O estudo da cadea de valor do leite que elaborou a Interprofesional Láctea é claro. O custo de produción mínimo do litro de leite posto no supermercado é de 60 céntimos. Vender o leite por debaixo desta cifra supón poñer en maiores dificultades a granxas e industrias e asumir perdas por parte da cadea de distribución. En outubro, un 22,8% do leite continuábase a comercializar a menos de 60 céntimos, se ben en agosto era o 28,9%, segundo os datos do informe trimestral de seguemento do acordo lácteo que vén de presentar o Ministerio de Agricultura.
As protestas gandeiras de setembro levaron ós grupos de supermercados a unha suba media do leite de 1 céntimo. O informe confirma que ese aumento, sen embargo, non se lle trasladou á industria. É dicir, o supermercado gaña máis; industria e gandeiros non.
O prezo medio en outubro era de 71,4 céntimos, polos 70,3 de agosto, aínda que as vendas concéntranse nos treitos baixos de prezo. En outubro, o principal treito de compras situouse entre os 60 e os 65 céntimos, cun 24,3% do total das vendas, en tanto o leite comercializado entre 55 e 60 céntimos foi dun 21,4%.
O leite comercializado a menos de 55 céntimos case desapareceu. Só representa o 1,4%
Agricultura destaca a reducción do leite a baixo prezo nos supermercados e suliña a práctica desaparición das ofertas por baixo dos 55 céntimos. Se en agosto houbo un 3,7 % do leite vendido por debaixo de 55 céntimos, en outubro só representou un 1,4 %. Por tipos de establecemento, son as tendas de desconto (Lidl, Dia, Familia, etc.) as que concentran as maiores vendas de leite a menos de 60 céntimos.
Esa revalorización dos prezos no súper, segundo o Ministerio, correspondeuse cunha mellora paralela dos prezos ó gandeiro. A Administración salienta que o leite mercado na granxa por debaixo de 27,5 céntimos descendeu á metade entre xullo e outubro. Se en xullo representaba un 22,7% do total de leite comercializado en España, en outubro só un 12 por cento se vendeu por debaixo dos 27,5 céntimos.
Entre xullo e outubro, o leite vendido na granxa a menos de 27,5 céntimos baixou case á metade
As industrias, sen embargo, sosteñen que non experimentaron ningunha mellora nos prezos que perciben por parte das cadeas de distribución, segundo se reflicte no informe trimestral do acordo lácteo que elaborou o Ministerio. Evidentemente, ese informe, presentado onte, non recolle aínda os compromisos asumidos polas cadeas de distribución cos gandeiros nas últimas dúas semanas.
Avances nos compromisos do acordo lácteo
O informe trimestral de seguemento do acordo lácteo, un documento de 37 páxinas, analiza punto por punto os avances que se rexistraron nos compromisos asumidos por distribución, industrias e gandeiros.
– Posta en marcha dun protocolo de incidencias entre a Interprofesional Láctea (Inlac) e as cadeas de distribución para resolver en menos de 72 horas os casos que se denuncien de prácticas banalizadoras do leite, cando o brik se comercialice no supermercado a moi baixo prezo. O protocolo está en marcha desde o 20 de novembro e ata o de agora non foi usado por ningunha organización.
Industrias e cadeas de distribución comprometéronse co Ministerio a reducir as importacións de leite
– Amplo consenso na Inlac sobre o contido do contrato de compra venda de leite cruda, que agora está en proceso de homologación polo Ministerio de Agricultura. Só Coag, co apoio do Sindicato Labrego, se opuxo a ese contrato, entre outras cuestións, por non establecer un leite tipo en canto a calidades.
– O sector está a traballar na mellora da identificación da orixe do leite en envases e nos lineais das cadeas da distribución, polo que se agarda unha rápida incorporación desta información. Agricultura destaca que o selo Producto Lácteo Sostenible (PLS) garante a orixe española do leite. En Galicia, o selo Galega 100% certifica pola súa banda a orixe galega. Hai compromisos de industrias e de cadeas de distribución para reducir as importacións de lácteos.
Agricultura agarda unha inmediata mellora da identificación da orixe do leite nos envases e nos lineais
– Elaboración dun real decreto que permitirá coñecer o prezo de cesión do leite entre industria e distribución. O decreto está agora mesmo pendente de entrar no Consello de Ministros para a súa aprobación. Unha vez que se coñezan os prezos de venda entre industria e distribución, poderase apreciar se a distribución de valor ó longo da cadea do leite é sostible ou non para todos os axentes, segundo suliña o Ministerio.
Compromisos do acordo máis retrasados
– Establecer contratos a longo prazo entre industria e distribución. Para o 14 de xaneiro, está prevista unha xornada técnica entre industria e distribución para avanzar nunha contratación a maior prazo. As relacións estables entre ambas partes permitirán valorizar mellor o produto –destaca Agricultura- e “poder trasladar parte dese valor ó gandeiro”, co que se manterán tamén contratos de suministro a longo prazo. Na actualidade, o 59% dos contratos entre industria e gandeiros teñen unha duración de entre 6 meses e 1 ano. Outro 41% dura menos de seis meses.
A maioría das industrias afirma que non constatou melloras nos prezos de venda á distribución
– Mellora do prezo ó gandeiro. Con respecto ó compromiso das industrias de compartir as melloras que consigan nos contratos de suministro coa distribución, a maioría das industrias afirmou que non constatou tales melloras.
– Fusión de cooperativas e impulso ás organizacións de produtores. Agricultura sinala que Cooperativas Agroalimentarias de España está a traballar neste punto, sen embargo polo de agora non hai avances concretos. Outro problema que revela o informe trimestral é o escaso éxito das organizacións de produtores. Das 8 constituidas en España, que agrupan a máis de 5.000 gandeiros, só 3 foron capaces de chegar a acordos coas industrias no 2014.
Regulación dos primeiros compradores
Co fin do sistema de cotas, desapareceron unha serie de requisitos que se lle esixían ós primeiros compradores (intermediarios) de leite, tales como avais. O Ministerio de Agricultura ten previsto regular de novo a figura do primeiro comprador a través dun decreto que publicará no primeiro semestre do 2016. Entre os requisitos que se barallan, pode figurar a obriga de comercializar un volume mínimo de leite, de xeito que se desincentiven ós pequenos operadores intermediarios que non lle aportan valor ó sector, segundo o Ministerio.
Agricultura tamén quere promover a fusión das cooperativas que actúan como primeiro compradoras, de xeito que poidan chegar a convertirse en organizacións de produtores.
Máis información
– Informe trimestral de seguemento do acordo lácteo (30 de decembro do 2015)