O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (CRAEGA) organiza unha serie de relatorios online sobre o sector vacún de carne ecolóxica, que terán lugar na vindeira semana do 23 ao 27 de agosto.
“O obxectivo desta actividade é promocionar o consumo da carne ecolóxica, dando a coñecer as súas características singulares, de calidade e de reporte saudable, coas máximas garantías e beneficio para o medio rural e o medio ambiente galego”, destacan dende o CRAEGA.
En Galicia, hai 158 produtores de carne ecolóxica e 5.826 cabezas, cun valor de económico de produto comercializado no ano 2020 de 2.223.693 €. “Datos que poden alcanzar cifras aínda máis elevadas con este impulso e posta en valor do sector”, subliñan dende o Consello Regulador.
Os relatorios comezarán diariamente ás 20:00 horas a través da canle de YouTube do CRAEGA. Despois de cada relatorio, os espectadores terán oportunidade de facer preguntas e reflexións aos poñentes en directo.
Programa:
Luns 23 de agosto: Enrique Gutiérrez, veterinario e gandeiro, un dos primeiros produtores inscritos no CRAEGA, amosará a súa experiencia no manexo da gandería ecolóxica.
Martes 24 de agosto: Cayetana Pena, Dietista-Nutricionista con máis de 12 anos de experiencia, falará dos beneficios para a saúde da carne ecolóxica.
Mércores 25 de agosto: Isabel Blanco, doutora en Veterinaria e membro do Grupo de Expertos da Unión Europea en Produción ecolóxica; e Javier Álvarez, doutor Enxeñeiro Agrónomo. Falarán de como afecta o medio ambiente á produción de vacún en ecolóxico.
Xoves 26 de agosto: Hector López, Chef do Restaurante España (Lugo) e pertencente ao grupo Nove, que xa colaborou promocionando os produtos ecolóxicos galegos en diferentes campañas, como un showcooking na feira Biofach en Núremberg, feira máis importante a nivel mundial de alimentación ecolóxica. Elaborará unha receita con tenreira ecolóxica.
Venres 27 de agosto: Manuel Cruz, director dos programas da Televisión de Galicia, ‘O agro’ e ‘Labranza’, reflexionará sobre a produción ecolóxica galega e os cambios que foi percibindo na última década.