O luns, 1 de febreiro, ábrese o prazo para solicitar as axudas da PAC 2021

O luns, 1 de febreiro, ábrese o prazo para solicitar as axudas da PAC 2021

Ao redor de 680.000 produtores españois poderán presentar, a partir do próximo luns, 1 de febreiro, e até o próximo 30 de abril, a solicitude única de axudas directas da Política Agraria Común (PAC) para a campaña 2021, unha vez publicada a normativa comunitaria e nacional. O importe total destas axudas ascende a 4.860 millóns de euros, que se poderán abonar en forma de anticipos a partir do 16 de outubro e o saldo a partir do 1 de decembro.

Mediante a solicitude única, o produtor pode solicitar todas as axudas que lle poidan corresponder dunha soa vez. Como en campañas anteriores, a solicitude única debe presentarse ante a autoridade competente da comunidade autónoma na que radique a explotación ou a maior parte da súa superficie. En caso de non dispor de superficie física, a solicitude presentásese na comunidade autónoma na que se atope o maior número de animais.

Neste sentido, e do mesmo xeito que en 2020, fomentarase a presentación telemática das solicitudes para facilitar a súa tramitación, sobre todo tendo en conta as restricións de mobilidade existentes en cada territorio para facer fronte á Covid-19.

Uns 26.000 gandeiros e agricultores galegos poderán solicitar máis de 205 millóns en axuda da PAC

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde da Consellería do Medio Rural que regula a aplicación dos pagos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control, as coñecidas como axudas da PAC.

O orzamento previsto para esta convocatoria elévase aos 205 millóns de euros, dos cales 170 millóns corresponden cos pagos directos da PAC e 35 millóns de euros coas medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitacións naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).

Prevese que uns 26.000 agricultores e gandeiros soliciten estas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e que son de gran interese para o sector primario.

A Consellería de Medio Rural acaba de pechar todos os detalles da campaña da PAC 2021 coas Oficinas Agrarias Comarcais (OAC) e coas máis de 50 entidades colaboradoras que se encargarán de tramitar as solicitudes de axuda en Galicia. Así, mantivéronse encontros telemáticos cos bancos e coas entidades de asesoramento que prestarán apoio ás persoas interesadas nestas achegas, xunto coas asociacións agrarias ou as organizacións profesionais do sector.

Novidades da campaña da PAC 2021

Nesta campaña, cabe resaltar novidades como que os interesados poderán descargar diferentes aplicacións electrónicas para informarse sobre as axudas da PAC, consultar as súas solicitudes, facer alegacións e mesmo realizar fotografías xeorreferenciadas cando sexa necesario para completar algún dos procesos precisos para a concesión das achegas.

A maiores, continúa a implantación do sistema de control coñecido como monitorización que será obrigatorio na nova PAC e que consiste en utilizar as novas tecnoloxías e as imaxes de satélites para realizar un seguimento continuo de todas as superficies declaradas no 100% das solicitudes, co obxectivo de determinar se existe actividade agraria.

Así, nesta campaña o Fogga estenderá a monitorización a 24 concellos máis de toda Galicia. En concreto, aos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo, na provincia da Coruña; Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei, Portomarín, Rábade e Lugo, na provincia de Lugo; Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Paderne de Allariz, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo, na provincia de Ourense; e a Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Forcarei, na provincia de Pontevedra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información