O matadoiro móbil da Xunta apraza a súa entrada en funcionamento a comezos de 2023

O matadoiro móbil da Xunta apraza a súa entrada en funcionamento a comezos de 2023

Reunión do conselleiro do Medio Rural con representantes de OVICA

O conselleiro de Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse o venres da pasada semana con responsables da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica).

No encontro de traballo, os representantes da Consellería explicáronlles aos de Ovica os trámites que se están ultimando para a posta en marcha do matadoiro móbil, que está prevista segundo a Xunta para comezos do próximo ano 2023. Esta iniciativa xa foi anunciada a súa entrada en funcionamento a finais de 2019 e desde entón houbo diversos anuncios de posta en servizo que se foron aprazando.

Os responsables da asociación Ovica mostraron especial interese por esta iniciativa, orientada a dar servizo a explotacións das zonas de montaña das provincias de Ourense e de Lugo, máis afastadas dos matadoiros fixos.

Ovica pide apoio para poñer en marcha unha sala de despezamento

Por outra banda, desde a asociación de criadores trasladouse tamén a posibilidade, que están a considerar, de poñer en marcha unha sala de despezamento, que podería facilitar a comercialización dos seus produtos. Neste sentido, o conselleiro informoulles de diferentes liñas de axudas ás que se poderían acoller, no caso de levar adiante a iniciativa, para procurar apoio económico. O obxectivo sería mellorar o produto, no sentido de buscar unha homoxeneidade en tamaño, peso e condicións organolépticas.

A maiores, José González animou os responsables de Ovica a continuar co seu labor a favor destas producións, xa que -sinalou o conselleiro- Galicia conta con moita superficie susceptible de ser aproveitada por ese tipo de gando e coas figuras da Lei de recuperación da terra agraria teñen moitas posibilidades para facelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información