemento e a promoción do sector gandeiro está a ser evidente. A recuperación da Feira de Gando de San Marcos é un claro reflexo diso. A mellora das instalacións do recinto feiral tamén. 

As obras levadas a cabo na nave do Campo da Feira, buscando maior confort e benestar animal para o gando e maior comodidade no manexo por parte dos gandeiros e os distintos operadores que fan uso das instalacións, permitiron aumentar a funcionalidade e a utilización do recinto.

A adecuación da zona de pesado para poder realizar pesadas de gando está a permitir a venda de animais por peso vivo

As instalacións ocupan unha superficie de 1.200 metros cadrados e contan cunha nave e unha explanada situadas no centro da vila. O cambio da cuberta, que era de fibrocemento por chapa sandwich, así como a adecuación da zona de pesado para pesadas en vivo de animais, multiplicou o uso da nave.

Os gandeiros e transportistas teñen tamén á súa disposición todo o necesario para lavar e desinfectar os veículos e remolques sen custo algún. “É un servizo que lles prestanos aos produtores, non só do noso concello, senón de toda a zona. Deste xeito tratamos de contribuír a mellorar a rendibilidade final das ganderías”, explica o alcalde da Fonsagrada, Carlos López. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información