
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou o matadoiro móbil que está a colaborar nos preparativos da XIX Festa do Carneiro ó Espeto de Feás, en Aranga
O Consello da Xunta avaliou este xoves un informe en que se recollen as actuacións realizadas polo matadoiro móbil de Galicia desde a súa posta en marcha en xaneiro de 2024. O obxectivo desta iniciativa, pioneira en España, é o de cubrir as demandas do sector, minimizando os desprazamentos dos animais para o seu sacrificio, incrementando a rendibilidade na comercialización dos seus canais e reducindo os seus custos. Tratábase dunha demanda do sector gandeiro, especialmente de ganderías de ovino, porcino ou caprino que están afastadas dos matadoiros.
Dende a Consellería de Medio Rural salientan que os servizos do matadoiro móbil da Xunta duplicáronse no primeiro trimestre de 2025 en relación co mesmo período do ano anterior, “o que amosa que esta iniciativa está a responder ás demandas dos gandeiros situados en zonas tradicionalmente máis afastadas dos matadoiros convencionais”.
Así, entre xaneiro e marzo deste ano, o matadoiro móbil prestou 90 servizos a 69 explotacións, a través dos cales se sacrificaron 441 animais (porcinos, ovinos e cabrúns). Neste mesmo período, pero no 2024, as cifras acadadas foron 41 servizos cunha cobertura de 29 explotacións e 222 animais sacrificados. “Isto amosa a consolidación deste servizo, especialmente nas zonas do interior como Lugo e Ourense, onde ten maior demanda”, destacan dende a Consellería.
Por outra banda, no 2024 ao completo, o matadoiro móbil acadou as 210 intervencións solicitadas por 116 explotacións para xestionar o sacrificio de máis dun milleiro de animais. A distribución por provincias sitúa a Lugo como a que máis demanda este servizo, seguida de Ourense, Pontevedra e finalmente A Coruña.
Este servizo pode solicitarse no teléfono 982 25 12 01, operativo de luns a venres, das 09.00 ás 14.00 horas. Tamén pode solicitarse vía web mediante a cobertura dun formulario dispoñible na Oficina Virtual de Medio Rural: https://ovmediorural.xunta.gal/es/tramites/matadoiro-mobil. A maiores, o matadoiro está operativo de luns a venres e as rutas elabóranse de acordo cos avisos recibidos.
Actuacións previstas
O matadoiro móbil incluirá entre os seus servizos unha sala de despezamento instalada na base loxística da unidade, situada no concello de Chantada. Deste xeito, ofertarase ás persoas titulares das explotacións a posibilidade de obter os produtos cárnicos xa despezados, clasificados e mesmo envasados, para facilitar a súa comercialización.
Ofrecerase un proceso de despezamento e procesamento máis controlados e seguro, cumprindo cos estándares exixidos polas autoridades sanitarias; e poderase avanzar cara ao establecemento de produtos diferenciais certificados de maneira que se poidan ofrecer produtos suxeitos a uns procedemento de produción específicos. Neste momento, a sala está xa executada e pendente das autorizacións sanitarias para a súa posta en marcha.
A maiores, tamén se disporá dun laboratorio de diagnóstico e control de triquina, “unha medida estratéxica que reforza a seguridade alimentaria, a autonomía operativa do servizo e a axilidade na xestión sanitaria das carnes obtidas, especialmente nun contexto de actuación en zonas rurais cunha limitada infraestrutura analítica”. O laboratorio está pendente das autorizacións sanitarias para a súa entrada en
funcionamento.
Entre outras actuacións, solicitouse a inscrición dos produtos obtidos a través do matadoiro móbil no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), co obxectivo de potenciar as pequenas producións de explotacións tradicionais que apostan pola sustentabilidade e están comprometidas co benestar animal.
Ademais, tamén se traballa no desenvolvemento dunha marca de calidade propia que ampare os exemplares sacrificados neste matadoiro, salientándoos como produtos de proximidade, con alto benestar animal ou con orixe en gandarías que contribúen na loita contra os lumes.
A Consellería do Medio Rural anuncia que “seguirá apostando neste 2025 polo servizo do matadoiro móbil e, por iso, investirá máis de 940.000 euros para o seu funcionamento e o inicio da actividade tanto da sala de despezamento como do laboratorio de triquina”.
Galego







Control OJD