O 2022 quedará marcado no calendario como un ano negro no monte galego, igual que xa están o 2017, con 50.000 hectáreas ardidas en tres días de outubro, ou o 2006, con máis de 100.000 hectáreas calcinadas. Este verán, os lumes do Courel (Lugo) e os do Parque Natural do Invernadoiro e Valdeorras (Ourense) arrasaron máis de 30.000 hectáreas nuns poucos días de xullo, e como lembran no sector forestal, “ata outubro queda moito partido por xogar”. Sen ir máis lonxe, hoxe un gran incendio supera xa as 600 hectáreas en Verín (Ourense) e outro as 400 hectáreas en Arbo (Pontevedra).
Como afrontar as cíclicas vagas de lumes, que previsiblemente se agravarán co cambio climático. Logo da anterior vaga de lumes, o Parlamento galego creou no 2018 unha comisión de estudo na que participaron multitude de colectivos agrarios, forestais e ambientais.
Que se decidiu facer tras a vaga do 2017?
As conclusións da comisión parlamentaria recolléronse nun dictame que fai propostas tan útiles como, en ocasións, difíciles de levar á práctica. Crear franxas sen arborado en torno a núcleos de poboación e vías de comunicación, poñer a producir as terras agrarias abandonadas, impulsar a xestión conxunta do monte, ordear os usos do territorio rural ou promover discontinuidades con frondosas caducifolias en masas forestais dunha única especie son algunhas das propostas que recollía o dictame.
Sobre esa base, Medio Rural iniciou liñas de traballo como a creación de aldeas modelo ou a aprobación da Lei de Recuperación de Terras Agrarias. O problema, o ritmo de avance de tales iniciativas vese desbordado pola dimensión do problema. Galicia suma 2 millóns de hectáreas de monte e ten máis de 30.000 núcleos de poboación, nos que se calcula que hai arredor de 150.000 hectáreas de interface urbán/rural – forestal.
“Cambiou o territorio, xa non temos prados e terras de labor arredor das aldeas e moito monte quedou abandonado” (Jacobo Feijoo, Asefoga)
“Xa non se trata da xestión forestal, estamos ante un problema integral de xestión do territorio” -valora Jacobo Feijoo, enxeñeiro de montes e responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), ligada a Unións Agrarias-. “Nas últimas décadas non só mudou o monte, cambiou o territorio. Xa non temos os prados e terras de labor que tiñamos arredor das aldeas e moito monte quedou abandonado”, sinala.
“A cuestión -enuncia Jacobo Feijoo- é que no rural non hai xente suficiente nin a vai haber para xestionar o territorio. Este é o reto que temos por diante. Como usar o territorio no século XXI e xerar protección dun xeito indirecto?. O que está claro é que o que non xestionemos nós, xestionarao o lume”, conclúe.
Desde a Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (Cose) inciden tamén no problema do abandono. “Só unha xestión forestal sostible, activa e continua, que revirta o abandono dos montes, poderá reconducir esta situación de grandes incendios forestais”, advirte o colectivo, que pide apoios públicos para incentivar a xestión do monte.
Territorio mosaico
O ditame parlamentario do 2018 avogaba por apoiar a gandería extensiva, introducindo máis pasteiros nos montes, e por crear discontinuidades de masas de frondosas caducifolias nas plantacións forestais de eucaliptos e piñeiros. Son medidas nas que hai consenso no sector agrario e forestal, pero novamente, son máis fáciles de poñer nun papel que de levalas á práctica nun territorio marcado polo minifundio, o abandono e por unha cultura particular sobre como facer as cousas.
“Xunto coa creación de discontinuidades nas masas forestais, un reto claro é reducir o combustible que pode arder, para o que son precisas rozas, podas e claras nos montes. Iso pode axudar en condicións normais, pero cando hai lumes como os que vimos estos días, con altas temperaturas, monte seco e vento, se os incendios non se controlan nun inicio chegan a un punto nos que quedan fóra da capacidade de extinción e levan todo o que está por diante da fronte de avance. Aí xa dá igual que un monte estea ben coidado ou que teña masas de frondosas, porque van caer igual se están na fronte de avance do lume”, advirte Jacobo Feijoo.
O debate do piñeiro ‘versus’ frondosas caducifolias
Os lumes do Courel, que entre outros hábitats, afectaron ás plantacións de piñeiro da serra, reavivaron o debate en torno á vinculación de coníferas e lumes forestais. A Asociación para o Desenvolvemento Rural do Caurel pediu publicamente que se eliminen as subvencións ás plantacións de piñeiro na Serra e no seu entorno. Similar postura comparte a propia alcaldesa do Courel, Dolores Castro (PP), que se pronunciou contra os piñeiros e a favor de potenciar as frondosas no municipio.
O debate, que tamén afecta ó eucalipto noutras áreas, considérase “cansino” no sector forestal. É unha cuestión que desde un punto de vista científico está profusamente analizada. Unha guía sobre os combustibles forestais elaborada polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán aclaraba a cuestión.
A foto-guía de combustibles forestais de Galicia aclara o debate. Piñeiros e eucaliptos presentan en xeral maior velocidade de avance do lume, pero as masas de frondosas tamén arden
É certo que as masas de eucaliptos e piñeiros presentan en xeral unha velocidade superior de avance dos incendios, pero é falso que as frondosas non ardan, segundo concluía o traballo. As frondosas quéimanse igual, pero a unha velocidade de avance menor e en xeral, con menor altura das lapas. Dependerá tamén de factores como a estrutura de combustible que teñan as masas (mato, podas, clareos), pois podería haber rexeneracións naturais de frondosas con alta densidade nas que a velocidade de avance das lapas sexa mesmo superior á dun eucaliptal con pouco mato.
“O discurso que se está a xerar en Galicia contra os piñeiros segue o mesmo esquema que o que xurdiu no ecoloxismo de Portugal” -analiza Jacobo Feijoo-. “En Portugal, o primeiro obxectivo foi o eucalipto e desde a moratoria do eucalipto (2017), o foco púxose sobre o piñeiro. A terceira fase que está xurdindo en Portugal é a de criticar toda repoboación forestal, que chaman ‘deserto verde’, e avogar pola renaturalización (‘rewilding’), é dicir, pola pior opción que pode haber: deixar o territorio sen xestión. Iso é o que arde, o abandono”, advirte.
Redes sociais
O debate sobre os piñeiros deixouse sentir tamén con forza nas redes, nas que o sector forestal trata de desmontar o que considera mitos sobre os piñeiros.
A lo mejor pongo una obviedad pero creo es necesario:
Necesitamos productos forestales, y mejor locales que no de orígenes lejanos.
A partir de ahí, con ciencia, sostenibilidad y crecimiento, podemos entendernos.#gestiónforestal ✌️😊— educación forestal (@eforestal) August 1, 2022
Entiendo que ir contra aquello que te han dicho en la escuela, algún conocido con buena reputación, ¡incluso la universidad! puede producirte desazón esto:
1. Los pinos son autóctonos
2. Los pinos ni ninguna otra especie favorecen incendios
3. Cortar árboles no es malo— educación forestal (@eforestal) July 27, 2022
Es como si pongo esta foto (que se corresponde con un rodal de eucalipto no afectado por un incendio) y digo que los eucaliptos no arden y que sería recomendable ponerlos para no favorecer los incendios.
Repito, las especies no determinan un incendio. pic.twitter.com/H65ZOXyGwB— educación forestal (@eforestal) July 27, 2022
Un dispositivo de extinción insuficiente?
Os veciños do Courel e doutras zonas afectadas pola vaga de lumes de mediados de xullo queixáronse de xeito reiterado da carencia de efectivos de extinción e de medios aéreos. Veciños e colectivos que se fixeron eco das queixas consideran que houbo unha resposta “pouco áxil” dos medios existentes, a parte de que as brigadas municipais, que podían servir de apoio, estaban aínda sen activar a mediados de xullo.
“Hai que dar explicacións” -valora Jacobo Feijoo-. “Que se fixo, como estaban os dispositivos de extinción e como tiñan que estar?. No caso do Courel, o que a nós nos chega desde os veciños é que se fallou en atallar o lume de inicio. Aquilo estivo ardendo varios días sen que se destinasen medios suficientes. Se iso foi así, haberá que depurar responsabilidades”, considera o secretario xeral de Asefoga.
O conselleiro do Medio Rural, José González, confirmou pola súa banda que comparecerá no Parlamento para dar explicacións, pero non antes de que pase a época de alto risco de incendios.
Doutro lado, a Organización Galega de Comunidades de Montes pediu nun comunicado un servizo de extinción máis profesionalizado e que estea operativo todo o ano, “non só 6 meses”, a fin de aumentar a súa participación en traballos de prevención.
O reto de previr o arrastre de terras polas choivas
A restauración da superficie queimada ten como primeiro reto a prevención da erosión. “Podemos enfrontarnos a unha segunda catátrofe se en poucas semanas temos fortes choivas. É necesario que se acometan con urxencia traballos de prevención da erosión nos puntos críticos das microconcas afectadas polos lumes, obstáculos transversais ó paso da auga, empalizadas, etc.” -advirte Jacobo Feijoo-. “Se iso non se fixera, poden producirse danos importantes en estradas, infraestruturas e núcleos do poboación”, conclúe.
Técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán xa estiveron en xullo no Courel analizando as medidas que cómpre adoptar. Queda agora por ver se se dan posto en marcha antes da época de choivas e se son suficientes para minimizar os arrastres de terras.
se colledes a conta de twitter dun propagandista do eucalipto e piñeiro, o normal e que saia iso, menos mal que expoñedes que as frondosas arden máis lento.
se o abandono fose a culpa dos incendios non ardería Verín , nin Vigo, o que prende lume o monte ou son os raios ou é algún veciño da zona
dende logo encher os bosques de piñeiro, eucalipto e biduiero non é frear o lume