O leite que vén, vacas alimentadas sen soia transxénica

En Suecia e Austria, o 100% do leite prodúcese sen uso de transxénicos, en tanto en Alemania, o maior produtor da UE, arredor da metade da produción segue xa esa liña. Espérase un aumento desa tendencia en toda Europa

O leite que vén, vacas alimentadas sen soia transxénica

Grans de soia. / Arquivo.

Os sistemas de produción de leite diferenciado continuarán cobrando importancia nos próximos anos. Logo da expansión do leite ecolóxico e do leite producido en base a pastoreo, que continuarán a súa consolidación no mercado, espérase o aumento dunha nova tendencia, o leite de vacas alimentadas sen transxénicos. Esa é a previsión que se recolle no informe de perspectivas do sector lácteo para o 2030 que vén de presentar a Comisión Europea.

En países como Austria ou Suecia, o 100% do leite producido obtense sen uso de transxénicos, en tanto en Alemania, o maior produtor da UE, arredor da metade do leite é ‘GM-free’ (libre de transxénicos), unha tendencia que se espera que medre no resto da UE, pois o consumidor asocia estas producións a unha alimentación máis natural e con menor impacto ambiental.

A alternativa á soia pasa por importar máis colza e xirasol e por aumentar a produción de pastos e forraxes

A principal dificultade para que as ganderías evolucionen cara a unha alimentación libre de transxénicos sitúase na soia, que representa un compoñente importante dos pensos en vacún de leite polo seu aporte de proteína.

A Comisión Europea calcula que a soia supón un 16% da alimentación animal, pero só un 3% é producida en Europa. Os principais países exportadores, Estados Unidos, Brasil e Arxentina, traballan principalmente con variedades de soia transxénicas. As posibilidades de importar soia non transxénica céntranse en Ucrania, outro dos principais mercados para a UE, e en Brasil, onde parte da produción é ‘GM free’ (libre de transxénicos), se ben desde o ámbito ecoloxista tamén se cuestiona o uso de soia non transxénica do Brasil, pois enténdese que ese consumo pode ter impacto ambiental na deforestación do Amazonas.

Que alternativas hai á importanción de soia? A Comisión Europea considera que esa alimentación pode suplirse cun aumento da produción de pastos e forraxes en Europa (+2,8 millóns de hectáreas), considerándose tamén posible aumentar a soia producida en Europa (+ 600.000 hectáreas).

Con todo, para cubrir as necesidades de proteína na ración do vacún, sería preciso de xeito paralelo aumentar as importacións de oleaxinosas non transxénicas, por exemplo colza e xirasol.

Tendencias de consumo, limitacións ambientais e mercado mundial

O informe sobre as perspectivas do mercado lácteo para o 2030 que vén de presentar a Comisión Europea analiza as cuestións a ter en conta en torno a produción, consumo e mercado. Resumimos os principais puntos:

Produción
– A produción de leite na UE continuará aumentando na próxima década (+ 0,6% anual), pero a menor ritmo do que o fixo nos últimos anos , cando se superaba o 1% anual. Os condicionantes ambientais e os requerimentos de sistemas de produción diferenciados (leite ecolóxico, en base a pastos, etc.) restrinxirán o aumento das entregas.

– O rendemento leiteiro continuará aumentando e espérase que no 2030 chegue ós 8.300 litros por vaca, fronte ós 7.300 actuais. Iso permitirá reducir a cabana gandeira nun 6% e reducirá as emisións de gases de efecto invernadoiro por litro de leite producido.

Limitacións ambientais
– A produción leiteira está baixando en Holanda pola obriga de reducir a carga de fosfatos. O debate está tamén moi activo en torno ós nitratos en moitos países da UE.

As industrias lácteas da UE inician plans para reducir a pegada de carbono da produción do leite

– Outra cuestión ambiental a ter en conta é a das emisións de gases de efecto invernadoiro. Hai industrias lácteas na UE que xa anunciaron plans para reducir a súa pegada de carbono. As vías de traballo para lograr iso céntranse en reducir as emisións de metano do gando, mediante cambios de manexo e nutrición, e en mellorar o secuestro de carbono, aumentando os pastos temporais ou o tempo de permanencia dos cultivos tanto como sexa posible.

Mercado
– Os prezos da manteiga e do leite en po volverán a cifras normais, que no caso da manteiga rondará os 3.600 euros por tonelada e no leite en po os 2.600. Son cifras que se prevé que permitan manter un prezo forte do leite no campo.

– A produción leiteira aumentará nos países en vías de desenvolvemento, polo que o aumento das exportacións será menor que na última década.

– O queixo continuará aumentando a súa cota de consumo en Europa (+1 kg. por persoa e ano no 2030), en tanto o leite líquido seguirá perdendo peso (-7 litros por persoa e ano no 2030). Iogur e nata experimentarán pequenos aumentos de consumo.

– O queixo absorberá tamén máis do 40% do aumento de volume de exportacións previsto na UE na próxima década, seguido dos soros en po (+26%) e da manteiga (+19%).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información