O ‘Libro Branco dos Lácteos’, un aval científico sobre os beneficios do consumo de leite

A Fundación Española da Nutrición (FEN) e a Interprofesional Láctea (InLac) presentaron hoxe un compendio científico exhaustivo sobre a gran relevancia dos lácteos no ámbito da nutrición e da alimentación. A obra conta coa colaboración e autoría de máis de cincuenta investigadores de recoñecido prestixio

O ‘Libro Branco dos Lácteos’, un aval científico sobre os beneficios do consumo de leite

Rosaura Leis, José Manuel Balseiros e Daniel Ferreiro durante o acto de presentación do libro. / Fonte: Elaboración propia

A presidenta da Fundación Española da Nutrición, Rosaura Leis, e o presidente da Interprofesional Láctea (InLac), Daniel Ferreiro, presentaron hoxe en Santiago de Compostela o Libro Branco dos Lácteos, un fito significativo no ámbito da nutrición e a divulgación científica, ao ofrecer un compendio exhaustivo e actualizado sobre os lácteos e o seu papel fundamental na alimentación e na saúde, en formato DAFO. O acto contou coa presenza do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, José Balseiros.

Imaxe do acto de presentación do libro no salón de actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía. / Fonte: Elaboración propia

Imaxe do acto de presentación do libro no salón de actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía. / Fonte: Elaboración propia

“Confiamos en que o Libro Branco dos Lácteos se converta nun referente na materia e sirva como ferramenta útil e valiosa para todos os profesionais da saúde, responsables políticos, consumidores e todos os operadores interesados en promover unha alimentación saudable, satisfactoria, sinxela e sostible, dende os primeiros momentos da vida ata os máis maiores”, destacou Rosaura Leis durante a presentación.

“A inactividade física está conectada co uso das pantallas, a través das que chegan fake news e estilos de vida ou modelos nutricionais pouco saudables”, Rosaura Leis

“Unha dieta debe ser suficiente en cantidade, variada, equilibrada e axeitada ao sexo, á saúde e á actividade física. O leite e os lácteos forman parte deste conxunto variado”, salientou a presidenta da FEN. Tamén lembrou que “as principais causas de enfermidade e morte no mundo están relacionadas con estilos de vida pouco saudables, entre os que se inclúe a inactividade física, que non é o mesmo que a falta de actividade física. A primeira está conectada co uso das pantallas, a través das que chegan fake news e estilos de vida ou modelos nutricionais pouco saudables”.

A matriz dos lácteos foi outro dos acentos postos á hora de manter un consumo estable. “Cando unha persoa consume un alimento, non toma un nutriente concreto, senón que un alimento representa un conxunto de compoñentes nutricionais e funcionais que interaccionan entre si, e hai matrices que parecen saudables, como a dos lácteos”, engadiu Leis.

Durante a súa intervención, o presidente de InLac aproveitou para trasladar que “dende a Organización Interprofesional Láctea temos a oportunidade de continuar traballando no sector para conseguir produtos de maior valor engadido, unha maior rendibilidade e seguridade para a nosa poboación e, aos consumidores, ofrecerlles alimentos sostibles, saudables, accesibles e dunha calidade excepcional. Traballamos para conseguir a maior sostibilidade económica na sociedade, un paso imprescindible para lograr unha sostibilidade social e ambiental”.

Que nos conta este libro?

Respecto aos temas que recolle a publicación, o módulo I aborda tres capítulos: a historia dos lácteos, explorando dende as súas orixes ata a súa evolución ao longo do tempo; os lácteos na cesta da compra, analizando datos do panel de consumo alimentario; e, por último, estudos e enquisas alimentarias que investigan a inxesta de lácteos dende perspectivas nutricionais e sociolóxicas.

No módulo II examínase a produción, procesamento e tratamento dos alimentos lácteos, incluíndo os últimos avances en tecnoloxía alimentaria. Os capítulos deste módulo abarcan diferentes alimentos que compoñen o grupo dos lácteos, cun total de seis capítulos.

No que respecta ao módulo III, profundízase na composición nutricional do leite e dos alimentos lácteos, así como nos alimentos e ingredientes de interese, con capítulos dedicados ás proteínas, graxas, lactosa, a matriz láctea e as vitaminas e minerais dos lácteos, ademais de alimentos enriquecidos e fortificados. Pola súa banda, no módulo IV analízase o papel dos lácteos nas diferentes etapas da vida e situacións fisiolóxicas, cun total de cinco capítulos: infancia e adolescencia, poboación adulta, persoas maiores, embarazo e lactancia, e, finalmente, a importancia dos lácteos na calidade da dieta.

Mentres tanto, o módulo V dedícase á relación entre lácteos e saúde. Pola súa banda, no módulo VI abórdanse as relacións entre lácteos, educación e sostibilidade, ademais do etiquetado do leite e os lácteos, o leite e a súa inclusión nos programas de alimentación infantil e xuvenil, a pegada de carbono e hídrica dos lácteos e, finalmente, un capítulo dedicado a propostas para a mellora da saúde ambiental.

Finalmente, o módulo VII cobre outros temas de interese relacionados cos lácteos, explorando a súa relación coa gastronomía e o pracer, e a importancia deste grupo de alimentos na dieta mediterránea como exemplo das nosas dietas tradicionais. España é un país de lácteos. Os datos falan por si mesmos: a cadea de produción, transformación e comercialización do lácteo factura arredor de 12.700 millóns de euros ao ano e xera máis de 70.000 empregos directos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información