O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) móstrase aberto a revisar os protocolos empregados e comprométese a facer unha revisión dos sistemas utilizados para evitar casos como os denunciados este verán pola asociación Agromuralla, con variacións significativas nos resultados das mostras, unha situación que causou “prexuizos económicos importantes ás explotacións”.
O director-xerente do Ligal, Roberto Lorenzana, recibiu o pasado xoves na sede do laboratorio a unha representación de gandeiros de Agromuralla, en concreto a varios membros da súa xunta directiva, en concreto ao presidente da asociación, José Luis Pérez Barreiro, ao vicepresidente, Javier Losada, ao secretario, Antonio Alvite e ao portavoz, Roberto López.
Os responsables de Agromuralla puideron visitar as instalacións de Mabegondo e recibir unha explicación de como é o sistema de analíse e a forma de traballar do laboratorio, desde a entrada de mostras até o envío dos resultados ás granxas.
Logo das discrepancias denunciadas por Agromuralla este verán, o Ligal mercou material novo por se o que estaba a utilizar podía estar defectuoso
José Luis Pérez Barreiro lamentou a tardanza na reunión, posto que os problemas foron detectados a comezos de agosto, pero agradeceu “a predisposición do Ligal a revisar os protocolos actuais”.
Lorenzana, pola súa parte, ofreceu a Agromuralla a posibilidade de solicitar a entrada como entidade representante do sector productor no Ligal, onde tamén está representada a industria que recolle leite en Galicia.
Analíticas en tres laboratorios oficiais distintos
Agromuralla detectou este verán discrepancias importantes nas analíticas realizadas en tres laboratorios oficiais distintos, doutras tantas comunidades autónomas, en parámetros como o punto crioscópico do leite ou os niveis de graxa e proteína.
Agromuralla seguirá enviando puntualmente mostras aleatorias a laboratorios oficiais doutras comunidades autónomas e pide que se unifiquen os protocolos
“A diferenza entre mostras analizadas en distintos laboratorios chegou a ser de até 15 puntos no punto crioscópico, algo que non pode ser achacado a cambios estacionais porque senón os resultados dos outros laboratorios, posto que as mostras foron tomadas no mesmo momento, tamén terían amosado ese cambio estacional, algo que non sucedeu”, explica Pérez Barreiro.
Desde que foi denunciada por Agromuralla esta situación deixaron de chegar estas analíticas tan dispares. Os responsables do Ligal explicaron que o laboratorio fixo compra de novo material utilizado nas analíticas por se o que tiñan podía estar defectuoso ou en mal estado.
Perdas de miles de euros
Os membros de Agromuralla insistiron ante os responsables do Ligal na importancia de lograr “a máxima fiabilidade” nos resultados do laboratorio, pois o resultado das analíticas inflúe directamente no prezo do leite e, polo tanto, no resultado económico final das granxas.
No punto crioscópico, por exemplo, os resultados do Ligal teñen até 5 puntos de marxe de erro, o que pode levar a penalizacións por parte das industrias que recollen o leite. “Pode variar até 2 céntimos no prezo por litro de leite por litro por perder a dobre AA hixiénico-sanitaria, algo que pode suceder nalgunhas industrias se a crioscopía baixa a -514ºC”, exemplifica Pérez Barreiro.
As industrias utilizan baremos distintos para o punto crioscópico e desde Agromuralla piden que se unifique en -512ºC
Dependendo do tamaño da granxa, esta variación poden ser miles de euros cada mes, polo que desde Agromuralla fíxose fincapé ante os responsables do Ligal nas consecuencias económicas que pode ter a diferenza nas analíticas para un gandeiro.
Mostras de contraste
Agromuralla insistiu unha vez máis na necesidade de implantar a dobre mostra lacrada e de establecer maiores medidas de seguridade para garantir a fiabilidade da toma de mostras para evitar deste xeito a “indefensión” dos gandeiros. “A encargada da toma de mostras e da súa custodia é a industria que nos recolle o leite e cando unha mostra dá mal estamos totalmente vendidos”, afirma Pérez Barreiro.
Por iso, Agromuralla anuncia que seguirá enviando puntualmente mostras a laboratorios oficiais doutras comunidades autónomas para facer mostreos aleatorios de contraste e validar deste xeito os resultados das analíticas do Ligal. “Seguiremos vixiantes e aleatoriamente seguiremos mandando mostras para seguir facendo controis e comprobar que non se volve producir a situación deste verán. Son analíticas de verificación noutros laboratorios que tamén son oficiais e tamén están certificados pola ENAC, igual que o Ligal”, explica o presidente de Agromuralla.
“Algunhas industrias utilizan fraudulentamente o punto crioscópico, que mide a presencia de auga no leite, para acometer baixadas encubertas no prezo”
Desde a Federación Rural Galega (FRUGA) solicitan da Consellería do Medio Rural a convocatoria da Mesa do Leite para abordar, entre outros asuntos, os problemas detectados este verán nas analíticas en relación ao punto crioscópico do leite.
A produción láctea estándar, debe cumprir uns mínimos, tanto en materia proteica, materia graxa, presencia de inhibidores, presencia de células somáticas e presencia de xermes. “Evidentemente cando non se cumpren eses mínimos, nas distintas modalidades, a industria procede a aplicar penalizacións, e mesmo as veces pode chegar a suspender a recollida, sobre todo no caso de se detectar a presencia de inhibidores (antibióticos)”, explica Elías Somoza.
Xunto con estes parámetros, existe igualmente o punto crioscópico, tratase dun parámetro baseado no punto de conxelación do leite, e permite comprobar a presenza de auga engadida neste produto. O seu fin é previr certo tipo de fraudes que se poden dar na comercialización do leite.
A FRUGA denuncia que hai industrias que aplican “criterios arbitrarios” e solicita a convocatoria da Mesa do Leite
“Enténdese que o punto de conxelación do leite determina a cantidade de auga que contén. Canta máis presencia de auga no leite este conxela antes, mais próximo aos 0ºC e estímase ese punto crioscópico estándar do leite nun valor de -0,512ºC, e polo tanto se o valor é superior indica a existencia de auga acrecentada (por exemplo -0,510ºC), pola contra puntos crioscópicos inferiores indican menor presencia de auga (por exemplo -0,514ºC)”, detalla.
“Nestes momentos algunhas industrias toman como referencia o valor de -0,512ºC, a partir do que proceden aplicar penalizacións. Máis tamén existen outra serie de empresas que aplican penalizacións cando o punto crioscópico non chega a -515ºC, ou noutros casos a -514ºC, isto quere dicir que se lles está a aplicar penalización por ter menor presencia de auga da considerada como normal. Estas penalizacións son aplicadas na maior parte dos casos, con que unha soa mostra que non acada eses mínimos, e a súas contías poden chegar a 3 céntimos de euro por ter unha analítica inferior a -515ªC”, denuncia Elías Somoza.
Tendo en conta a alimentación do gando e as distintas épocas do ano, poden existir variacións no punto crioscópico
“Tendo en conta que en moitas ocasións, a alimentación do gando varia en función das distintas etapas do ano, poden existir variacións no punto crioscópico, sobre todo se os animais saen a pacer, o cal non significa que ese leite teña presenza de auga engadida, nin que se estea cometendo ningún tipo de fraude, nin que esa produción sexa de peor calidade”, argumenta.
“Dende a FRUGA entendemos que certas industrias utilizan esas penalizacións, en base a parámetros arbitrarios, para aplicar unha baixada encuberta do prezo a pagar o produtor”, polo que considera “urxente” a convocatoria da Mesa do Leite para “evitar os abusos por parte dalgunhas empresas lácteas”. Igualmente, considera que a conselleira do Medio Rural “debe tomar cartas no asunto”.