A importancia para as abellas do manexo de masas vexetais e a necesidade de recuperación de cultivos autóctonos foi un dos eixes temáticos dunha xornada online sobre o mel organizada por Frouma, en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura e o Sindicato Labrego. Algúns dos retos que enfronta o sector son o aumento da superficie de eucaliptais en Galicia, que se cortan antes de estar en idades de floración, a perda de especies froiteiras autóctonas ou a mingua do nabo e as coles nas hortas galegas.
O manexo de masas vexetais
En Galicia hai máis de 300.000 hectáreas de eucaliptos. Trátase dunha especie que podería ser interesante para a apicultura, pero polo momento iso só é demostrable na variante ‘globulus’, en masas adultas. O problema é que se precisan masas en floración, “moi difíciles de alcanzar no noso territorio debido a falta de estacións de cultivo propicias, ás quendas de corta moi curtas e á expansión do eucalipto ‘nitens’, cortado en turnos que imposibilitan o seu aproveitamento floral”, explica Diego Sánchez, do Sindicato Labrego.
A procura dun mellor ecosistema para a apicultura, segundo os ponentes, está vencellado ao desenvolvemento de espazos como as fragas, as formacións de ribeira, os soutos ou as superficies herbáceas. Sánchez considera que “son necesarios incentivos fiscais que procuren unha re-aposta por unha ‘industria’ comarcal de matogueiras e uces, e no caso dos soutos é primordial a súa recuperación, tanto para froito como para a flora que se da neste entorno, moi beneficiosa a nivel apícola”.
“En Galicia a apicultura depende do monte, polo que debemos apostar pola súa mellora nos espazos propicios para a apicultura” (Diego Sánchez)
Os pisos herbáceos son outro expoñente para as abellas moi extenso no territorio. A riqueza floral dentro dos campos permite unha recollida de pole máis rica e con mellores resultados. Hoxe en día, un dos problemas ao que se enfrontan estas superficies son “a carencia dunha produción diversa de especies nos pastos, que se está relegando pouco máis que ao ‘ray grass’”, afirma Diego Sánchez. Ademais, entre as problemáticas tamén están “as cortas, que ao ser en rotación apenas existe floración, ou o uso de pesticidas, que cómpre diminuír”, critica o membro do SLG e de AGA.
A desaparición de árbores froiteiras autóctonas é outro fito a ter en conta. “A mingua destes tipos froiteiros veu dado, en parte, nos procesos de concentración parcelaria, polo que se necesita a recuperación e rescate de variedades locais”, reclama Sánchez. Neste mesmo sentido, outro fenómeno que marca a produción apícola é a menor presenza de nabos e coles na horticultura galego. Segundo Diego Sánchez “son especies moi visitadas polas abellas que, tras o cambio de dieta do gando, están quedando relegadas a un segundo plano”.
“É necesaria unha recuperación de especies froiteiras autóctonas, así como de cultivos de nabos ou coles, moi frecuentadas polas abellas” (Diego Sánchez)
A relación entre abellas e plantas
Abellas e cultivos benefícianse ademais mutuamente. No proceso de obtención do mel, “as abellas teñen un importante rol na polinización, o que as vincula co resto de biodiversidade e a produción de alimentos”, afirma Suso Asorey, membro de AGA e poñente na xornada.
En Galicia, unha gran parte do territorio é monte, e en palabras de Asorey, “un sitio ideal para a produción dos nosos meles”. En paralelo á diversidade medioambiental galega, está a pluralidade de cores e sabores do mel, desde brancos a negros, pasando por diferentes tipos de marrón. “Esta variedade débese ao tipo de pole que se utiliza para a súa fabricación. Ao haber un 70% de pequenos produtores de tantas zonas diferentes leva a existencia de moitos meles”, especifica Xesús Asorey.
En función do tipo de árbore, a proporción de pole ten que ser unha ou outra para que se poida atribuír o tipo de mel á planta. “O eucalipto ‘globulus’ de máis de 30 anos é interesante e o mel poderíase etiquetar se ten unha proporción de pole igual ou maior a un 70%”, comenta Asorey. Igualmente, este membro de AGA fai referencia ás dificultades que supón o cambio climático na produción de pole das árbores, e mesmo ás consecuencias da importación de meles, pois “é un produto que non aporta polinización local”.
“O mel podemos importalo, pero a polinización e os seu efectos positivos na biodiversidade non” (Xesús Asorey)
Pesticidas de alta perigosidade
A bióloga Rebeca Vázquez, pola súa banda, incidiu nos pesticidas de alta perigosidade. Son , por norma xeral, os que persisten durante moito tempo no espazo aplicado e nas zonas que o rodean. Isto ten consecuencias sobre as abellas “aportándolles cambios fisiolóxicos e sociais, como o síndrome do colapso das colonias”, detalla Vázquez. Parte dos pesticidas con maior impacto nas abellas xa se prohibiron e apareceron outros máis ecolóxicos, pero o problema non desapareceu. Desde o sector, recoméndase que os profesionais do agro atendan á etiquetaxe dos pesticidas, para escoller aqueles con menor impacto.
Como pode axudar a PAC?. A política agraria pode ofrecer unha “condicionalidade mellorada”, segundo denominou Vázquez, baixo a finalidade de “protexer aos polinizadores e diminuír o uso de pesticidas”, reclama a bióloga. Algúns exemplos de melloras pode ser “o establecemento dunha guía de boas prácticas, evitar o uso preventivo dos fitosanitarios, ou crear hoteis para abellas para que así non sufran as consecuencias dos sulfatos”, aconsellou Rebeca Vázquez.